O Muíño do Anxo

Dende a miña páxina un 10 (sobresainte) para esta iniciativa de restauración e exposición dos muíños da zona. Decir que merece a pena visitar este entorno e que a idea é sensacional e respetuosa co río. Penso que na miña páxina, en defensa da vida nos ríos, merece un apartado especial esta iniciativa.

Un saúdo a Juan Manuel Rodriguez Rguez., que nos atendeu amablemente na visita do día 04-01-2004.

O prometido é deuda, e paso a expoñer o folleto completo:

 

 

O Parque Etnográfico do Arenteiro nace do desexo de recuperación dun espacio ubicado ó pe do río Arenteiro no que toman especial protagonismo os Muíños do Anxo, situados a continuación do tamén recuperado Muíño das Lousas. O continuado interés que as autoridades municipais venen amosando dende o ano 1995 por crear neste singular tramo do río Arenteiro, coñecido coma O Salto, un foco de atracción turístico e de dinamización cultural salva un novo chanzo coa intervención patrimonial e musealización deste complexo etnográfico, ó que se engadirá axiña un Camping e máis a longo prazo o Museo da Fábrica de Papel, como resposta a un Plan Integral de posta en valor dunha zona do Carballiño de especial interés paisaxístico e cultural.

Neste contexto, o Parque Etnográfico do Arenteiro xurde da necesidade de ofertar á sociedade o disfrute dun espacio natural humanizado de valor incalculable a traverso da valorización dunha actividade e dunhas edificacións que se atopaban dende hai tempo no esquecemento máis absoluto. Neste firme propósito, o río Arenteiro actúa como fío conductor dun discurso museístico centrado nuns enxeños hidráulicos que colonizaron as augas nun claro esforzo de supervivencia, pericia e inxenio técnico.

Catro grandes espacios vertebran e organizan o discurso museístico, introducíndonos nunha realidade económica, social e cultural na que atopan acomodo os diferentes ámbitos temáticos abordados.

 

 

 

 

 

 

 

Estes diferentes espacios patrimonializados testemuñan o especial protagonismo acadado por unha industria rural no seo da agricultura galega, á vez que permiten, mediante a sabia combinación dunha reconstrucción respectuosa coa complementariedade informativa, comprender mellor o sentir dunha época a través dos diversos vestixios materiais recopilados, nun claro intento de recrear o latexo dunha actividade e dunha forma de vivir que afonda as súas orixes na lonxana Idade Media.

O percorrido suxerido comezaría no resío do Muíño Pequeño, onde se exponen de forma tridimensionada as diferentes paisaxes que atravesa o río Arenteiro dende o seu nacemento na Serra da Martina ata a súa desembocadura no Avia, augas abaixo do pobo de Pazos de Arenteiro. A continuación entraríamos de cheo no primeiro espacio patrimonializado sobre a base dun antigo muíño de dúas rodas. O nome deste espacio, "o río e os muíños", enfatiza o protagonismo do río como fenómeno xeográfico así como soporte indispensable dunha industria rural abundante que se multiplicou ó amparo dos recursos hídricos proporcionados polo río. A Cunca do Arenteiro adquire nesta sala un protagonismo inusitado en relación directa co progresivo asentamento e instalación de enxeños hidráulicos nas marxes do río en función dos diferentes condicionamentos impostas por un medio físico a veces inaccesible. Como complemento plástico e visual da panelización existente colocouse unha maqueta en releve a escala 1:2000 do tramo urbán do Arenteiro dende a ponte medieval de Ponte Veiga ata a Ponte de Godas ubicada na antiga estrada de Pontevedra a Ourense. O discurso desta sala complétase cunha colección de rochas procedentes da cunca do río.

 

 

 

 

Un segundo espacio musealizado localízase no Muíño Grande e resposta ó ámbito temático do "Muíño como industria rural". Os fins perseguidos neste espacio parten dun triple presuposto: a recuperación integral do muíño coa posta en funcionamento de dúas das tres rodas existentes, a presencia dunha abundante cultura material ligada á actividade muiñeira e, coma complemento, unha panelización explicativa dun gran número de aspectos vencellados co mundo dos muíños: o muíño como artiluxio e como edificio; construcción, equipamentos (escobas, pas e materiais de picado das pedras); medidas agrícolas e productivas empregadas na comarca; a agricultura comarcal e o ciclo dos cereais: millo, centeo e trigo; esquematización cartográfica e fotográfica da tipoloxía dos muíños do Arenteiro e o seu estado de conservación actual.

Unha vez visitado este espacio debemos encaminarnos ó aterrazamento superior onde se atopa "o Pendello" co carro, que simboliza o transporte do gran así como as diferentes áreas de influencia dos muíños, e que á súa vez actúa de enlace entre grandes espacios patrimonializados, chegando deste xeito á Casa do Muiñeiro que define o ámbito do "Espacio Doméstico", cunha división en dúas plantas. Na planta superior atopámonos con dous espacios diferenciados: un espacio tradicional onde se reconstruiu de forma fidedigna a vivenda do muiñeiro típica dos anos 40, coa cocina, comedor, dormitorio, retrete e faiado, enriquecido todo ¡so cunha abondosa cultura material da época; un espacio de concepción moderna que acubilla unha pequeña sala de audiovisuais onse se proxectarán as diferentes unidades temáticas vencelladas co universo muiñeiro.

 

 

No tocante á planta inferior da casa, esta foi reconstruida para o seu uso orixinal, é dicir, como cuadras onde se criaban diversas especies animáis relacionadas coa dieta alimenticia e co funcionamento do propio muíño (transporte). No acceso a esta sala ubicouse unha bicicleta panelizada coa foto de Magín González polas rúas do Carballiño. Xa no interior deste espacio, atopámonos coas cortes nas que se sitúan os diferentes animáis tridimensionados así como abundante cultura material típica do traballo no campo, símbolo dunha economía de autoconsumo e policultivo: arados, apeiros de labranza, cordaxes, zamarra, etc. Como telón de fondo e contraste lumínico desta lograda recreación da época colocouse, a xeito de pantalla corrida, a secuencia evolutiva dos muíños de auga dende a Idade Media ata a súa decadencia nos anos 60 do século XX, complementada con interesantes vestixios materiais que contribuen a enriquecer aínda máis o discurso museístico: muíños de man de época castrexa e romana, muíño eléctrico popularizado nos anos sesenta, etc.

Xa na parte exterior da casa e tras pasar baixo un emparrado típico, aproximámonos ó derradeiro espacio patrimonializado, ó que lle serve de antesala unha esplendorosa vista do río e do sistema de captación dos muíños que se complementa con catro novos paneis externos. Este novo espacio sintetiza de forma amena o "Ecosistema do muíño" nunha especie de escaparate onde se combinan cun gran acerto o discurso panelizado con aqueles vestixios materiais acopiados e cos esquemas sinxelos expostos. Unha garza disecada protagoniza un atractivo engadido poñendo fin a un percorrido aleccionador e respectuoso coa memoria histórica esquecida

Ata aquí o folleto que explica un pouco, parte do que se pode atopar neste Parque Etnográfico do Arenteiro, no Carballiño, Ourense.

O resto Que é moito! implica unha visita obligada. ¡Merece a pena!.

O proxecto ten uns autores que é preciso destacar: Frco. José Fumega, Xosé Luis Sobrado e Juan Manuel Rodriguez. Ver ampliación destes datos.

O meu correo electrónico é:  slorenf@gmail.com para calquera correción.

Ver fotografías do lugar. Fotos propiedade do autor da www.

Saír.