A fervenza.

 ( Víctor Campio Pereira)

Río Barbantiño. Fervenza do Barbantiño. Fotografía de Secundino Lorenzo.

 

A Fervenza

 

 

         Víctor Campio Pereira. (1928-2018)

O sensacional texto está sacado do libro de Víctor Campio Pereira "Escritos en do menor" publicado por Follas Novas no ano  2001. Unha xoia.

 

                                                                       

   Tamén se lle pode chamar breixa, cachón, cachoeira, cadoiro, abanqueiro, freixa e tal vez de máis maneiras, porque o galego é idioma felizmente rico e xeneroso en vocábulos. Pero cascada, en galego, non. Cascada en galego, é outra cousa: é a folla do millo, tamén nomeada cosco, carocha ou poma, pero que nada ten que ver cun salto de auga.

   Eu chamareille fervenza. Así é coñecida na parroquia de Punxín por onde o río Barbantiño baixa a cachón desde as terras altas de Orbán, entre fortes desniveis, buscando afanosamente o manso acougo do Miño.

    Da fermosura deste val e dos seus arredores, con veigas de terra parda, arxilosa e barrenta, axeitada para toda caste de cultivos, non falarei eu aquí. En todo caso invito ó lector á súa contemplación in situ. Quedará pampo. Ficará estantío ante a beleza da paisaxe, que se lle botará encima, de súpeto, como unha conmovedera visión paradisíaca.

    Nós os galegos somos proclives ó goce estético da natureza. Levámola amasada no sangue como unha emoción ancestral que Vicente Risco explicaba desde o noso sedentarismo, desde a propia beleza da paisaxe ou tamén desde a sagrada emoción dos nosos antepasados que nola souberon transmitir. O caso é que esta emoción telúrica róndanos por dentro e -como tamén explicaba Risco- xa empeza a ser en nós o principio dunha ética e dunha estética.

    De aí que eu invite ó lector a que visite a Fervenza. Que se mergulle na súa contemplación para forxar o seu telurismo ancestral, o  seu  "panteísmo de absorción", o seu amor ás orixes, e atopar así o seu estado harmónico, a súa unión consigo e coa natureza da  que todos formamos parte.

     Pero que vaia axiña, antes de que a negra man da tecnoloxía perpetre o desastre ecolóxico. Porque esa negra man xa anda por alí trocada en gadoupa. Tenta facer naquelas fermosísimas e únicas paraxes unha minicentral hidroeléctrica, arrebatándonos de socate esa inmensa marabilla de auga e frondosidade que a natureza tardou tantos séculos en conseguir. Os nosos devanceiros respectárona e transmitíronnola como unha herdanza sen posible malversación.

    Nós, as xentes do común, ante un Ente Abstracto con siglas e cartos, somos moi pouquiña cosa, xa se sabe. Pero se todos imos por alí e contemplamos aquelas paraxes e nos identificamos con elas, se cadra, entre todos, aínda podemos facer algo. Se cadra,  entre todos, aínda nos podemos facer co tiracroios de David e mandarlle unha pedrada no medio da testa ó monstruoso Goliat.

    Se cadra, entre todos, -como diría o poeta Antón Avilés de Taramancos-" ainda lle podemos retorcer os collóns a supermán.

                                             (La Región, 2 -VIII-1997)

 

 

---o---

 

 

Epílogo de Secundino Lorenzo.

 

     O lector debe saber que Victor Campio escribiu este texto en 1997 cando se estaba a construir a minicentral que logo se puso en marcha, pese a gran protesta e loita que houbo para que non se fixera. Desgraciadamente o día 11 de novembro de 1998 decidimos uns amigos de Barbantes, Celso Rey, Pepita Babarro, Pilar Aira, Secundino Lorenzo, Samuel Lago, Isabel Martín, Mercedes Álvarez, Eliodoro e outros,  facer unha andaina para baixar as castañas do magosto que coméramos ese día, o día de San Martiño, a andaina foi ata a fervenza do Barbantiño, dende a Ponte da estrada que vai a Amoeiro,  río arriba que xa estaba en charcos seco, ata chegar a Fervenza que xa  atopamos practicamente seca, ver a fotografía de abaixo. O río estaba en pequenos charcos e as troitas e os peixes en xeral morrendo...A minicentral xa estaba turbinando.

  O resultado pasados os anos foi nefasto, o bosque de ribeira do río Barbantiño dende a minicentral ata a desembocadura pasou a historia, era un dos mellores de Galicia. O río está hoxe, cando escribo esta nota, defenestrado. As orelas secas, coas raíces ao aire, xa que o río sube e baixa según turbine ou non a minicentral...O bosque de ribeira, dos mellores de Galicia, dito por moitos especialistas, entre eles o meu amigo Xosé Benito Reza,  quedou desfeita e así se pode ver nun video que poño ao final do texto...Unha mágoa, por no decir outra cousa...

 

              

Fervenza do Barbantiño traballando a minicentral. Fotografía Secundino Lorenzo o día 11-11-1998. Dúas fotografías históricas...para chorar... A primeira a 500 m. da Fervenza e a segunda a Fervenza cun fío de auga.

Un auténtico atentado ecolóxico...por certo denunciado pero nin caso...

 

Fervenza do Barbantiño. Foto de inverno 2002 . Fotografía Secundino Lorenzo.

Fotografía de inverno da Fervenza do Barbantiño. 1997. Foto de Secundino Lorenzo. Ese día estuven a punto de caer o río por sacar esta fotografía, gracias os meus amigos Félix Valeiras e Alberto Prego que me botaron unha man. Mereceu a pena...

Esta foto ten a súa historia:

O autor na Fervenza do río Barbantiño ( Ourense). Un río desfeito por mor dunha minicentral sin pés nin cabeza, xusto por riba da Fervenza.

    Está claro que a  fotografía é unha montaxe de outras dúas, por un lado a Fervenza do río Barbantiño, por certo no ano 1998, a punto de quedar estragada pola Minicentral de Engasa,  e por outra banda o que escribe Secundino Lorenzo, autor deste páxina web.

Pero sería inxusto non decir que o meu carón, no río Barbantiño,  están dous grandes amigos de toda a vida entre eles Félix Valeiras e Alberto Prego.

Os tres fomos decirlle adeus a esa marabilla natural, e a verdade é que iba fora de serie, co río un pouco alto pola chuvias de aqueles días.

Primeiramente tuven que ir ata a mitade do río, había un pequeno penedo para apoiarse, si non é por Alberto e un pau longo que atopamos era imposible chegar ata alí. Pero conseguino.

Avanzando ao medio do río para sacar a fotografía de abaixo. Gracias Alberto. A foto é de Félix Valeiras que estaba vendo o posible chapuzón dende a parte seca...

Observar como iba o río. Unha auténtica temeridade. Pero tuven sorte.

Fervenza do Barbantiño. Xaneiro 1998. Foto Secundino Lorenzo

Esta foi a fotografía e o premio. Un pouco de mala sorte ao sacala cunha das primeiras cámaras dixitais que tuven, con pouquisimos pixeles e polo tanto moi mala resolución;  pero bueno... así quedou. A min gústame e sobre todo tráeme muitos recordos que me gusta volver a lembrar... Observar que estaba no medio do río e  diante formábase un pequeno remuiño. En fin...¡Tempos aqueles!.

 

 

      Hoxe novembro de 2022 podes visitar esta fervenza a pé, verás que o bosque de ribeira está en moi malas condicións, medio desfeito, pouco lle queda;  e tamén se pode intuir  dende un dron, Castrodrón, que fai Andrés González, e nos sorprende con estas vistas. Este é o link.

En tempos nas orelas non faltaban os salgueiros, amieiros, bidueiros, freixas, sabugueiros, pradairos e algún lodoeiros entre outros...Entre as plantas había moitos fentos reais e xilbarbeiras (rascacú) entre outras moitas...Hoxe nas orelas hai moita árbore morta, é normal levan moitos anos que falta auga nas raíces, aparte da sequía enorme que hai...

 

 

Como chegar á fervenza do Barbantiño:

 

A Fervenza do Barbantiño está exactamente a 1 km. do límite do  Concello de Punxín, que si pertence a O Ribeiro; pero está no concello de Amoeiro. Eu sempe a considerei do Ribeiro pero non é así.

Estas son as súas coordenadas:

Lat    42.400302º           Lon  -7.983974º

 

Tendes varias opcións,  eu recomendo a primeira:

 

Ruta 1.-Pola estrada que leva Ó Carballiño a N-541,  a altura de Pazos de Arriba (ver mapa) hai unha estrada a dereita a OU-524, que leva a Amoeiro,  que vai a unha ponte sobre o río Barbantiño, podedes deixar o coche a 100 m. desa ponte nunha curva a dereita (aparcades a esquerda)  e nese lugar baixar ata o río e seguir río arriba.

En bermello a estrada de comenzo N-541. Desvio a Amoeiro, en Pazos de Arriba,  OU-0524 pasar a Ponte do Barbantiño, subir 100 m e na misma curva a dereita deixar o coche e coller a ruta 1 baixando ao río e logo subindo ou ben collendo o camiño onde pon ruta 2. Ver no seguinte mapa como se sigue a partir da curva.

Este sendeiro permite ver o bosque de Ribeira que inda se conserva e leva directamente á fervenza.

Na ruta 1 baixamos ao río, hai un sendeiro. Na ruta 2 seguimos ao camiño que se ve, pódese ir en 4x4. Para andar a ruta 2 non me gusta, non se vé o bosque de ribeira, que inda que non é o de fai 30 anos, algo inda queda...

Na ruta 3 pártese de Casanova preto de Maside, A ruta téndela marabillosamente explicada no link de Vikiloc, ruta 3,  con boas fotografías e todo tipo de explicacións. Aproveito`para dar as grazas e felicitar a xente que colaboa con Vikiloc, hai que quitarse o sombreiro, polos moitos anos de traballo e sensacional, aparte de competente  traballo...¡Noraboa!.

Total: 4 km. ida e volta.

 

Ruta 2.- O camiño parte do mismo lugar, ver no mapa. Utilizando un 4x4, fixen a ruta e non estaba moi ben. Non me gusta para camiñar, pero pode facerse... Sobre 4 km. Ida e volta.

 

Ruta 3.- Ruta de Wikiloc. Son 6,82 km ida e volta. Ver este link.

 

      galicia.gif (2685 bytes) Volver a "Ríos galegos"                            Volver a Disfruta do Ribeiro.