A última troita

 

O río Limia en Aguinchos. Hoxe baixo as augas dun encoro irracional ( comentarios de Secundino Lorenzo)

Río Limia en 1960. Aguinchos e detrás as montañas do Xurés.

Ver o texto

Artigo aparecido en La Región o día 26/03/2019

 

Xosé Benito Reza. (Enxeneiro e escritor. Un amigo.) 

         

   Volver á pesca Ourense                               Volver á troita.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Copia,  ó pe da letra,  do artigo de La Región.

 

      O pasado domingo día 17 abríu a pesca ou, como se di tamén: levantouse a veda. Que diferente agora de cando eramos novos!. Daquela tiñamos marcada a data con letras douradas no calendario. Despois dunha longa espera de medio ano só con pensalo xa suabas; durmías intranquilo; soñabas con cachóns, presas, canles e remuíños: e ata parecía que as mans te cheiraban co forte arrecendo da mucosa das troitas salvaxes. Iso era antes...claro.

     Recordo tardes oceánicas e un sol enorme camiño de Quinxo, o murmurio crecedeiro das follas dos salgueiros aloumiñadas pola brisa do solpor, as augas desatadas dun Limia bravío camiño de Portugal, as brancas areas e as pegadas duns pasos fuxidíos na praia do Aguinchos, e unha troita, grosa como un puño, choutando por riba da corrente, aló, no final da liña, a máis de corenta metros de distancia...mentres tremias de emoción e as altas montañas do Xurés comprimían  o universo. E logo chegabamos de noite a casa, fartos e cansos, por estradas sinuosas que levaban a fin do mundo, coas pintas vermellas das troitas cravadas na nosa memoria e un sonriso limpo estampado na cara, co mundo de arredor aínda abaneando ao compás dunha corrente imaxinaria, logo de horas de seguir a marcha infatigable do río no seu eterno devalar.

       Iso era antes, claro. Era antes de que nos decatáramos de que estabamos a estragar sen remedio a vida natural, porque hoxe, de todo aquilo, xa apenas queda nada. Apenas quedan troitas nos ríos domeados, e algúns proclaman a necesidade de pechar a pesca ou como pouco devolver os peixes ás augas. Vivimos de costas a eles, aos ríos que son arterias polas que flúe a vida do planeta. Só en moi contadas ocasións, como cando o executivo galego decidiu poñer coto á barbarie prohibindo a instalación de novas centrais hidroeléctricas, fomos conscientes do enorme dano que estamos a producir. Ríos envelenados con fertilizantes, fitocidas e plaguicidas; augas contaminadas pola nula ou mala xestión dos refugallos; ríos medio secos pola avaricia humana, ríos encorados convertidos en cloacas, ríos emporcados afogados en entullos, ríos que feden a progreso mal levado...Era obvio que algún día tiñamos que pagalo, e, ese día, hai tempo que xa chegou; inda que non queiramos asumilo, pero nótase, porque dos máis de cen mil pescadores que había en Galicia hai dúas décadas xa quedan menos da metade, e, os que inda resisten, vagan desalentados soñando tempos pasados. Un día, hai moitos anos, díxome un ser topoderoso que non me trabucara, que valía máis un kilowatio que unha troita; e eu calei, calei porque a aquel home non lle retrucaban nin os seus, a risco de rematar empozados ou exiliados. Pero cavilei para os meus adentros: nin de coña!. Nin de coña, porque unha troita é o producto de millóns de anos de evolución, porque nas troitas que xa non hai condensábase a potencia toda da Natureza, porque neses seres esvaradíos que culminan a pirámide ecolóxica dos seres acuáticos de Galicia refulxía o milagre da Creación, algo que, os humanos, non chegamos a comprender, por moito que alardeemos da nosa supremacia.

    Se por algo lle estou agradecido ao meu pai, que en paz descanse, é por agasallarme dende que era neno con aquelas tardes marabillosas, cos paseos silandeiros á beira dun río espléndido, observando enfeitizado, mentras o sol douraba as copas dos altos freixos, as manifestacións máis puras dunha indómita Natureza; momentos que hoxe, cando os lembro, prodúcenme un profundo desacougo; e remato por me cabrear para berrar interiormente: Inconscientes! Que somos todos uns inconscientes!.

  

-------------------------------------------------------------

Comentario do autor da web:

    Escrito sacado de La Región  de Ourense, o martes  26-03-2019. Cando me pusen a ler este sensacional texto, sentín, letra a letra e palabra a palabra o mesmo que o autor.  No tuven a sorte de ter un pai que lle gustarán estas cousas, pero si puden vivir estas experiencias con  algúns dos meus mellores amigos; ademais, curiosamente,  no mismo río e nos mismos lugares.

Estou con Xosé Benito Reza:

¡Somos uns inconscientes!

-------------------------------------------------------------------

 

Volver

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Artigo La Región. 26/03/2019

Volver