O pasado domingo día 17
abríu a pesca ou, como se di tamén: levantouse a veda. Que diferente agora
de cando eramos novos!. Daquela tiñamos marcada a data con letras douradas
no calendario. Despois dunha longa espera de medio ano só con pensalo xa
suabas; durmías intranquilo; soñabas con cachóns, presas, canles e remuíños:
e ata parecía que as mans te cheiraban co forte arrecendo da mucosa das
troitas salvaxes. Iso era antes...claro.
Recordo tardes oceánicas e un sol
enorme camiño de Quinxo, o murmurio crecedeiro das follas dos salgueiros
aloumiñadas pola brisa do solpor, as augas desatadas dun Limia bravío camiño
de Portugal, as brancas areas e as pegadas duns pasos fuxidíos na praia do
Aguinchos, e unha troita, grosa como un puño, choutando por riba da corrente,
aló, no final da liña, a máis de corenta metros de distancia...mentres
tremias de emoción e as altas montañas do Xurés comprimían o universo.
E logo chegábamos de noite a casa, fartos e cansos, por estradas sinuosas
que levaban a fin do mundo, coas pintas vermellas das troitas cravadas na
nosa memoria e un sonriso limpo estampado na cara, co mundo de arredor aínda
abaneando ao compás dunha corrente imaxinaria, logo de horas de seguir a
marcha infatigable do río no seu eterno devalar.
Iso era antes, claro.
Era antes de que nos decatáramos de que estabamos a estragar sen remedio a
vida natural, porque hoxe, de todo aquilo, xa apenas queda nada. Apenas
quedan troitas nos ríos domeados, e algúns proclaman a necesidade de pechar
a pesca ou como pouco devolver os peixes ás augas. Vivimos de costas a eles,
aos ríos que son arterias polas que flúe a vida do planeta. Só en moi
contadas ocasións, como cando o executivo galego decidiu poñer coto á
barbarie prohibindo a instalación de novas centrais hidroeléctricas, fomos
conscientes do enorme dano que estamos a producir. Ríos envelenados con
fertilizantes, fitocidas e plaguicidas; augas contaminadas pola nula ou mala
xestión dos refugallos; ríos medio secos pola avaricia humana, ríos
encorados convertidos en cloacas, ríos emporcados afogados en entullos, ríos
que feden a progreso mal levado...Era obvio que algún día tiñamos que pagalo,
e, ese día, hai tempo que xa chegou; inda que non queiramos asumilo, pero
nótase, porque dos máis de cen mil pescadores que había en Galicia hai dúas
décadas xa quedan menos da metade, e, os que inda resisten, vagan
desalentados soñando tempos pasados. Un día, hai moitos anos, díxome un ser
topoderoso que non me trabucara, que valía máis un kilowatio que unha troita;
e eu calei, calei porque a aquel home non lle retrucaban nin os seus, a
risco de rematar empozados ou exiliados. Pero cavilei para os meus adentros:
nin de coña!. Nin de coña, porque unha troita é o producto de millóns de
anos de evolución, porque nas troitas que xa non hai condensábase a potencia
toda da Natureza, porque neses seres esvaradíos que culminan a pirámide
ecolóxica dos seres acuáticos de Galicia refulxía o milagre da Creación,
algo que, os humanos, non chegamos a comprender, por moito que alardeemos da
nosa supremacia.
Se por algo lle estou agradecido ao meu pai, que en paz descanse, é por
agasallarme dende que era neno con aquelas tardes marabillosas, cos paseos
silandeiros á beira dun río espléndido, observando enfeitizado, mentras o
sol douraba as copas dos altos freixos, as manifestacións máis puras dunha
indómita Natureza; momentos que hoxe, cando os lembro, prodúcenme un
profundo desacougo; e remato por me cabrear para berrar interiormente:
Inconscientes! Que somos todos uns inconscientes!.
Escrito sacado de La Región de Ourense, o
martes 26-03-2019. Cando me pusen a ler este sensacional
texto, sentín, letra a letra e palabra a palabra ó mesmo que o
autor. No tuven a sorte de ter un pai que lle gustarán estas
cousas, pero si puden vivir estas experiencias con algúns dos
meus mellores amigos, como Félix Valeiras e outros...; ademais, curiosamente, no mismo río e
nos mismos lugares.
Estou con Xosé Benito Reza:
¡Somos
uns inconscientes!
-------------------------------------------------------------------




As fotografías do río Limia na zona da que fala Reza.
As fotografías son un detalle meu para cun home defensor a ultranza dos ríos
galegos. Coa miña admiración e agradecemento. Gracias José Benito por
intentalo.
Hoxe estas catro fotografías están baixo as augas do
encoro de Lindoso, un encoro de explotación puramente de Portugal.