Os ríos son contos.

No meu afán de demostrar que os ríos son moito máis que correntes de auga, escribo este apartado da páxina.  No que sigue aparecen varios contos relacionados cós ríos. Son oito contos marabillosos.

 

  A tribo ten catro ríos. (Manuel María)

  A raposa come troitas.

  A pesca co rabo.

  A zorra e o galo.

  As troitas.

  Calila y Dimna. La garza y las truchas. (Anónimo)

  Calila y Dimna. Las tres truchas. (Anónimo)

  Conto do home que fixo de Santo. (Anónimo. Conto recollido no Incio)

 

                                Saír.              

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

A RAPOSA COME TROITAS.

Este conto está sacado do libro "Antología do conto de tradición oral" , Biblioteca 120 galega, editada pola Voz de Galicia.

   A raposa tiña fame cando viu pasar un home que ía polo camiño dun prado que tiña á beira dun río. Foi tras del, axexándoo, e agardou a que atoase con terróns a presa pola que entraba a auga do río no prado. Despois, o home fixo unha cambela cun viorto de salgueiro, e, segundo o cano quedaba sen auga, ía ensartando no ramallo as troitas que quedaran ciscadas nadando en seco.

   Desde que acabou o home de apañar as troitas, púxose camiño da súa casa coa cambitada cargada de troitas ó lombo.

   E ben contento que regresaba por aquel camiño estreito, entre matas, felgos e rebolos. Entón, a raposa, tivo a ocurrencia; foise por un atallo, gañoulle pasos, e deitouse, facendo a morta, nunha reviravolta do camiño.

  Cando chegou o home a onde estaba a raposa, non lle pretou moita atención. Deulle coa zoca unha patada nas enguas, e aínda outra nas costelas, por ver si estaba ou non morta de todo. En canto viu que non espernexaba, dixo para si:

   -Mira onde veu morrer a condenada. Pero, bah, unha soa pelica de raposa non vale para nada.

    E seguiu para adiante coas súas troitas. Entón, a raposa, anque dolorida polas partes onde levara as patadas, botouse outra vez monte a travesa, costa arriba, ata ganarlle a cara ó home, para facer como fixera antes; deitouse no medio e medio do camiño, como morta, para tratar de enganar o home e comer algo.

   Así o fixo. Cando chegou o home ó seu carón, dixo:

  -Mira, ho, outra raposa morta. Pois cos pelellos das dúas xa se fai unha boa mulida para as vacas.

   Pousou a ferramenta que levaba e a cambada de troitas no valado, cabo mesmo, case, da boca da raposa, e desandou o camiño para ir a buscar a primeira das raposas.

   Pouco tardou a nosa raposa en resucitar e en celebrar o éxito do seu engano. Meteu na boca tódalas troitas da cambada e foise, lixeira, buscar un bo acomodo para papalas.

   E, colorín, colorado, conto contado; a raposa come troitas e abanea o rabo.

 

Subir.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

A PESCA CO RABO

Este conto está sacado do libro "Antología do conto de tradición oral" , Biblioteca 120 galega, editada pola Voz de Galicia.

   A raposa argallara unha das súas. Fixera a morta no medio dun camiño por inde tiña que pasar un arrieiro co seu carro, e, cando chegou xunto dela, ó vela así eslouveada, díxolle ¡xo! ó burro, baixou do carro, colleu a rapaso polo rabo e botouna entre a mercancia que levaba.

   Mentras o arrieiro cavilaba no que podía facer con aquela pelica e no que valería no mercado, a raposa ía tirando de entre a carga troitas frescas, e cando acabou de baleiralas, chimpouse ela do caro. recolleunas e despois comeunas.

   E aínda se relambía do ben que lle prestaran cando se atopou cun lobo, e díxolle:

   -¡Ai, compadre, veño de papar unha fartada de troitas! ¡Case rebento do chea que veño delas !.

  Entón o lobo preguntoulle como fixera para collelas. E díxolle a raposa:

  -Iso éche o máis doado de todo o traballo. Fun ó río, atei unha cesta á punta do rabo e metina na auga, e cantaruxando: "Troitas á cesta, peixes ó rabo", xa veñen soas ó canasto.

   Meu dito, meu feito. Vai o lobo, busca da cesta e bota para o río, decidido a coller e papar máis troitas cá raposa.

   Xa anoitecía e era por xaneiro. Xeaba coma neve e a auga estaba cada hora máis fría.

   Pero el meteuse na auga coa cesta atada ó rabo, e cantaba: "Peixes á cesta, troitas ó rabo". A raposa, sen que o vise o lobo, foi por detrás e botáballe cada pouco no cesto unha pedra.

   E como o peso ía en aumento, o lobo tiña cara de contento, pero non se percataba de que a xeada xa case convertera o río nun enorme carambelo.

  Cando lle pareceu oportuno, a raposa deu a cara. Foi por xunta o lobo e preguntoulle:

  -¡Que, compadre! ¿Que tal de pesca?.

   O lobo tiraba do rabo e parecíalle, polo que pesaban as pedras e máis porque a xeada xa lle prendera o rabo nos carambelos, que tiña o cesto case cheo delas.

  -¡Ai, comadre, como pesa! ¡ Case afonda a cesta co que pesan!.

   Pero cada vez afundíanse máis co peso e xa empezou a pensar en saír da auga co que tiña. E tiraba, e tiraba, pero non podía. E como el cría que todo o peso eran as troitas, aínda decía:

   -¡Veñan delas e queden delas!,

¡veñan delas e queden delas!.

  Cando viu que el só non podía con tanto peso, díxolle a raposa:

  -¡Comadre, vaia por picos e martelos para escachar os carambelos, pero vaia por lonxe dos palleiros que non a sintan os cadelos!.

  -¿Que di, compadre, que vaia por un saco de cadelos? ¡Xa vou, xa vou!.

  -¡Non muller; vaia por picos e martelos, para romper os carambelos! ¡ E vaia por lonxe dos palleiros!.

  -¿Que di, compadre, que vaia por onda os palleiros? ¡Xa vou; xa vou!.

  A raposa fixo de maneira que alborotou a tódolos cadelos. E a condenada, en vez de ir por lonxe onde estaba o lobo, acirrábaos cara el. E decía o lobo:

  -¡Por alá, por alá, con esa xentiña!

  E a raposa:

  -¿Que vai axiña? ¡Xa vou, xa vou!

   -Por alá muller!

 E ela:

   -¡Por alá vou!

  O caso foi que os cans deron co lobo, e como estaba trabado pola xeada, por moito que tiraba e tiraba, co peso das pedras na cesta non era que de sacar nada, e acabou rompendo o rabo e deixándoo todo, desde o lombo para atrás, rabenado.

  E aínda, léveme o demo, se non vos era ben mala aquela raposa, pois, ó velo correr por unha costa arriba ciscando sangue pola ferida, berráballe, de burla:

  -¿Que será aquel guilindreiro

     que vai por aquel lombeiro

      ciscando sangue polo trasairo?

 

 

Subir.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

A ZORRA E O GALO.

Este conto está sacado do libro "CONTOS GALEGOS DE TRADICIÓN ORAL". Antoloxía do conto de tradición oral , da autora Camiño Noia Campos, editado por Nigratea. Un libro precioso.

Foi a zorra e pillou un galo. E con eso, díxolle o galo a ver si pasaba ó outro lado do río. E levábao na boca e díxolle o galo:

- Ponme por riba, porque así móllome.

E cando foron a pasar, o galo escapou e subiuse a un carballo e a zorra co rabo quería serralo.

E o galo dixo:

    -Dios te libre de fouce e machado

       que o rabo de zorra non corta un carballo.

O conto está contado no pobo de A Gudiña, Ourense. E contonouno para autora Mª Esther Vázquez en 1997.

Subir.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

AS TROITAS

            

Este conto está sacado do libro "CONTOS GALEGOS DE TRADICIÓN ORAL". Antoloxía do conto de tradición oral , da autora Camiño Noia Campos, editado por Nigratea. Un libro precioso.

 Había un home que iba sempre a pescar, e o pobre home non tiña nunca sorte. Un día pescou moitas troitas e entón díxolle á muller:

    -Pois hoxe imos invitar ó señor cura a xantar.

 A muller estivo a preparar as troitas e como era moi golosa, estuvo proba que proba, e comeunas todas. Entón a muller díxolle ó home:

   - O pan está moi duro, é mellor que vaias afiar o coitelo.

O home foi co coitelo. Entón a muller foi onda o cura e díxolle:

  - Mire que o meu home dixo que xa lle tiña ganas, señor cura, e que lle iba cortar as orellas. O meu home foi afiar o coitelo e vaille cortar as orellas.

  O cura dixo:

   -No, desta voume salvar eu.

Veu o home e díxolle á muller:

  -¿Onde están as troitas?

  -Pois, as troitas comeunas todas o señor cura.

O home co coitelo na man saíu detrás do cura e decíalle:

   -¡Señor cura, señor cura!, deíxeme siquera unha.

O cura díxolle:

   -Nin unha nin dúas, as miñas orellas non son pa vostede.

O conto está contado no pobo de Gorgua-Padrenda,  Ourense. E contonouno para autora: Mª Isabel Rodriguez no 2002.

Subir.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

CONTO DO HOME QUE FIXO DE SANTO

(Manteño o texto tal cual aparece na tesis)

    Era nunha  aldea onde  non había santo pró día da festa, i entonces, había un fulano eilí na aldea, que era tan parecido, e dixéronlle : "Bueno, tú vaste vestir de santo o día da festa". I él contestóu: "pois, sí que me visto". E vestíuse.

    Había un eilí na aldea que o sabía,e, cando iba o outro na procesión, foi a onde había moscas disas das vacas e colléu unha presada de moscas, e acercóuse ó santo e metéullelas por debaixo da roupa; i, ó chegárenlle arriba á cintura, picárono, i alí o santo salíu das andas a correr, e dixo o cura: "deixádeo, deixádeo, que vai pró ceu". E dixo o outro:"!vai carallo!, pra onde vai é pro río".

 

O conto está contado no pobo de Incio en Lugo. Aparece recollido nunha tésis de Manuel Glez. González titulada "El habla de Incio". Tesis non publicada.

Agradecer dende estas liñas a Mari Carmen Aira Díaz de Vilasouto, O Incio (Lugo) que me fixera chegar a Tesis citada

Subir.