As máxicas danzas da autonía.

 (Xosé  Otero Canto)

 

 

Preparándose para o baile da autonía.

         

 

Xa principian os mantos de follas que abrigaban as árbores e que agora sacoden tinguindo de cores as verdes herbas que caladas se van prestando aos seus desexos de formar teitos enriba delas, semellando tellas que cinguen e cobren en multitude, paseniño, mais cunha efectividade absoluta.

A melancolía céibase prendida das árbores, que pintan coa brocha do outono as fragas e os eidos, dando a volta desde o noso comezo para facer da vida círculos cíclicos de beleza e sabedoría dunha terra repetitiva que nos ampara e sorprende nos outonos reencarnados en abatemento e tristura.

Sempre nos chamaron a atención as árbores e a súa capacidade para mudar en temporais reloxos. Temos que ver como desde as súas neuronas arbóreas son quen de medir cunha precisión extraordinaria o tempo que se resolve en estacións. Quen llelo di? Con quen dialogan da natureza para sabelo? Onde están eses sensores estimulados polas súas neuronas de árbore que lle fan sentir o frío e a calor e aínda máis, terán tamén sentimentos?

Deben telos ao correr diante do vento que as arrastra, ascende e eleva mantendo a algunhas levitando e contravindo as leis da gravidade, erguéndoas coa forza das súas etéreas mans cando elas cheas de ledicia, reloucan abanándose en suspiros e en namoros antes de chegar á terra, revolvéndose e sendo donas de mil xogos e aconteceres que entre os dous, vento e follas, sen que ninguén llelo saiba, van concertando engordiño. O vento, pillabán, failles as cóxegas e entre estas deligras elas rinse sen parar cun riso involuntario de pracer e gustosas de que o vento as namore sacándoas a bailar en máxicas danzas de outono servidas polo acariñar e bo facer do livián vento saltareiro e picarón.

Outras follas caen mainas como góndolas no seu fluír, discorrendo cara a unha nova eternidade. Balandros que en ondas son quen de seguir o compás nas alturas dunha bailada sinxela e acaída no repouso sementado dos séculos, onde a eternidade nos fai acenos e nos chisca o ollo porque cada folla é un ollo da nosa terra que ve desde a súa ocular forma estar procedendo dunha maneira desconsolada á súa total destrución, non sen antes facernos galanos do seu exemplar suicidio que se delonga sempre en mantos de virxinal existencia.

 

Baile de follas na autonia. Descoñezo ao autor da fotografía.

                                                                      --o--

 

O sensacional texto está sacado de internet, e o autor é Xosé Otero Canto.

 

  

Xosé Otero Canto, nado en Ponte de Outeiro (outeiro - Castro de Rei) no ano 1951 é un escritor galego, tamén catedrático do ensino.

Neste link de internet tendes un resumo da súa vida como profesor de Literatura en varios centros de Lugo; tamén unha amplia relación de libros publicados: poesías, prólogos, ensaios, obras colectivas, premios e distincións...

Como poeta, na miña web,  teño utilizado moitísimos poemas,  romances  e outros textos dende fai uns anos, concretamente coñezo todos os poemas marabillosos publicados no seu libro "Miño, río pai e amigo", publicado no ano 2010; libro que me fixo coñecer e admirar por primeira vez a súa obra marabillosa.

 Posteriormente, tuven un contacto co poeta, varias llamadas telefónicas e intercambios varios e deume a coñocer os libros Romanceiro do Pedregal de Irimia -Lendas-,  e Berce máxico e uterino (Lendas da lagoa de Fonmiñá), dúas xoias que podedes ver resumidas na miña web sobre o Pai Miño ;    dos tres libros estou a sacar moito proveito, nos poemas  que utilizo na miña paxina web sobre o Pai Miño, nas lendas sobre o Pedregal de Irimia e Fonmiñá e tamén no dicionario Fluvial, onde estou a incorporar moitas palabras dedicadas os ríos e que Xosé Otero utiliza nas súas obras.

Este texto "As máxicas danzas da autonía" que incorporo no apartado "os ríos son prosas" da miña páxina web Ríos Galegos, podedes ver que é auténtica poesía, prosa poética; realmente  Xosé Otero Canto é un escritor marabilloso...

                

                        

 

      galicia.gif (2685 bytes) Volver a "Ríos galegos"                            Volver a Disfruta do Ribeiro.