"Como naceu o regato do Cepelo"
![]()
|
Regato do Cepelo: naces e morres
No lugar no que comeza ou remata a Terra Cha -pois nunca se sabe e depende a onde se vaia ou de onde se veña- hai unha vila que se chama Outeiro de Rei. O nome de Outeiro -que é o de pía- vénlle dado por estar situado no alto con relación ó río Miño. O apelido de Rei débese a que é a vila máis fermosa da bisbarra. Tanto é así que as outras vilas dos arredores fixérona capital do seu Concello. O Pazo municipal está no medio da vila. É un edificio rexo, alto e cadrado. Non se sabe si a súa forma cadrada se debe a que os canteiros, cando o ergueron, tomaron como mostra as ilustres cabezas dos señores rexedores municipais, ou se pola contra, os señores rexedores municipais teñen as cabezas cadradas por estar horas e horas dentro do Pazo do Concello cavilando e dicindo parvadas.
O caso é que Outeiro de Rei, no comenzo da súa vida, tivo tres ríos: O Pai Miño ou Río Grande, que vén atravesando toda a Terra Cha, ancho, solemne, vagoroso, recreándose ó olla-la beleza das súas propias ribeiras. O Ladra, de augas tépedas, que baixa estarabouzando entre árbores, para morrer no Miño. O río Ladra morre murmurando porque sabe morrer é o remate natural de cada vida e el non lle ten medo á morte. As súas augas cantareiras non desaparecen: mestúranse coas do Miño para darlles un pouco máis de alegría. E finalmente o Río Pequeno, Río de Robra ou Santa Marta, que dos tres xeitos se chama. Os veciños de Outeiro de Rei vivían felices -se é que neste mundo hai felicidade- traballando os eidos, coidando o seu gando e celebrando as súas romarías no Campo de Santa Isabel, á beira do Miño, onde hai unha ermida que se está esborrallando. Pero un día as xentes de Outeiro de Rei -que son moi curiosas- enteiráronse por un cantor vagabundo que, ó son dunha zanfona, cantou unhas cancións no desaparecido quiosco da música da Praciña do Concello, de que no Paraíso Terreal había catro ríos. Desde entón, os veciños de Outeiro de Rei comenzaron a andar tristes e dasacougados porque eles soamente tiñan tres ríos e desexaban ter catro ríos como o Paraiso Terreal. ¡Que menos! Despois de moito discorrer, formaron unha comisión para que xestionase un novo río. A Comisión, composta polos notables da tribo, falou co crego que dixo misas, organizou procesións, entrevistouse co Bispo, co Arcebispo e co Papa. E nada. O novo río non apareceu. Entón a Comisión recorreu o Alcalde, á Corporación Municipal e ó Xuíz de Paz. Estas autoridades andaron de riba para abaixo, cobraron dietas, redactaron informes, visitaron ó Gobernador, ó Presidente da Xunta e ó Mandamais do Mercado Común de Europa. E nada. Perderon o tempo e as viaxes, aínda que ganaron os haberes das dietas que lles pagaron por tanto ir e vir. Cando os veciños estaban máis desesperaos, sen saber que facer nin a quen acudir, un rapaciño, calado e melancólico que andaba sempre a escoita-lo cuco na Carballeira de Hortas, contemplando como florean as cerdeiras e ollando ás estrelas, subiuse ó quiosco que había na Praza do Concello, tocou o corno tres veces e, cando ollou xuntos ós veciños que acudiron ó son do corno, díxolles: -As persoas maiores non valedes para nada e non sabedes face-las cousas. Se queremos un río, primeiro temos que imaxinalo e logo, soñalo. E o río aparecerá. Teño un amigo en Lugo que se chama Ramón Lamote, Profesor de Chairego e Debuxante de Soños por Encarga. Ídevos para as vosas casas, que cada un de vós soñe ó río que queremos e así o teñades soñado, chamamos a Ramón Lamote para que nos debuxe o noso soño, pagándolle como é natural o seu traballo conforme marque o arancel. A xente quedou pampa. Despois comenzou a discutir. Por remate quedaron conformes coa proposta que se lles facía. Cando cada veciño tivo soñado o seu río, Ramón Lamote veu a Outeiro de Rei. Instalouse na taberna de Roibás. Servíronlle un neto de viño que foi bebendo moi de vagar, mentras cada veciño lle ía contando o seu soño. Ramón Lamote quedou só. Co soño de tódolos veciños fixo un só soño. Debuxouno. No seu debuxo puxo toxos, carqueixas, bouzas, árbores, prados, pontellos, labradíos e dous muíños roulóns. O debuxo era un regato. As xentes de Outeiro de Rei quedaron moi ledas. Levaron o debuxo dos seus soños ós lugares polos que querían que pasase o regato. Porque eles desexaban un regato. Agora precisaban un regato. Pero, por moito que se esforzaban, o seu soño non se facía realidade. Entón procuraron ó rapaciño calado e malancólico para que os aconsellase. pero o rapaciño ía en San Breixo de Parga, na romaxe de San Alberte, pois era o derradeiro domingo de maio. San Alberte fai falar ós mudos, cura os tatexos e dálles o don da palabra ós seus devotos. Agardaron pacientemente a que o rapaz, que se chamaba Manueliño de Paderna, voltase da súa devota romaxe. Cando Manueliño de Paderna voltou do san Alberte, a sorpresa de toda a xente foi enorme: ¡falaba en verso! Manueliño de Paderna colleu o soño debuxado polo seu amigo Ramón Lamote e, seguido por tódolos veciños, foi a un lugar do monte e dixo:
E a auga saíu á superficie e agromou e comenzou a correr monte abaixo. Os veciños seguírona marabillados. Cando chegaron ás Rozas de francos, Paderna parou e dirixiuse á auga e díxolle:
A auga encorouse. O lugar chámase As Regas. Cando o encoro estivo cheo, a auga que revertía seguiu o seu camiño. Paderna volveu a falar:
As augas emocionadas, comezaron a cantar. O chegar a Barciela, Paderna parou, ollou ó Sol que se estaba poñendo e exclamou:
E as augas do regato metéronse, mansamente, no río Pequeno que as leva ó Miño caudal. Xa sabedes a razón pola que Outeiro de Rei ten catro ríos:
E o regato, o último río que apareceu en Outeiro de Rei, que é o máis pequeniño pois aínda non tivo tempo de medrar. Nos mapas e xeografías nas que figura, chámanlle Río de Barciela. Os de Outeiro de Rei témoslle un nome familiar: Regato de Cepelo. E os paxaros -merlos, cucos, petos, lavercas, andoriñas- que usan as súas augas para beber, para bañarse e, sobre de todo, para ollarse nelas, puxéronlle un nome secreto: Rego das Regas. Agora a xente de Outeiro de Rei anda moi leda e fachendosa: a súa tribo ten xa catro ríos como o Paraiso Terral. Máis non se pode pedir. ---o---
|