OS  RÍOS  TRÁENNOS  SOÑOS

Fervenza no río Cerves, Ourense. Fot. Secundino Lorenzo.

..."Auga para beber e para amar. Auga para reflectir nela a nosa cara de paz..."

--0--

Río de Queixa. Ourense . Fot. Secundino Lorenzo.

..."É fermoso ver un río nunha foto..."

--0--

Fervenza do Barbantiño. Ourense. Fot. Secundino Lorenzo..

..."A natureza libera o ser humano por dentro, faino máis intelixente e máis aberto..."

---0---

Río Navea en Ourense. Un río que respecto e quero. Fot. Secundino Lorenzo.

..." Os ríos son a cor intensa dos ollos das vacas..."

---0---

 

Os ríos son a parte interior da infancia.

Os ríos son auga que marcha e corre.

Debemos respectalos e coidalos e querelos. Como respectar a vida e a inocencia. A natureza é a parte máis sabia do home.

Temos que abumiñar esta parte non morta de nós mesmos. Auga para beber e para amar. Auga para reflectir nela a nosa cara de paz.

A natureza é sempre algo animal e libre. Eu corro cara ao río da aldea e bailo mentres me baño. Lonxe do mundo e da cidade.

Eu amo os ríos que me percorren. Hai que buscar na harmonía a beleza. Hai que correr e xogar nos patios do espíritu. Os ríos son partes soñadas de todo. O todo é o feo e as partes son fermosas. É fermoso ver un río nunha foto. É fermoso cantar cancións e beber viño, como nos Caneiros. Os ríos, como fadas, cruzan cidades e vilas. Cruzan a xeografía humana e xogan con ela. Avanzar como nación é amar ese soño da terra , a auga. Nas fontes nace todo coma se nacera un poema. Moitos poemas para que non nos doa a morte.

Quero mollarme no río e sentirme soñadora e libre. A natureza libera ao ser humano por dentro, faino máis intelixente e máis aberto. Os ríos que me inundan son un diagrama certo. Un debuxo nas miñas páxinas de poesía. Os ríos son a cor intensa dos ollos das vacas. 

-----------------------------

Lupe Gómez.  

O Correo Galego do día 02-12-99.

 

"Moitas gracias por escribir cousas tan bonitas sobre os ríos".

O autor da www : Secundino Lorenzo.

--------------------------------------------

A música que debera soar titúlase "Nubes do outro lado". Música de Carlos Nuñez interpretando a Ry Cooder. Penso que ben ó merece este trozo de poesía...

 

 

salir.jpg (922 bytes) Saír os ríos son?.                       salir.jpg (922 bytes) Saír ós ríos son prosas.