Conta a lenda que cando Deus creou os ríos, mandou nacer tres xuntos na Serra do Xistral. Aínda que as fontes manan do mesmo lugar, foron abocadas para distintas ladeiras e recibiron a promesa de que cada ano tería un home aquel que primeiro chegase ó mar. Deulles categorías divinas e chamounos con resonancias gregas: Eume ó da rampa do poñente que debía fertiliza-las terras das Pontes; Landro, o da vertiente norte que habería de fecundar carballeiras e facerlles producir landras, e Masma, o da ladeira de raiante que crearía coa súa chegada ó mar as masmas.
Acabados de nacer conviñeron descansar un pouco no camiño, pacto que só cumpriu o Eume, e ó saber da traición dos compañeiros, enfurecido e rebotoado, acelerou a súa marcha pola Capela e Caaveiro, labrando os fermosos cañóns das Fragas do Eume, e conseguiu chega-lo primeiro. Por iso, din que tódolos anos se afoga unha persoa nas súas augas…

Vovel a la página "O encoro do Umia" Salir esp.