XOSÉ BERGANTIÑOS:

Portada do libro "Arredor do meu río " de Xosé Bergantiños.

Arredor do meu río.

O autor fala do seu río nun libro fermoso  para amantes dos ríos , das fontes e dos camiños galegos.

Merece a pena.

Autor :

Xosé Bergantiños. Autor do libro.

Xose Bergantiños Miragaya

O autor naceu en Guitiriz no ano 1936. Oficial da Armada, traballou longos anos na Bazán e logo na empresa privada.

Actualmente na reserva, fai un pouco de todo: escribe, camiña, pilla algunha troita de cando en vez e está cada día máis preto de atopar o misterio agachado máis alá dos ríos, das fontes e dos camiños.

O libro está publicado en 1996  na Editorial "Ir Indo" de Vigo.

(O libro ten 27 relatos maravillosos, escollo un no que fala do seu río. O leer ese relato sinto ó mismo que o autor.)

Río Cerves. Ourense. Foto de S. Lorenzo.

 

O meu río.

  Un río évos unha cousa moi seria. Eu vouvos falar dun que descubrín hai pouco tempo, pero denantes unha condición: non me preguntedes onde está, porque agora xa é meu e non volo podo decir.

   Imaxinade unha ponte de pedra desas que pasan abondo dos cen anos. Aquí comenza a nosa excursión. Debaixo dela, tan axiña como asomáde-la cabeza, saen fuxindo como se as levara o demo dúas ou tres troitas, o cal xa é bo sinal: o meu río ten troitas. Claro que si non as tivera non podería te-lo título de río. Eu sinto moito ter que falar deste xeito, pero ó Guadalquivir, poñamos por caso, para acadar este título fáltalle ter  troitas, que non as ten.

Fotografía do libro Galicia un soño. Río Tambre.

   O meu río ten unhas augas cristalinas que baixan cantareiras que é unha gloria velas, atravesa pradeiras incribles ás veces e métese por entre dos montes outras a medida que imos subindo por el de cara ó seu nacemento. No seu leito, area, pedras, herbas e penas, e nas súas ribeiras unha paisaxe sempre nova e cambiante, onde árbores a cachón, carballos, faias, choupos, castiñeiros, acivros, salgueiros, bidueiros, ameneiros, xestas e toxos compoñen unha masa forestal de verdadeira ledicia. Hai que ver que cores, verdes, amarelas e castañas, en tódolos tons imaxinables. Por riba do meu río, no alto, sobre das árbores, voan falcóns, buxatos e aguias; nos bosques que o arrodean vense as fermosas pegas rebordás sempre fuxindo e cun pouco de sorte algún pombo co seu poderoso voar; nos prados hai abastanza de corvos e desas outras pegas rabilongas brancas e negras que chaman porcas; e por riba da auga, facendo filigranas, un martiño peixeiro dunha incrible cor azul é a admiración dun golpe que co seu lombo de palla non sei que diaños fai á beira do río.

Río Cerves. Ourense. Foto de S. Lorenzo.

   Este é o escenario, só fai falta para completa-la ledicia que as troitas piquen e sentilas rebulir no cesto recén sacadas do río. Éche un fermoso cadro ollar un cesto de troitas do meu río coas súas fermosas cores contrastando co fondo verde duns felgos arrincados da súa beira. Se por riba de todo isto levades unha boa merenda e unha bota de viño ¿para que pedir máis?.

   O que vos vou contar agora sucedeume no meu río un día do mes de San Xoán. Escoitade ben:

  Unha mañá deste mes máxico saín da casa coa idea de pasa-lo día neste meu regato e coa teima de pillar unhas troitas, se elas estuveran pola labor. Gocei coma sempre do día, do río, da paisaxe, da merenda e do viño da bota. Xa atardecido, deixei o río coa mesma mágoa de sempre para voltar ó ruído, ó fume e á rutina.

   Unha vez na casa botei de menos os meus anteollos, que xunto cun bolígrafo ían metidos na súa funda.

-Pois quedaron no río -dixen para min.

  E como xa se sabe que non hai ben que por mal non veña, tampouco esta era unha mala razón para voltar ó día seguinte co gallo de atopalos.

  E así o fixen. Erguinme moi cedo e todo decidido volvín de novo percorre-lo camiño do día anterior en procura das malfadadas gafas. Por máis que as busquei non houbo forma de atopalas, ata que xa canso senteime a beira do río a ver pasa-la auga, e estando deste xeito vin unha bandada de troitas desfilando corrente arriba, talmente como se foran en procesión a algures. ¡Algo estaba a pasar no río!.

   Moi intrigado, fun pola beira del tras delas ata que por debaixo das raíces dun ameneiro vin unha "condanada" duns tres quilos que, coas miñas gafas postas, tal parecía como se falase e lles dese consellos ás máis pequenas, mentras que co bolígrafo...

¡Vaites, vaites!, tampouco é a cousa para poñerse así, se non o queredes crer estades no voso dereito.

Río Cerves. Ourense. Foto de S. Lorenzo.

   Eu confeso que estou tolo polos ríos ou, para falar con máis propiedade, devezo polos regatos troiteiros, eses que baixan ledos dos penedos, brincando sobre das penas, e partindo desta premisa calquera cousa pode suceder.

   Para rematar, xa que non vos podo decir onde está o meu río, vouvos dar un consello:

   Collede a Nacional VI de cara a Madrid, e pasada a costa do Sal metédevos por calquera estrada, pista ou corredoira que atopedes. Cando cheguedes a unha ponte vella baixade do coche, e se ó mirar por baixo delan saen dúas ou tres troitas fuxindo como tolas aparcade ben, collede os aparellos e ..¡boa sorte!.

    ¡Ah!, non esquezades bota, que o río dá moita sede.

 

Nota: o dibuxo ven no libro e firma J. González Collado. As fotografías son de Jose A. López e o autor da www. O texto, marabilloso é de Xosé Bergantiños.

Saír