...cando a auga bate contra as pedras nos
cachóns ou fervenzas non escoito só o son do río, sinto o berro de quen
pide axuda mancada a súa libertade con encoros, verquidos e lixo.
...cando o vento move as copas das árbores
fálame da dor das carballeiras, fragas, soutos, das aciñeiras, teixos,
acivros, que tremen o monstro dos incendios, das talas, pragas e
desfeitas.
...cando o mar bate entre as rochas sinto o medo
das negras mareas, dos bidóns caídos nun cemiterio escuro do paraiso
roubado. Tamén sinto o laio de curuxas, lobos, teixugos e dos máis
pequenos bichiños e bolboretas, das fontes estragadas, das montañas
fendidas.
...mais, o pouco tempo, mentras sigo sentindo a fala
da terra, collo os meus apeiros (os soños, a imaxinación, a
esperanza...) e simplemente loito, ó carón doutros moitos galegos eu
tamén loito, aínda que só sexa abrazando as árbores.