OS RÍOS DE OURENSE, CANTADOS POLOS NOSOS POETAS.
AS
UVAS NA SOLAINA |
Marcos Valcárcel (16/03/2003) |
Río Miño. Ponte vella. Ourense. "O Miño.../cobra de prata, branco camiño/que bica a Melias e olla a Toén...", ... "proteico tren de prata/sobre un carril de seixo/e rodas sin cesar e nunca pasas..." (Fotografía S. Lorenzo) 1.
A CERNA DA MEMORIA. A
VENECIA AURIENSE
“Era un mediodía de inverno, cinsento, asolagado na brétema
do Miño. A sensación da paisaxe, o sabor do aire e a textura do ceo,
fixéronlle lembrar Venecia. Igual que na súa cidade, había aquí algo
fantasmal, agoiro da traxedia...”: Pierre Francesco Borghese, un
italiano dos anos trinta, chega a unha Auria bretemosa e fantasmal, que
lle semella a súa Venecia natal enchoupada sempre en auga: “A mesma
humidade, o mesmo frío que penetra no corpo encollendo o estómago, que
zumega nas sabas do leito, que se prende no cabelo”. O personaxe é
creación do novelista ourensán Francisco X. Fernández Naval para
“O bosque das antas” (Premio Xerais, 1988), unha das grandes
novelas aurienses do río, que recrea as terras de Oira e Velle, Rivela
e Barra de Miño, cunha miuda riqueza descriptiva: “Por esta zona o Miño
baixa encaixonado polo efecto da erosión. Trepan pola pedra os
lameiros, as viñas nas que agavean os esqueletos das cepas, os bosques
de piñeiros, algunhas fragas de bidos ou carballos e as hortas
suspendidas nas repisas graníticas. Algunha vez os cantiles ergueitos
deixan paso a bocarribeiras abertas, como pequenos vales feitos pola
auga para descansar na ribeira”. O río interactúa con outros
elementos da novela, en paralelo a Amador, o protagonista, que constrúe
un lixeiro barco de dúas dornas para baixar as augas ata Portugal, como
o río impenetrable no seu xeitos de ser: “A súa vida era o río,
levando xentes de acó para acolá. O seu carácter era escuro e descoñecido
como as augas que amaba, agora afable como o relanzo, logo misterioso
como a redemuíña, sempre calmo. Dicían del que lía unha corrente e
que nela era capaz de adivina-lo futuro. De feito todos sabían que
predicira a riada do ano trinta, que alagou casas e palleiras e levou a
catro homes que traballaban no ferrocarril. Pasou todo o verán
agoirando a desgracia, escrita nas pucharcas da estiaxe, no debouzar da
corrente contra as ponlas dos amieiros, no reflexo das nubes”.
2.
ARREDOR DE NÓS. O
MIÑO AFIADOR
As
augas dos ríos son un símbolo fundacional da literatura universal
de todos os tempos. Desde Heráclito ata Jorge Manrique o
río constitúese en metáfora da vida que flúe cara ao mar que
significa o morrer: “Nuestras vidas son los ríos/ que van a dar a la
mar”. Centos de poetas usaron esa imaxe, entre outros o Blas Otero
que canta ó home solo, “ese río del tiempo hacia la muerte” ou o
noso Celso Emilio que evoca a saudade da súa infancia “coma o
río que pasa e sempre queda”.
A imaxinería xenerada polo Pai Miño en Ourense é inmensa. Otero
Pedrayo fai casar ó río é á ponte vella nestes versos: “Ponte
román, lei, latino/ Anel das bodas do Miño/ Iris de pedra o arco fino/
Camiño!”. Xerardo Álvarez Limeses deseña o seu perfil
serpenteante: “e aló, no fondo, te aperta o Miño,/ cobra de prata,
branco camiño/ que bica a Melias e olla a Toén”. Xavier Bóveda evoca
as paisaxes vinícolas das súas beiras: “El Miño patriarcal y
pertiguero/ la procesión de viñas apresura,/ y el racimo, que el pámpano
perjura,/ se otorga en efusión del mosto entero”. E Euxenio Montes
opta por unha imaxe vangardista nun “Miño” caligramático:
“Gastou a coor o río,/ fouce a segar a lúa/ e a paisaxe/ Ourense é
afiador./ Roda de pedra./ O Miño afía o azul/ e sigue a viaxe”,
debuxando o quinto verso a xeito de roda de afiar.
3.
O ALENTO DO COTIÁN. COMA
UN BOI
SUMISO
Outros
poetas optaron por unha voz máis intimista ó cantar a súa relación
co río, como Augusto María Casas: “O meu corazón saudoso/ quér
ser mar e quér ser río:/ mar para soñar estrelas,/ río a cantalas
baixiño.../ Pasai caladiñas/ ondiñas do Miño”. Ou Edelmiro Vázquez
Naval, que envexa a súa liberdade: “Río fluínte, eu quedo nun
encoro.../ Debruzado na Ponte. Sen
saída./ En Ourense, sumíndome en degoro”. En “Onde o mundo
se chama Celanova”, Celso Emilio Ferreiro asinou unha fermosa
“Loubanza do Pai Miño” onde canta ó “río labrego, suco ben
labrado” e ó “río petrucio, fundador de castes” e inclúe unha
moi fermosa imaxe do Miño como boi sumiso entrando na cidade: “Pastor
dos amenceres,/ chegas a Ourense e paras,/ aquédaste nos xugos das súas
pontes/ e coma un boi sumiso amansas/ o teu andar, a túa presa antiga/
de escuma apresurada,/ para ollar a cidá calmosamente/ e ser o seu
espello na alborada/ cando as aves espertan”. É o vello río, vello
xa cando naceu a cidade, con vocación de eternidade: “Somente ti non
morres, permaneces/ -proteico tren de prata/ sobre un carril de seixo-/
e rodas sin cesar e nunca pasas”. Lembremos tamén a evocación
saudosa do río antes libre, agora prisioneiro, a apodrecer nos
lamazais, “escravo es dos ratos/ que amoedan os teus pulos”: era xa
o tempo dos embalses en “Río Miño” de Xosé Conde (“Dorna”,
1985).
Ou o Miño “eixo da patria” de Millán Picouto, poeta
que tamén se lembrou de “o Loña de íntimas orelas/ beixos me daba
cos seus amieiros” (“Ourense”). E se Curros Enríquez cantou
o “río dos grandes destinos”, samaritano da máquina do tren, novo
“Cristo dos tempos modernos”, para outros autores é símbolo do
camiño cara a emigración, así en José Rubinos (“Ourense,
cidade perola do Miño”) ou en Bernardo Vázquez Gil
(“Ourense é un longo río, longo, longo,/ que se verque na América,
na Europa...”). Antón Tovar, pola súa banda, lembra os
elementos humanos máis humildes ó carón do río: “Aquel del Puente
junto al río/ y el croar de las ranas, y en invierno,/ allá en las márgenes
huidizas, los gitanos/ con sus fogatas lentas, lentos/ humos que hasta
las nubes ascendían”.
4.
PERSONAXES. O
MEDO DE SUSO. O
poeta da Terra Cha Manuel María dedicou todo un libro a cantar
“O Miño canle de luz e néboa” (1996): nese volume hai unha Biografía
do Miño que nace no deus Minius para logo relembrar os xugos (pontes)
do Imperio romano ou o don de linguas do Camiño de Santiago: “Miño
celeste: / un río de luz/ polo que, un día, habemos navegar”. Tamén
Víctor Campio e Pura Vázquez cantan os remansos do río
e a beleza da ponte romana: “Baruda luz oural, vela galana,/ Souril
avelaíña, lavandeira/ das douradas areas. ¡Aureana!”. Falaremos
noutra ocasión con máis vagar dos narradores e o noso Miño. Agora só
unhas notas ó respecto: ademais de Fernández Naval, teremos que falar
das paisaxes do Barbaña ó encontro co Miño, que engaiolaron a Álvarez
de Nóvoa
e ó Blanco Amor de “Os Biosbardos”: aínda anda o
Toniño Cobas de “A arrasadeira” a correr por enriba de Oira,
fuxindo do seu medo ... O medo que latexa en “O Suso”, o neno que
vivía nunha casoupa entre os canabais da Barbaña, nun dos mellores
contos de Méndez Ferrín: “O vento rizaba a auga porca da
Barbaña...” E lembraremos a Xosé Fernández Ferreiro, outro
ourensán que fixo a súa gran novela épico-lírica en “Morrer en
Castrelo do Miño”, elexía das augas represadas e do val agrario
desaparecido polo poder hidroeléctrico. Velaí aínda as suxerentes e
lavandeiras da cinéfila “Memoria erótica” de Carlos Velo ou,
finalmente, as novelas de Bieito Iglesias, que acode ás súas
lembranzas infantís na Chabasqueira e A Ponte, cos campamentos xitanos
nos coiñais cando transportaban en cabalos as pedras para facer a Ponte
do Ribeiriño (“Vento de seda”).
|