O can de palleiro é o can
galego por excelencia, o nome non foi doado xa que iban dende
can das vacas, pastor galego, pastor alobado e outros. O final o de palleiro
penso que é o que se merece xa que este can acostuma a dormir
precisamente no palleiro, fora da casa. De tódolos xeitos o nome de
"can de palleiro" non ten boas connotacións nas cidades pero o nome
non semella que este can sexa trapalleiro nin moito menos.
Conta Ernesto Fernández a
anécdota dun home que durante todo o día estuvo partindo leña e
transportando a leña a cuberto, mentras o can estuvo preto dil
observando a faena. Seica que ó caer a noite cando o dono deixou de
traballar o can tratou de imitar o dono carretando a leña ó mismo
lugar.

Can de palleiro, descoñezo o autor da fotografía.
Un pouco de historia da súa
orixen:
Can de tronco indoeuropeo, o
seu agriotipo (antepasado) foi o principal antecesor dos “cans de
campesiño” de Centro Europa, acompañando os pobos precélticos
atlánticos, centroeuropeos e nórdicos nas sucesivas ondas de
invasións (celtas, suevos, visigodos e normandos) que poboaron a
vertente atlántica noroccidental da Península Ibérica; comparten
unha orixe común cos pastores Belgas, Holandeses, de Picardía,
Castro Laboreiro, e Alemáns, entre outros, e foron cruzados moi
frecuentemente por este último.
É o can de granxa por antonomasia, que existiu dende sempre en
Galiza; recibe o nome de Can de Palleiro, en alusión ao palleiro
onde adoita durmir.
Nota: texto copiado dunha
ficha da Xunta de Galicia,
neste link.


Fotografía do Can de palleiro.
Falonso.
Historia do can de palleiro en Galicia, como naceu,
como está actualmente.
Dous labregos miran a un can de palleiro esfameado. “¿Por que non
lle das de comer ao can”, pregunta un. “Para o que traballa...”,
contesta o outro. “Pois entón, ¿por que non o matas?”, replícalle o
primeiro. O outro responde: “Para o que come...”. O chiste pertence
ás históricas Cousas de Castelao. É o can de palleiro, o máis
humilde, ácrata, vello e querido dos animais do rural galego. Del
falaron os escritores, os políticos e os poetas, que o identifican
pegadiño ás persoas coma o máis fiel dos cans familiares, con trazos
tan humanos coma os seus donos.
O agarimo e o sorriso que esperta ten aínda fieis seguidores: a
Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) presentará a
finais de ano unha exposición con 35 ilustracións sobre esta raza
que percorrerá varias poboacións galegas. Segundo Kiko da Silva,
membro da Asociación, decidiron abordar este proxecto porque “nunca
se lle fixera unha homenaxe a este can en Galicia, a pesar de ser un
dos grandes tópicos do país, como as meigas e os castros”. Case
todos os ilustradores membros da entidade participan no proxecto do
que aquí podes ver unha primeira mostra.
Unha definición
Pero vexamos que é exactamente un palleiro: dise do can de tronco
indoeuropeo, rústico e fornido, de tipo lupoide, de perfil recto,
eumétrico, de tamaño medio, duns 60-62 cm. á cruz; mesodolicomorfo,
de proporcións harmónicas e de constitución forte... Se un consulta
a orde do 26 de abril do 2001 da Xunta ou o Real Decreto 558/2001do
Goberno central todas as súas características morfolóxicas figuran
especificadas para o recoñecemento legal. Porque na actualidade, o
palleiro é unha raza canina de seu, ten un Libro xenealóxico que lle
achega pedigrí e un club de cría, promoción e difusión. E, contra o
que moita xente pensa, atópase en perigo de extinción.
Un can multifuncional
Así o anunciaba a Dirección Xeral de Política Agroalimentaria da
Xunta o venres pasado en Ourense no seu libro “Razas Autóctonas de
Galicia en perigo de extinción”. O volume recolle varias razas de
cabalos, ovellas, galiñas, porcos e cans aos que a chegada da
modernidade non lles sentou nada ben. Como á sociedade agraria
tradicional, da que camiña collido da man. Segundo Natalia Botana,
secretaria do Club de Raza Can de Palleiro: “todas as razas caninas
autóctonas están en perigo de extinción. Na sociedade tradicional,
todos os animais tiñan unha función moi determinada, e o que non
valía era rexeitado”. O can de palleiro obtén o seu nome de durmir
no devandito, pero tiña funcións específicas dentro dunha casa de
labranza. Era un can pastor, que acompañaba ás vacas aos prados,
gardaba á casa, avisaba da chegada de estraños, etc. Valía para
todo, pero na sociedade tradicional outras razas caninas tiñan
funcións máis específicas. Deste xeito, o can guicho ou quisquelo, o
podengo galego ou o perdigueiro son outras razas adaptadas
especialmente para a caza.
Xunto co palleiro, foron declaradas como razas autóctonas de Galicia
no ano 2001 pola Xunta. O proceso tivera pasos de investigación
previos. Deste xeito, no ano 1999 a Dirección Xeral de Produción
Agropecuaria iniciou o “Plan de recuperación das razas autóctonas de
Galicia”, destinado á recuperación das razas propias. O Plan
sucedeuse en tres fases: identificar cans posíbeis de pertencer ás
razas (por exemplo, atopáronse 153 candidatos a palleiro), medilos e
identificar as súas características comúns e, posteriormente,
redactar os obxectivos específicos do plan, que eran definir un
estándar racial de can de palleiro –é dicir, saber como distinguir a
un palleiro doutro tipo de can-, darlle recoñecemento oficial á
raza, fomentar a creación dos clubs de raza e definir como serán os
programas de cría do futuro.
Club de raza
Deste xeito, creouse o club de raza Can de Palleiro no 2002, formada
por uns 30 socios de todo o país e promovida pola Administración
autonómica. O obxectivo do Clube do Can de Palleiro é a
conservación, recuperación e difusión desta raza entre os
propietarios actuais e os seus posíbeis propietarios futuros,
ademais de facilitar todo o traballo para conseguir exemplares para
as montas, reproducións, etc. O club traballa como intermediario
para a inclusión de novos animais no Rexistro Xenealóxico. Os cans
candidatos mídense, pésanse, examínanse para entraren dentro do
Libro da raza. Segundo Natalia Botana, “para ser recoñecido polo
club, o can ten que pasar por unha comisión para saber se o can
entra no estándar racial. Se é así, ao animal implántaselle un
microchip e pasa ao rexistro oficial”.
A reprodución do can é, dende ese momento, totalmente controlada. O
Libro Xenealóxico documenta tódolos membros da raza certificados e
estrutura a reprodución e os cruces entre animais para que a raza
manteña un certo número de exemplares perfectamente identificábeis
como tales. É a clave para a supervivencia no futuro do can de
palleiro. “Os primeiros exemplares identificados inscribíronse no
rexistro fundacional do Libro Xenealóxico”, afirma Botana, “e a
partir deles, organízanse novas camadas de cachorros, que se
reparten entre a xente interesada dentro do club, ou entre aqueles
que queren ter un can de palleiro e o solicitan dirixíndose a nós”.
Volvemos ás Cousas de Castelao. Unha cadeliña de perruquería mira a
un palleiro e dille: “A mí me gustas una barbaridá, pero como eres
can de palleiro...”. O outro responde resignado: “vaites, vaites...”.
A principal ameaza ao futuro da raza está nas preferencias de
elección dos afeccionados por cans vistosos, diferentes e caros. ¿Hai
moita demanda do can de palleiro entre usuarios? “A xente prefire
outras razas máis exóticas e vistosas”, afirma Natalia Botana, “pero
eu teño moitas expectativas no can de palleiro. Polas súas
actitudes, pódese encadrar en moitos sitios, é un can de bo carácter
e non ten un trato perigoso”. Seica os que o teñen máis difícil son
os cans especializados en caza, coma o podengo, o guicho ou o
perdigueiro. Razas coma o labrador, o golden ou o cocker spaniel son
as preferidas polos afeccionados.
¿Cal será o futuro do can de palleiro? Rematados os prados, cunha
gandeiría en retroceso, todo dependerá de que os afeccionados volvan
ver nel a un can atractivo para as súas casas. Longa, longa vida ao
palleiro de toda a vida.
Nota: texto copiado integramente do link de
Cultura
galega Org.