O  RÍO  MIÑO

  FAI   MUSICA

A música que vai soar ou está soando é de Andrés Dobarro.

Leva por título:

 "O tren que me leva pola beira do Miño"

 //

Escribe  Secundino Lorenzo Fdez.

 

Andrés do Barro, o seu nome completo Andrés  Lapique Do Barro  (1947-89)  natural de Ferrol foi o autor da canción "O tren", todo un éxito en 1969, é a única canción en galego que llegou a ser nº 1 no territorio español. Andrés morreu xoven,  de cáncer,  en 1989.

 

Este é o libro de Anselmo López Carreira sobre O Miño, libro que utilizo, entre outros, nesta web sobre o río Miño. O texto está copiado ao pé da letra, tamén a fotografía do tren e o río.

 

Anselmo López Carreira no libro "O Miño un caudal de historia", dedícalle  todo un comentario a esta canción e ao que representou en Galicia naquela época, poño ao pe da letra o comentario completo, que considero que é o mellor que levo atopado sobre a súa canción e o momento que vivía Galicia  en 1969.

Nota: calquera cuestión sobre este artigo, tanto de Anselmo López Carreira, como por parte dos familiares de Andrés do Barro poden escribir a este email . Por suposto faría as correcións oportunas.

 

 

...O tren que me leva pola beira do Miño

 

    A liña férrea que sae de Vigo ou Pontevedra, continúa por Ourense e acada  Monforte, para desde aí dirixirse ata Barcelona atravesando a meseta castela, aproveita o camiño natural aberto a través de Galicia polo Miño e polo Sil. Segue o curso deses ríos con evidentes inconvenientes para as esixencias actuais de velocidade, máis tamén, en contrapartida, cun percorrido de perpectivas paisaxísticas únicas desde o momento en que a vía se achega mesmo a rente do Miño, en Salvaterra, ata que en Ponferrada se separa do Sil.

    En 1969 saltaba ata o primeiro posto do hit parade español de música lixeira unha canción sorprendente. Ante todo polo propio título e por toda a letra: O tren do cantante Andrés do Barro, estaba en galego, algo por completo inusual e inesperado. Mais non deixaba tamén de sorprender pola propia calidade musical da peza, cun ritmo de marcha en tren moi acaído ao gusto da época,

que parecía abrir perpectivas ao idioma do país. O tema era a viaxe en tren pola vía que percorre o Miño.

     Por esas datas, nun ambiente político de distensión da ditadura e no medio social dunha xuventude ignorante dos peores anos desa ditadura (que non obstante aínda reservaba horrores finais), a reaparición do movemento nacionalista e de oposición democrática en xeral tiña a súa correspondencia no renacer literario do galego (unha nova narrativa de influencia francesa que xa viña da década anterior, e unha poesía social), así como na aparición da nova canción galega, seguidores dos pasos da nova cançó catalá e dun similar movemento portugués, do que José Alfonso era o máis autorizado representante.

   Os poemas de Celso Emilio Ferreiro e de Manuel María proporcionaban letras ás cancións do grupo Voces Ceibes. O auditorio receptivo desas composicións, nas que a música se conformaba con servir de soporte a uns textos de denuncia social e compromiso político (a canción protesta), era moi limitado, practicamente universitario e intelectual, mais a importancia chamada a ter por estos sectores socais no inminente futuro político dota de suficiente transcendencia o esforzo de Voces Ceibas, moito máis alá da calidade da súa inspiración musical.

   Polo contrario, a cambio de éxito musical ( ritmo alegre, vivo, pegadizo), as letras de Andrès do Barro padecían de inexistencia de mensaxe. Abondan a música e o idioma para valorarlle o mérito.

   É innegable que O tren marcou un fito. Chegou a todo tipo de público, e incluso exportou fóra de Galicia unha imaxen viva e atraente do galego, ata entón ignorado. A recuperación e dignificación do idioma débelle moito a O tren.

    Como tantas cousas cargadas de futuro naqueles anos finais do franquismo, o aparente anuncio da emerxencia definitiva do galego desde as escuridades da marxinación e do desprezo non foi tal.

    A O tren seguírono máis cancións con fortuna, do mesmo Andrés do Barro e dalgún outro intérprete, pero o pulo con que avanzaba alegre aquel tren foise desfondando e o país non foi quen de converter o seu idioma en instrumento de transmisión dunha cultura de masas moderna. A identificación da xuventude co idioma foi pasaxeira e o compromiso insuficiente. O proceso de abandono e deserción paulatina seguiu o seu curso. A devolución dun galego depurado e vivo por parte dos custodios intelectuais ás novas xeracións non se percibe aínda no horizonte. O desencontro interno en materia lingüistica adopta cada vez un aspecto máis bizantino; o inimigo escala os muros de todos os baluartes...

---o---

 

Este link leva ata un video de "O tren"en Youtube.

 

Esta é a letra do tren de Andrés Dobarro:

O tren que me leva pola beira do Miño
Me leva e me leva polo meu camiño.
O tren vai andando pasiño a pasiño
E vaime levando cara o meu destiño.
Alguén pode ser que me espere na estación,
Na terra da felicidad.
Todo o que sexa amor e paz
O atoparei, eu o terei
Ca miña moza no meu lar.
O tren que me leva camiña e camiña
Vai botando fume, corre pola vía.
O río vai feito un mar de ledicias
No tren pouco a pouco volvo á miña Galicia.
Pasei moito tempo sen lar, lonxe de eiquí,
Foron mil noites cheas de soidá.
Falando coa xente pola mañá
Escoitarei e saberei
O que pasou polo meu lar.
O tren que me leva pola

 

Gústame moito esta pequena homenaxe que lle deron a Ándrés Dobarro : cantan  Xosé Manuel Piñeiro, Juan Pardo  e Xose Ramón Gayoso. Xa choveu...pero sigue estando para escoitar esta homenaxe, no nadal de 2002:

Ver este video de Youtube.      

 

Posteriormente, en decembro do ano 2023, leo un artigo que fala con moi bon criterio, de que Andrés Dobarro debera ter un recoñocemento a nivel Galego que non ten; a verdade que lle debemos moito, o feito de que en 1969 cantará en galego e que se dera a conocer en toda España, ten máis importancia da que parece. estou co autor do artigo publicado no Faro de Vigo o domingo 17/12/2023.

O artigo leva a firma de Salvador Rodriguez e titúlase Balada Triste de Andrés Dobarro.

Efectivamente no artigo reivindica unha medalla de ouro a título póstumo para Andrés Dobarro, xa que fixo méritos sobrados para merecela. Súmome a proposta...

   Volver Música río Miño