A TRIBO TEN CATRO RÍOS.

No que sigue aparece un conto de Manuel María publicado na colección O Barco de Vapor, por Ediciones S.M. , 2ª edición en 1994. Para mín é unha auténtica xoia.

Na contraportada deste libro sensacional, que está pensado para nenos a partir dos 12 anos,  pon o seguinte texto que explica un pouco de que trata:

"Manuel de Paderna é barbeiro e alguacil do concello. E tamén, poeta. El coñece os versos que fan nacer regatos e erguer quioscos de música. Enténdenlle a súa fala as fontes e o río é amigo seu. E teu, se o queres soñar.

Aínda que a don Capitón, o alcalde, non é que lle chisten moito esas andrómenas..."

O seguinte conto é o primeiro capítulo do libro citado:

"Como naceu o regato do Cepelo"

Saír.  

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

COMO NACEU O REGATO DO CEPELO

Menuel María. Un poeta galego único.

                                       

Regato do Cepelo: naces e morres

na miña tribo, breve coma

a milagreira pinga do orballo

que se pousa no pétalo da rosa,

espello dos meus soños, murmurio

de frauta e asubío, salouco

emocionado e irreprimible, cunco

de pureza musical, laverca

chiadora, fadada raioliña

de lúa deitada docemente

nesta terra, humana e vella, só

para darlle a túa delicada levidade.

Menuel María. Un poeta galego único.

 

Na fotografía un recuncho do río Miño en Outeiro de Rei.

No lugar no que comeza ou remata a Terra Cha -pois nunca se sabe e depende a onde se vaia ou de onde se veña- hai unha vila que se chama Outeiro de Rei.

           O nome de Outeiro -que é o de pía- vénlle dado por estar situado no alto con relación ó río Miño. O apelido de Rei débese a que é a vila máis fermosa da bisbarra. Tanto é así que as outras vilas dos arredores fixérona capital do seu Concello. O Pazo municipal está no medio da vila. É un edificio rexo, alto e cadrado. Non se sabe si a súa forma cadrada se debe a que os canteiros, cando o ergueron, tomaron como mostra as ilustres cabezas dos señores rexedores municipais, ou se pola contra, os señores rexedores municipais teñen as cabezas cadradas por estar horas e horas dentro do Pazo do Concello cavilando e dicindo parvadas.

Outeiro de Rei (na provincia de Lugo, a dez km. o norte da ciudade de Lugo), está na Terra Cha. Na fotografía da esquerda están situados os catro ríos dos que escribe Manuel Maria. No da dereita é a fotografía SIGPAC da zona. O Río Pequeno é un afluente pola esquerda xusto abaixo de todo da foto. O Río do Cepelo é un afluente pola dereita do Río Pequeno, por Barciela, no mapa. (Mapas e nota do autor da www).

            O caso é que Outeiro de Rei, no comenzo da súa vida, tivo tres ríos: O Pai Miño ou Río Grande, que vén atravesando toda a Terra Cha, ancho, solemne, vagoroso, recreándose ó olla-la beleza das súas propias ribeiras.  O Ladra, de augas tépedas, que baixa estarabouzando entre árbores, para morrer no Miño. O río Ladra morre murmurando porque sabe morrer é o remate natural de cada vida e el non lle ten medo á morte. As súas augas cantareiras non desaparecen: mestúranse coas do Miño para darlles un pouco máis de alegría. E finalmente o Río Pequeno, Río de Robra ou Santa Marta, que dos tres xeitos se chama.

            Os veciños de Outeiro de Rei vivían felices -se é que neste mundo hai felicidade- traballando os eidos, coidando o seu gando e celebrando as súas romarías no Campo de Santa Isabel, á beira do Miño, onde hai unha ermida que se está esborrallando.

            Pero un día as xentes de Outeiro de Rei -que son moi curiosas- enteiráronse por un cantor vagabundo que, ó son dunha zanfona, cantou unhas cancións no desaparecido quiosco da música da Praciña do Concello, de que no Paraíso Terreal había catro ríos. Desde entón, os veciños de Outeiro de Rei comenzaron a andar tristes e  dasacougados porque eles soamente tiñan tres ríos e desexaban ter catro ríos como o Paraiso Terreal. ¡Que menos!

          Despois de moito discorrer, formaron unha comisión para que xestionase un novo río. A Comisión, composta polos notables da tribo, falou co crego que dixo misas, organizou procesións, entrevistouse co Bispo, co Arcebispo e co Papa. E nada. O novo río non apareceu. Entón a Comisión recorreu o Alcalde, á Corporación Municipal e ó Xuíz de Paz. Estas autoridades andaron de riba para abaixo, cobraron dietas, redactaron informes, visitaron ó Gobernador, ó Presidente da Xunta e ó Mandamais do Mercado Común de Europa. E nada. Perderon o tempo e as viaxes, aínda que ganaron os haberes das dietas que lles pagaron por tanto ir e vir.

            Cando os veciños estaban máis desesperaos, sen saber que facer nin a quen acudir, un rapaciño, calado e melancólico que andaba sempre a escoita-lo cuco na Carballeira de Hortas, contemplando como florean as cerdeiras e ollando ás estrelas, subiuse ó quiosco que había na Praza do Concello, tocou o corno tres veces e, cando ollou xuntos ós veciños que acudiron ó son do corno, díxolles:

           -As persoas maiores non valedes para nada e non sabedes face-las cousas. Se queremos un río, primeiro temos que imaxinalo e logo, soñalo. E o río aparecerá. Teño un amigo en Lugo que se chama Ramón Lamote, Profesor de Chairego e Debuxante de Soños por Encarga. Ídevos para as vosas casas, que cada un de vós soñe ó río que queremos e así o teñades soñado, chamamos a Ramón Lamote para que nos debuxe o noso soño, pagándolle como é natural o seu traballo conforme marque o arancel.

           A xente quedou pampa. Despois comenzou a discutir. Por remate quedaron conformes coa proposta que se lles facía.

           Cando cada veciño tivo soñado o seu río, Ramón Lamote veu a Outeiro de Rei. Instalouse na taberna de Roibás. Servíronlle un neto de viño que foi bebendo moi de vagar, mentras cada veciño lle ía contando o seu soño. Ramón Lamote quedou só. Co soño de tódolos veciños fixo un só soño. Debuxouno. No seu debuxo puxo toxos, carqueixas, bouzas, árbores, prados, pontellos, labradíos e dous muíños roulóns. O debuxo era un regato.

           As xentes de Outeiro de Rei quedaron moi ledas. Levaron o debuxo dos seus soños ós lugares polos que querían que pasase o regato. Porque eles desexaban un regato. Agora precisaban un regato. Pero, por moito que se esforzaban, o seu soño non se facía realidade.

         Entón procuraron ó rapaciño calado e malancólico para que os aconsellase. pero o rapaciño ía en San Breixo de Parga, na romaxe de San Alberte, pois era o derradeiro domingo de maio. San Alberte fai falar ós mudos, cura os tatexos e dálles o don da palabra ós seus devotos.

            Agardaron pacientemente a que o rapaz, que se chamaba Manueliño de Paderna, voltase da súa devota romaxe. Cando Manueliño de Paderna voltou do san Alberte, a sorpresa de toda a xente foi enorme: ¡falaba en verso!

            Manueliño de Paderna colleu o soño debuxado polo seu amigo Ramón Lamote e, seguido por tódolos veciños, foi a un lugar do monte e dixo:

Augiña pura e sinxela

agroma e faite fontela

aquí: no Trollo da Agüela.

           E a auga saíu á superficie e agromou e comenzou a correr monte abaixo. Os veciños seguírona marabillados. Cando chegaron ás Rozas de francos, Paderna parou e dirixiuse á auga e díxolle:

Descansa. Vai a modiño

Encórate:

¡tes que mover un muíño!

            A auga encorouse. O lugar chámase As Regas. Cando o encoro estivo cheo, a auga que revertía seguiu o seu camiño. Paderna volveu a falar:

Neste lugar de Cepelo

o rego xa é regato

e mesmo namora velo.

             As augas    emocionadas, comezaron a cantar. O chegar a Barciela, Paderna parou, ollou ó Sol que se estaba poñendo e exclamou:

Regato, rego ou regueiro:

é hora de descansar.

¡Despide as terras de Outeiro

que xa chegache ó teu mar!

                E as augas do regato metéronse, mansamente, no río Pequeno que as leva ó Miño caudal.

               Xa sabedes a razón pola que Outeiro de Rei ten catro ríos:

O Miño ou Río Grande.

O río Ladra

O río de Robra, Río Pequeno ou Santa Marta.

             E o regato, o último río  que apareceu en Outeiro de Rei, que é o máis pequeniño pois aínda non tivo tempo de medrar. Nos mapas e xeografías nas que figura, chámanlle Río de Barciela. Os de Outeiro de Rei témoslle un nome familiar: Regato de Cepelo. E os paxaros -merlos, cucos, petos, lavercas, andoriñas- que usan as súas augas para beber, para bañarse e, sobre de todo, para ollarse nelas, puxéronlle un nome secreto: Rego das Regas.

      Agora a xente de Outeiro de Rei anda moi leda e fachendosa: a súa tribo ten xa catro ríos como o Paraiso Terral. Máis non se pode pedir. 

---o---

Manuel María, foi en 1991 o autor do texto anterior. É o primeiro capítulo do libro A Tribo ten catro ríos que é todo el marabilloso.

Este pequeno conto é para mín o mais fermoso que oín na miña vida relativa os ríos. Neste conto  aprendín  moitas cousas,  sobre os meus amigos os ríos: que os ríos falan, que os ríos e regatos se emocionan, que as súas augas cantan e que os ríos tamén morren, algúns mansamente e outros mortos a mans de xente que non merece vivir nesta terra.

Gracias Manuel María por facerme ver estas cousas...

¡Unha aperta alí onde estés!

 

Subir.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

MANUEL MARÍA.

Manuel María Fernández Teixeiro naceu nunha podente familia labrega de Outeiro de Rei, preto de Lugo. Nesta cidade residiu durante o seu Bacharelato cun tío cura, e frecuentou a amistade de Pimentel, Anxel Johán e Anxel Fole. Non rematou os seus estudios de Filosofía e Letras, e unha vez casado, instalouse en Monforte de Lemos, onde traballa de procurador dos tribunais e rexe coa súa esposa Saleta Goi a Libreria Xistral.

Na súa vida activísima de militante da cultura e da política, dirixiu a colección "Xistral" de poesía, plataforma inestimable de varios poetas máis novos ós que apoiou xenerosamente, colaborou e colabora con artigos na prensa, organiza actividades e recita e dicta conferencias sen descanso en tódolos sitios onde é chamado, sexan en Galicia ou no exterior. Premiadísimo en certames poéticos, é tamén narrador, ensaísta e dramaturgo e gran conversador.

Foi o primeiro poeta mozo que editou un libro na postguerra, o Muiñeiro de brétemas, publicado no 1950.

Desde entón, trinta libros de versos compoñen a súa bibliografía poética, a máis extensa da literatura galega.

A inmensa obra de Manuel Maria resiste á súa definición sucinta pola concorde variedade da súa musa, desde o intimista ó rabiosamente político, desde a cantiga popular ó soneto. Algunha crítica estreita céntrase nos seus desacertos, que sen dúbida os ten, pero que de ningún xeito poden facer esquecer que Manuel Maria é un dos máis grandes poetas galegos de tódolos tempos.

Nesta páxina www hai outro poemiña deste gran poeta. Concretamente no apartado Os ríos son poesía. trátase do poemiña do Sr. Regato do Cepelo. 

Tamén unha poesía sensacional  que se titula Escarnio para os estragadores do mundo, que é para mín un manifesto contra os que atentan contra a nosa natureza.

Subir.