Hai moitas lendas sobre os ríos galegos, de momento poño estas dazaoito que son as que máis me gustan. A troita loba de Portovía non sei si é lenda ou realidade,
A lenda das pintas vermellas das troitas. As aureanas feiticeiras do río Sil. O sexo dos ríos galegos. Antonio Fraguas. Lenda dos ríos galegos. Chao Rego. Lenda dos ríos Miño e Sil . A troita moura. Xoan Xosé Teijeiro. A lenda da Virxen e o Neno en Portomarin. Xexús Mato. A lenda da Ponte Pedriña. (Recopilada por Rosa Martínez) A lenda da Ponte Freira. A lenda da Ponte Gatín. A lenda da Ponte do río Furelos. A lenda dos sete santos do Miño. (Eliseo Alonso) A troita loba de Portavía. (¿Anónimo ?) Lenda do Pedregal de Irimia (Nacemento do río Miño). Se o río Miño queda sen auga. Feiticeiras de Arbo e Melgaço. Lenda do Miño. Cada remadela, sete leguas. Lenda do Miño. As lendas dos ríos das pedras.
Chao Rego: A lenda dos tres ríos.
UN PAÍS DE RÍOS
Naceron tres fontes e puxéronse a camiñar, e o mar prometeulles que lles entregaría unha persoa ó ano en sacrificio á primeira delas que chegase onda el. Eran as fontes do río Eume, do Sor e do Landro, segundo lenda que Bouza Brey nos conta coma recollida da comarca ferrolá. Botáronse a camiñar. Con rivalidade, que rival vén da palabra latina rivus, que significa río, como xa dixemos. Pero, cansas, adormeceron, non sen antes establecer un pacto de que a primeira que acordase había de avisar ás outras dúas. Pero venceu a rivalidade.
A primeira que espertou traizoou ás outras dúas, e púxose a camiñar, silandeira, por mor de que non se desatasen as competidoras. Axiña acordou a segunda que, furiosa porque non a chamaran, púxose a correr, pero coidadosa de non espertar a terceira. Esta, cando se ergueu do sono e se atopou soa, alporizouse e deu en correr, brincando por riba dos montes e penedos, acadando o mar antes cás outras. É o río Eume, que pasa polas Pontes de García Rodríguez e desemboca en Pontedeume; disque tódolos anos cobra o prezo dunha persoa, que o mar lle paga. Un río que mete medo e resulta falso.
Se principiamos por unha lenda é porque o réxime fluvial galego é literalmente lendario. Álvaro Cunqueiro afirmou, en fase enfática, que Galicia e o país dos dez mil ríos. Non constitúe unha afirmación matemática, senón contundentemente simbólica. O profesor Augusto Pérez Alberti dío de xeito máis científico, que non prosaico: «Galicia é unha terra de ríos». Pero a lenda pode dar xogo, porque os ríos galegos son atípicos, como de contado imos dicir: primeiro dormen e logo teñen que bulir por chegaren.
Se alguén olla o mapa fluvial galego percibirá axiña, coma imaxe húmida e gratificante, un mesto urdido de raias sobre a tea de fondo da nosa xeografía que delata que estamos perante un país de ríos. Díaz-Fierros, xunto con Núñez Delgado e López Periago dínnolo: «Se a paisaxe de Galicia ten algo propio e ben diferenciado é, sen ningunha dúbida, este urdido de vales fluviais que, dentro dunha aparente anarquía, agachan un claro ordenamento e xerarquización, determinados polo artello da rede hidrográfica».
¿Por que sucede así na nosa xeografía? O ceo e maila terra xúntanse para fornecérenno-la explicación. Os dous grandes factores que determinan a nosa condición fluvial son, por unha parte, o clima, en particular o réxime de chuvias. Isto en canto ó ceo, que na terra son responsables as características tectónicas e morfolóxicas; é dicir, a forma dos solos, a orografía.
O profesor Río Barja coa colaboración de Rodríguez Lestegás, nun minucioso estudio sobre os ríos galegos, advírtennos: «A disposición das unidades orográficas, cunha orla montañosa setentrional e occidental discorrendo próxima ó litoral dende a Serra do Xistral ata a do Faro de Avión, e un máis destacado conxunto oriental e sudoriental, dende a Serra de Meira ata a do Xurés, facilita a configuración de abundantes centros dispersores de augas, que envían en tódalas direccións multitude de cursos fluviais, aínda que de curto percorrido, coa coñecida excepción do pai Miño».
As troitas eran considerados en Galicia animais máxicos. Conta Xoan Xosé Teijeiro, no libro Seres galegos das augas que no río Mao, afluente do Cabe pola zona de Vilasouto, en Lugo, que había unhas troitas con pintas vermellas, que se creían mortos encantados dunha batalla entre mouros e cristiáns. Sin dúbida hoxe estarán máis mortos xa que no lugar fixeron un encoro. Coñezo ben a zona. Por certo preciosa en tempos e cunha chea de troitas, entre Vilasouto e Go.
Son moitos os pozos galegos nos que se atopa unha troita como reina do pozo, así a "Isabel" en Grixó, no río Arnoia, en Ourense, por poñer un, dos moitos exemplos.
As troitas e salmóns eran concebidos como peixes de sabedoría e sagros, pois vivian nas augas limpas, o que demostraba a súa xebra. Coñecían ademais os ciclos e percorridos dos ríos, remontando fervenzas, salvando remuiños e correntes. Toda unha metáfora de sabiduría da vida.
En terras escocesas chaman caesg, a unha serea ou muller feérica que posúe medio corpo de troita. Atópase en augas frescas, entre outros. Seguro que en Galicia hai moitas CAESG si non rematan con elas os minicentraleiros e outros explotadores dos ríos galegos...
A lenda da Virxen e o neno en Portomarín.
E a carón da Capela de Santa Mariña, que segundo as crónicas xa era un pequeno mosteiro de monxas no século IX, había un pouco "río arriba" un longo treito de Río Miño -máis ou menos un quilómetro- onde as angas sempre van mainiñas, gardando un silencio sosegado. E tamén, uns grandes penedos que semellan botarse no río para gañar o retiro pacífico de tantos anos, parecen querer gardarse baixo as augas, despois de exercer de inmóbiles pedras, inspiradoras de lendas e contos de mouras e cristiáns, de "cestas de ouro", de tesouros agachados, etc.
Pois ben nese mesmo lugar había unha peneda que xa estaba entre as augas metida e que ten a súa lenda.
A metade da peneda estaba cuberta pola auga e a outra metade fóra. Nunca desaparecía da vista dos que por alí andaban anque houbera secas importantes .ou grandes enchentes. Alí estaba como mostra de .veracidade do que vos vou contar:
María, San Xosé e mais O Neno estiveron en Galicia fuxindo de Herodes. A Virxe levaba ó neno durmidiño no colo. San Xosé tiraba pola corda do burro no que ían María co Neno en brazos.
Ó chegaren a aquel sitio de Portomarín, á beira do Río Miño, os tres quixeron cruzar. As augas facían moito ruído ó pasaren entre os penedos e os cachóns, porque estes imprimíanlle aínda máis velocidade.
María, non querendo que lle espertaran O Neno, dixo:
- Río Miño, Río Miño, pasa quedo e caladiño.
Non espertes ó Neniño que xa o levo durmidiño".
-E o río voltouse calmo, pousado e silencioso naquel tramo do seu curso en contraste cos cachóns que hai catro ou cinco quilómetros máis abaixo.
Contan as xentes de Portomarín e Comarca que A Familia pasou o río sen problemas e que O Neno non espertou. Naquela peneda do río aínda está a pasada do burro cando, para facer pé, pousou alí unha pata.Por desgracia, hoxe todo está cuberto polas augas do Encoro de Belesar que asolagaron tantas realidades vivas, tan só queda o recordo e tantas lendas e soños como esta que eu vos acabo de contar.
Mero. Reelaboración da lenda que me contou. moi ben contada, o meu amigo e coñecedor da cultura tradicional D. Xesús Mato e Mato.