As albres según Castelao

 

Esta árbore é o Carballo do Pazo de  Cartelos (Carballedo). Ten 35 m. de altura. É un dos máis altos de Galicia e está considerado o de máis edade, posiblemente supere os 500 anos.

Fotografía sacada do gran libro "Árbores de Galicia"  de Adela Leiro Lois, Mon Daporta, Víctor M. Caamaño, Manuel Núñez, Isaac Pontanilla, Xoan Colazo e Rafael Colazo. Un deles foi o fotógrafo.

 

-- O árbore ou albre según Castelao --

 

No apartado de "A árbore como símbolo", no libro citado recolle estas frases do gran Castelao, do libro "Sempre en Galicia", escrito en 1944, penso que son básicas:

 

O albre é o símbolo do señorío espiritual de Galicia.

 

O albre é un engado dos ollos, pola súa fermosura; é unha ledicia dos ouvidos, porque nel cantan os paxaros; é un arrolador do esprito, porque nas súas ponlas conta contos o vento.

 

O albre danos a froita, que é un manxar composto polo mesmo creador, paro regalía do noso paladar; o derradeiro ben que nos quedou do Paradiso perdido.

 

O albre pídelle auga ao ceo para que a terra teña sangue, vida e bonitura.

 

O albre danos sombra fresca no verán e quentura garimosa no inverno.

 

O albre danos as trabes, o sobrado e as portas da casa. Danos a cama, o almario e a artesa do pan. Danos o berce, o báculo da vellez e a caixa para baixar a terra.

 

O albre danos o papel barato que nos trae a decotío as novas do que pasa no mundo.

 

Val máis unha terra con albres nos montes que un estado con ouro nos bancos.

 

A calvicie dos montes galegos é unha terrible acusación contra o estado unitario.

 

Os albres son as minas galegas que nos saberemos explotar cando a nosa terra sexa nosa.

 

A repoboación forestal será o patrimonio da nación galega e o mellor aforro da colectividade.

 

Na nosa terra danse os mellores albres.

 

O día que seipamos o que val un albre, aquel día non teremos necesidade de emigrar.

 

(Castelao, Sempre en Galicia,1944)

 

                                       

salir.jpg (922 bytes) Saír