Río   Miño.   Pai   Miño

  

 

Mapa de Galicia e o río Miño onde se ve que é o río principal de Galicia, cun afluente, o río Sil,  moi importante. Recorre as provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra.

O río Miño é un río galego que nace no Pedregal de Irimia, na serra de Meira en Lugo.  Moitos falamos de Pai Miño.

Pai Miño: non por que sexa o pai dos ríos galegos, que non é, sinon por que en tempos era un pai que daba moita riqueza en pesca; non tendes máis que ver os miles de kg. que se facturaban, polos anos 1920-1930,  tódolos anos de sable, salmón, troitas, reos, anguías,  angulas, lampreas e sollas. Toda unha riqueza que foi desaparecendo.

Por suposto é o río máis importante de Galicia.

En Portugal chámanlle río Minho, e eu penso que lle dan máis importancia que nós...e dame rabía...

Pensai que o único centro de Interpretación serio e ben montado que hai en toda a cunca do río Miño está en Vila Nova de Cerveira.o Aqua Museu do río Minho, estos días inauguraron un en Fonmiñá, pero non é o que merece este río. ¡ Sinto vergoña!.

Eles, os portugueses,  disfrutan de 75,5 km e nos do resto. Eles teñen o río ceibe de encoros e nós non, que llo digan ao gran poeta Xosé Conde Fdez. que cantaba así, sobre o río Miño,  non fai moito:

Onte, ceibe,

hoxe, prisioneiro.

 

Enmudeceu o teu cantar de paxaro.

Río Miño en pochancas,

escravo es dos ratos

que amoedan os teus pulos.

 

En tempos de denantes

fuches merlo segrel,

poeta lírico.

...

 

Fotografía do nacemento do río Miño no Pedregal de Irimia. Meira (Lugo).  Un pequeno rego.

Autor da fotografía Secundino Lorenzo.

 

 

Video do río Miño no nacemento no Pedregal de Irimia. Tamén o video recorre o seu paso  por Fonmiñá onde se decía antigamente que nacía o río Miño. Moita xente dice que o Pedregal e Fonmiña comparten o nacemento do río Miño.

De tódolos xeitos tanto o Pedregal de Irimia como Fonmiña hai que visitalos unha vez na vida polo menos; dous lugares marabillosos de Galicia.¿Merece a pena!.

Autor do video Secundino Lorenzo.

 

O río Miño ten 307,5 km. de lonxitude. No seu recorrido presenta máis de cincuenta pontes, tres romano-medievais, cinco grandes encoros e por riba de 50 afluentes. Todo esto está na miña páxina web sobre o río Miño con bastantes detalles...

É, como está dito,  o río principal de Galicia, pero tamén é un río principal no sentido de que posúe un caudal determinado e desemboca no mar, palabra que se opón ao nome de afluente ou tributario que xa figuran no dicionario fluvial.

Pasa polas provincias de Lugo,  Ourense e Pontevedra e desemboca no Océano Atlántico entre Caminha (Portugal) e a Garda (Pontevedra).

 

Desembocadura do río Miño entre o Monte Tegra (A Garda) e Caminha.  A foto está sacada dende a Ermita de San Antâo en Caminha.

Fotografía de Secundino Lorenzo.

 

 

Video do río Miño que mostra a marabilla do Estuario do río dende distintos miradores: Vilanova de Cerveira, Ermita de Santo Antâo, dende o Monte do Faro en Valença, dende o Niño do Corvo, dende o Monte Tegra na Guarda, dende Camposancos na desembocadura...¡Unha pasada que hai que ver e disfrutar!

 Autor do video Secundino Lorenzo.

 

IMPORTANTE:

Nesta misma páxina tendes un estudio a fondo deste río, onde aparecen descritas as súas características físicas, dende o nacemento; incorporo romances coas lendas,   as Pontes todas, os afluentes,  os encoros, en tempo real,  a súa fauna, flora, as ínsuas, a importancia da pesca no río Miño, as fronteiras con Portugal, a raia seca e a mollada,  as cidades e vilas  importantes que recorre, videos,  a súa relación co viño,  as enchentas do río, os misterios, que hai moitos, as termas a carón do río, os centros de interpretación do Pai Miño xa feitos e os previstos; por certo non van adiante, é básico  un centro de interpretación digno en España, sí o teñen os portugueses en Vilanova de Cerveira;   as lendas e contos máis importantes, a literatura en torno a este río, poesía, novela e ensaio, a prensa que fala do Miño , a súa música, sendeiros que ó recorren, os datos en tempo real da Confederación do Miño-Sil e mais de 150 artigos relacionados co río. Remato cunha ampla bibliografía comentada.Tamén dous traballos marabillosos: un sobre o río Miño "Miño sereno", que ten apartados entrañables e de moita calidade, e outro traballo "Migra Miño-Minho" conxunto feito por especialistas de España e de Portugal co obxetivo de lograr a mellora das condicións do habitat fluvial e tomar medidas que logren a conservación das especies migratorias, unha idea única e moi esperanzadora.

Por certo hoxe, setembro de 2025 están moi preocupados polo deterioro do Miño na súa parte final.

Ten a maiores unha amplia colección de fotografías, a maior parte delas personais.

O pai Miño merecía unha páxina completa, viva  e aberta;  por certo que estuvera feita en galego e castelán (ó que sexa traducible,  as poesías e frases non, deixoas en galego, faltaría máis...).

Páxina viva, na que estou metendo información con todas as novedades e eventos importantes que afectan ao noso río.

Todo esto téndelo a vosa disposición neste link.

Web sobre o Pai Miño.

Autor da web: Secundino Lorenzo.

Este é o meu email, para aportar ó que queirades.

 

O río Miño, así...sempre estará vivo...

 

Somente ti non morres, permaneces

-Proteico tren de prata

sobre carril de seixo-

e rodas sin cesar, e nunca pasas...

...............

Esto decía Celso Emilio Ferreiro, o gran poeta galego,  e neste momento copio para mín, ao pé da letra,  o seu desexo que no futuro tamén me gustaría asumilo:

 

Tamén eu algún día

sombra serei, pero sombra namorada,

e voltarei a tí coas anduriñas

nunha outra mañán crara

para ollarte pasar

-forte varón da auga-

i escoitar o teu canto de esperanza.

 

¡¡Manda aviso Celso Emilio!!. Gustaríame acompañarte...Enténdese que no seu día, cando sexa sombra...

Cando dende a Ponte Vella de Ourense miro para o río e vexo unha bandada de anduriñas, sempre te vexo, sei que vés moitas veces xa que sempre fuches un home de palabra...

 

 

Cando escribo esto non son sombra namorada, pero non me queda moito xa que teño oitenta anos. Avísame, no seu día e cando poidamos,  seremos dous máis coas anduriñas para:  ollar, escoitar e disfrutar do río Miño...

 

Eu !!!sempre estuven namorado dese río!!!;  e inda sinto moito cariño cando estou ao seu carón,  pensa Celso Emilio que nese río collín a miña primeira troita, aló por Francelos, preto de Ribadavia...ano 1968...e eso, un pescador de troitas,  non ó esquece nunca...

 

¡¡¡Conto contigo, avísame no seu día!!!

 

salir.jpg (922 bytes) Saír.