O MUIÑO DOS PONTÓNS en OLELAS. ( Alberto Pérez Adán)

(Trociño do libro do autor, Olelas na lembranza)

Vista panorámica do Parque da Peneda desde Olelas.  O fondo, os Pontóns. Fotografía sacada do libro...

 

IX                                              

O muíño dos pontóns.                                               

 

   "...   Os pontóns é un lugar  verdadeiramente paradisíaco na tan escabrosa como sempre sorprendente xeografía de Olelas.  Poucos sitios dos moitos que podo presumir de coñecer -e, de verdade, podo presumir de ter visto e gozado de bastantes en moi variados e diversos países, latitudes e lonxitudes (xa sei que me repito, pero gústame remarca-lo principio da comparanza obxectiva)-poden equiparárselle en beleza, harmonía, diversidade de matices e de contrastes espléndidos.

     Supoño que me move a dicir estas palabras un profundo amor á miña terra nai, engordado pola ausencia forzada, lei de vida, e polas escasas visitas que teño a oportunidade de facerlle, pero aínda así, procurando ser ó máis obxectivo posible, afirmo que non hai nos dicionarios adxectivos suficientes nin axeitados para poder describirlle ó amable lector a realidade de semellante lugar, polo que lle prego, se non me cre, que faga a comprobación persoalmente, "in situ", e verá si minto.

      Baixando de Olelas cara a Portugal pola beira norte, pódense escoller tres posibles vías para poder chegar ó punto fronteirizo coñecido polo nome de Os Pontóns, seguramente debido a que, en tempos, houba alí unha especie de pontiña de madeira para poder cruzar a raia cunhas poucas máis garantías que a salto de pedra en laxa ou de laxa en pedra.

       Unha das vías ditas consiste en cruzar A Veiga, bordeando unha chea de leiras dedicadas case en exclusiva ó cultivo do millo, pero non é este o camiño máis habitual nin o máis recomendado porque hai que cruzar, ó pasar a Veiga, a zona de Barrocas, sitio non moi recomendable para timoratos, cardíacos ou persoas con síntomas de claustrofobia, pois é verdadeiramente impresionante pola súa densa e tupida vexetación. o que fai que o camiño discorra case como en plena selva, e tamén pola grande catidade de animais e paxaros raros que alí asentaron os seus cuarteis xerais. Ó mellor esta impresión é moi persoal miña, porque lembro ter pasado por alí cando era pequeno e o medo grandísimo que pasei creo que aínda me perdura na pelica.

       Outra posibilidade de chegar ata Os Pontóns é percorrendo o camiño de carro, duns tres ou catro quilómetros, que, como o seu nome dá a entender, resulta a vía máis cómoda, aínda que, con moita diferenza, tamén é a máis longa, porque produce a impresión de que, canto máis se camiña por ela, máis lonxe está un dos Pontós. Por isto, se un ten  présa, é impaciente ou non lle agrada moito camiñar, esta é a alternativa que non debe escoller, coa agravante ademais de que, ó contrario da anterior, o camiño de carro transcorre por unhas zonas absolutamente peladas, salvo o inevitable monte baixo dos toxos, xestas, carqueixas e pouco máis, co cal, tanto se vai frío e chuvia como se queima o sol, máis vale non intentalo. En resumo, só é utilizado para levar un carro de vacas ata o río, e para iso hai que contar con perder máis de medio día para a ida e para a volta.

       Finalmente, a terceira vía para chegar a este marabilloso sitio era unha senda, un carreiro, coñecido como "o atallo dos Pontóns", de características moi especiais. Era -xa non é, porque a maleza invadiu todo e xa non hai nin rastro de tal carreiro-, a vía máis curta pois ía desde Olelas ata Os Pontóns case en liña recta, n baixada oblicua. Para aventurarse por este camiño, por chamarlle de algunha maneira, había que ter unhas condicións como as que lle serían propias, poñamos por caso, a unha especie de home-cabra, pois había que dispor dun equilibrio dinámico fóra do normal, nin rastro, por suposto, de vertixe, un pés moi sólidos e flexibles e, sobre todo, unha decisión ou atrvimiento suicida. Aínda así, había que contar cunha boa media hora para baixar e máis dunha hora para subir, dependendo isto da carga transportada, das condicións físicas e da capacidade de esforzo de cada un, para percorre-lo seu escaso quilómetro e medio de traxecto.

      Pois imaxine o lector facer este recorrido baixando un fol de millo para moelo no muíño dos Pontóns e subir despois  o correspondente de fariña...

       De calquera forma, cando baixo ós Pontóns, e baixo sempre que podo, é tanta a ilusión e o desexo de atoparme alí, naquel ambiente único que, sexa cal sexa a ruta que escolla e a pesar das dificultades que a idade me impón, o camiño parece pasar por min e non eu por el; é tanto o gusto e tanta a ledicia que sinto en percorrelo, en volver a vivir cada descanso, cada revolta, cada salto sobre os corgos, mentras me cubren as sombras dos penedos ou dos carballos e escoito os cantares dos paxariños polo día e os grilos e das aves nocturnas ó anoitecer, que o gozo con profunda paixón, con verdadeiro amor, madurecido polo paso de tempo e acrecentado pola morriña e polas lembranzas.

       Teño que decir que, normalmente, cando vou ós Pontóns, baixo pola primeira vía mencionada, ó amencer, e volvo polo camiño de carro, xa de noite, a Olelas terriblemente cansado, pero feliz. Por suposto, de ningunha maneira se me ocorre facer "o atallo": ténolle demasiado aprecio á vida.

       Xa chegando ós Pontóns, cando os tres accesos conflúen nun único punto, a uns trescentos ou catrocentos metros do río, xa só se pode desrutar, desfrutar e desfrutar. A esta alturas, o camiño vólvese case plano, fácil, cómodo para andar, anchiño, como señorial, diria eu, enmarcado por enormes carballos e castiñeiros con moitos anos de idade, cerdeiras, acacias...As silvas, os toxos e outras moitas especies vexetais matizan co seu medrar por entre estas árbores un mundo verde, enigmático e relaxante. o aroma a natureza salvaxe éncheo todo e embriaga: cheiro a mel, cheiro a resina, cheiro a feo segado, a mimosa, a fentos, a xestas...

       Segundo vai un achegándose ós Pontóns, vaise percibindo cada vez máis nítidamente o run run das cantareiras augas do río, pero ese ruxido caprichoso, ó rebotar contra as ladeiras da montaña española e logo contra a portuguesa, ou ó revés, convértese nun eco reverberante e dálle unha especie de ton estremecedor, parecido ó dalgunhas misas solemnes e cantadas que escoitamos nas catedrais, como unha festa multitudinaria de xente ben educada, romántica e espiritual. É o momento de empezar a soñar. de empezar a voar, de vivir.

       Ós dous  lados do camiño e a moi pouco de chegar ó muíño dos Pontóns empezan a aparecer os verdísimos campos solitarios que chegan ata a beira mesma do río, só separados del por carballos, freixos, amieiros e salgueiros, ó que estes acompañan en sosegada e frondosa amizade.

       Ó chegar o final do camiño, xa en plena zona dos Pontóns, crúzase calquera deste lameiros e, case sen respiración, esmagado e marabillado por tanta beleza xunta, atópase de súpeto coa súa maxestade o río de Olelas que, sen ser ningún Amazonas, tampouco sería xusto chamarlle corga, porque non o é, por suposto. Trátase dun río típico de montaña, con grandes crecidas e impetuoso caudal no inverno e suficientemente dotado, lóxicamente con moitísima menos auga, no verán, grazas á grande cantidade de mananciais e de fontes que lle fornecen auga fresca e transparente, auga que se non fose polo seu forte sabor e cheiro a peixe podería beberse tranquilamente pola súa pureza e nitidez.

       Este río foi sempre moi troiteiro, e ainda o segue sendo, pero de forma xa máis reducida ou limitada, desde que os portugueses construíron, río abaixo, en Portugal, pero case na raia a presa hidroeléctrica de Lindoso que anegou unha gran parte do mesmo. As súas troitas, ó criárense e nadaren nunha auga de tal calidade, son apreciadísimas en moitas partes de Ourense e mesmo noutras provincias e rexións, porque facendo longas distancias e penosos recorridos, son abundantes os pescadores que se achegan ata alí, atraídos pola fama desta xeneroxidade e calidade. Pero eu aposto que todos, unha vez alí, e antes de poñerse a pescar, ó ver e palpar tanta marabilla xunta, emulando á súa maneira ó rei francés Enrique IV, exclamarían:

      -"¡Isto ben vale o sacrificio!".

      Nos Pontóns xúntanse dous ríos, un que vén marcando a raia galego-portuguesa, o río de Olelas, e outro, afluente deste, que chega das terras do santuario da Nosa Señora da Peneda, para se abrazaren nun punto clave, un pozo bastante amplo no verán e impresionante no inverno, formando un triángulo, que leva o nome de Entrasaugas. No centro deste pozo xorde, da súa fondura, impresionante, unha enorme pedra redonda, alisada polo efecto das augas, un penedo fantasmal, achandado no alto e case sempre cheo de paxariños. Alí, neste pozo, ó xuntarse e chocar as augas dos dous ríos, dá a impresión de que estas efectivamente chocan, pero os ríos abrázanse nunha aperta en extremo efusiva, coma celebrando unha festa escandalosa, onde a escuma parece bailar agora a muiñeira e logo a cana verde, pois as augas póñense de súpeto a saltar, salpican, ferven, encaracólanse, abren múltiples buracos polos remuíños, reflicten a luz do sol en escintileos infinitos, acarician tercamente aquela especie de monolito central para, finalmente, calmarse e deslizarse pozo abaixo, río abaixo, todo envolto nun rutilante bulicio, nun impetuoso barullo, nunha cristalina sinfonía sen fin.

     E si un pode fuxir deste estado de hipnose e levanta a cabeza. abre os ollos e pode soportar o espectáculo, atópase con tres altas, impresionantes, maxestosas montañas que o rodean a un, cortándonos o paso á perpectiva horizontal, pero forzando a nosa visión cara os picoutos, alá no alto,  cara ás ladeiras escarpadas, os quebradizos misteriosos, os bosques miúdos e escasos, os penedos grandísimos e espidos, que parecen ter unhas ganas tolas de botarse a rodar ladeira abaixo, as augas bravas dos corgos que saltan de pedra en pedra, ata, finalmente verse só o ceo  azulado ou escuro, alegre ou tenebroso, segundo os casos e a hora do día, atravesando por alí, por alá e por acolá, por aguías, corvos e falcóns que sobrevoan, impresionantes, o oco profundo e misterioso dos Pontóns.

     De súpeto, un observa, non sen certa sorpresa, que hai algo que non encaixa como Deus manda neste mundo practicamente salvaxe e illado, nesta parcela arcaica, esquecida, intacta...ou case.

     É un muíño. O muíño dos Pontóns. A non ser por unha pequena palleira que hai pouco máis alá, case totalmente tapada polas árbores, este muíño é a única cousa que delata o paso do home por alí.

     Efectivamente, a uns escasos cen metros do río, que é, máis ou menos, o terreo de campos chans, onde empeza a ladeira do monte español, metido entre árbores e arbustos de todo tipo, e onde acaba un pequeno carreiro que vai dende o camiño de carro ata el, atópase unha pequena edificación en pedra, de tipo rústico, ou máis ben primitiva, cuberta de tellas vellas. Destaca pola parte de arriba, vindo pola súa dereita e ollando para o río, un muriño que resulta ser o cano da "levada", traída, da auga desde a parte alta do río ata alí. Este cano, chegando a altura do muíño, pasa a ser unha canle en forma de funil, tamén de pedra, moi inclinado, para darlle a necesaria forza á auga, e que acaba, embaixo, nun tubo por onde sae aquela coa suficiente presión para, ó bater con forza nas aspas do eixe, poder mover a pesada roda de moer. A estructura do muíño é do máis arcaico e sinxelo: baixo, pequeno, de paredes de pedra miúdas atopadas polos arredores e unhas viguetas de madeira de carballo para ter do tellado e das propias paredes nas que non había nin unha soa ventá. A entrada, baixiña e estreita, tiña unha porta de carballo que , iso si, para botala abaixo habería que botar abaixo o muíño tamén. O consunto arquitectónico -teño que empregar este adxectivo- presentaba así unha apariencia de pequeno monstruo artificial no medio daquela densa natureza, coa romaría rumorosa do río de fondo, o barullo de toda clase de bichos que por alí abundan e pola monótona sonatina da súa sempre triste e adormecente moenda.

     Os Pontóns, e máis concretamente o seu muíño, é un punto clave daquela terra afastada e solitaria, tanto se falamos do aspecto xeográfico como se nos referimos á vida social das xentes daquel entorno galaico-portugués..."

Segue o texto falando de notables acontecementos que ocurriron naquel lugar, pero eso vouno deixar para outro momento...

 

 

         Alberto Pérez Adán, autor do sensacional texto.¡Enhoraboa!.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------------------

O texto está sacado deste libro:

Olelas na lembranza é un sensacional libro de lembranzas sobre un pobo Olelas situado na provincia de Ourense xusto na raia con Portugal. Un pobo que para o autor do libro é "un recuncho aínda case virxe, un lugar paradisíaco, un pequeno mundo aillado...un lugar encantador onde inda é posible  camiñar un pouco  entre as árbores, as rochas e os toxos  sen atopar tirada unha  botella de plástico, un pneumático vello ou todo un vertedoiro clandestino..."

Un libro que na miña opinión é unha xoia que dende estas liñas lle agradezo o autor; para mín foi unha ledicia e un placer a súa lectura. Pero é máis algunhos dos párrafos anteriores, concretamente a súa chegada os Pontóns é fora de serie e dificil de igualar, é marabilloso o texto, e síntome identificado unha e mil veces con eses palabras e eses pensamentos tan precisos e tan ben escritos. A xuntanza dos ríos de Olelas e o río da Peneda é apoteósica e tamén fora de serie. A miña enhoraboa o autor por estos rextos tan marabillosos.

Xuntanza dos ríos Olelas e Tibo ou da Peneda. O lugar cháse en Olelas Entrasaugas.

O libro está escrito en galego, pero un galego especial na maioría das veces, o que se fala en Olelas, medio galego medio portugués. Está editado por Imgrafor S.A.  gracias as axudas , entre outros, da Xunta de Galicia e do Concello de Entrimo.

A verdade que a única forma de conseguir o libro é desplazándose a Entrimo e solicitanto un exemplar no Concello e non coa seguridade de que vos fagades con el. Eu tuven sorte e conseguín un exemplar de mans do Alcalde, cousa que lle agradezo o día 14/01/2011.

Como son as cousas, os tres días de conseguir o libro en Entrimo,  atopeime con Alberto na rúa e tuven ocasión de saludalo e pedirlle autorización para publicar este capítulo do seu libro. A verdade que coñezo de vista a Alberto dende fai moito tempo xa que os dous traballamos no ensino, en centros diferentes de Ourense,  el de profesor de Educación Física, inda que é licenciado en filoloxía francesa, e eu como profesor de matemáticas.

Gracias Alberto pola autorización e polas túas palabras. É un auténtico placer leer o teu libro. Ë tamén un honor para a miña páxina sobre Os ríos galegos, poder incluir este anquiño do libro, que é para mín, repito, unha auténtica xoia. É marabilloso.

Alberto Pérez Adán. Fotografía sacada deste link sobre o seu libro.

Outro link sobre a presentación do libro en Ourense.  Tamén un video.

------------------------------------------------------------

Algunhas aclaracións sobre "O muíño dos Pontóns" e a súa ubicación nos mapas de Olelas.

Documentación gráfica.

(Autor da web)

Olelas está na provincia de Ourense, pertence o Concello de Entrimo e fai fronteira con Portugal. Precisamente o río de Olelas, o río Barcia ou Castro-leboreiro é prácticamente a fronteira. (Este dibuxo está sacado do Google Earth) engadindo algúns datos para situar o muíño dos Pontóns.

Neste dibuxo sitúase mellor Olelas en canto os montes que a rodean, tamén aparece A Peneda, de onde baixa o río da Peneda ou río Tibo que é como se coñecía en Olelas.

O río de Olelas ten moitísimos nomes, dende río Barcia, río Laboreiro, río Leboreiro, río Montaña, río Castro-Laboreiro. Eu vou manter o nome de río de Olelas, que penso é o máis axeitado polo menos para a xente de Olelas.

Na fotografía o río Tibo ou río da Peneda na súa desembocadura no río de Olelas, precisamente nos Pontóns. O pobo que se ve no alto é  RouÇas (Portugal)

Río Tibo ou río da Peneda. Fotografía sacada do libro "Os foxos do lobo". Fotos do autor Dávid Pérez. Na fotografía a cor amarela son as  brandas onde viven no verán a xente e as blancas as invernadeiras onde viven no inverno. Nesta zona hai unha especie de seminomadismo xa que as familias trasladanse con todo ( cociña, apeiros de traballo, roupas e gando). Curioso.

Recollo falando do río Tibo un trociño do libro "Olelas na lembranza" de Alberto Pérez:

-Hé, Manoel, ont´ouvín que foche pescar ó río Tibo e que colleras unha boa cesta...¡Un día calquera inda te van a prender os  guardiñas (guarda nacional  republicana, a policía portuguesa)!

-Non é tal, Gosé; só cairon  vinte troitas grandes, outras quince pequenas, unha duzia e media de bogas, bastante boas, e un barbo  quéntrou.

-¡Carallo! ¡E parece que inda te  queijas! ¿Que querías, entón, ho, deixar o río seco, zacana?

-E tu, que,  non tes ido a pescar, ou?

-Bo..., pro que pesco eu. Por riba, ando un pouco  aleijado desta perna que non me deixa en paz!...

-Son os anos, Manoel, son os anos que nos están caindo.

-Serán, serán. Bueno, pois hasta dimañán, Gosé.

-Adeus, Manoel.

Muíño en Olelas, para ver a forma. A fotografía é de Alcorty e dende logo non é o muíño o que fai referencia Alberto Pérez, pero ten certo parecido. Este é un dos muíños reconstruidos, inda que o que máis se usaba era o que fai referencia o libro.

Este é un mapa do Mopt escala 1:25.000 de 1993 onde aparece parte da bisbarra de Olelas e o río actuando como fronteira.

Mapa anterior ampliado. Marca un muíño, a 600 m. pola escala,  por riba da desembocadura do río da Peneda, que seguramente sexa o Muíño dos Pontóns. Faime unha aclaración o autor do libro no senso de que actualmente está rodeado de silvas, cando o muíño era o máis importante do pobo de olelas. tamén me dice que o nome débesa a un pontón que habíka na zona para pasar o outro lado.

Imaxen de Olelas, sacadas do Google Earht pero posterior. Setembro do 2010. O encoro de Lindoso está máis baixo o que permite ver doutro xeito a zona de Entrasaugas ou a desembocadura do río Tibo no río Olelas.

Efectivamente aquí está a zona, prásticamente sin auga tanto un río como outro. O muíño das Poldras dime Alberto Pérez que hoxe está medio desfeito e entre as silvas, seguramente nesa arboleda que se ve na curva, onde remata a estrada que fixeron. Non descarto un día destos acercarme a zona e sacar unhas fotografías.

Mapa da bisbarra "Instituto Geográfico y catastral" 1943. Escala 1:50000.

O mapa anterior ampliado. Neste mapa aparecen tres muíños na zona dos pontóns, no chamado camiño do río.

A zona de Olelas é impresionante. A fotografía é de Alcorty para Panoramio. O fondo o Muíño dos Pontóns.

      galicia.gif (2685 bytes) Volver