A lenda da Ponte Pedriña.

 

A Ponte Pedriña, que está moi preto do muro do encoro das Cunchas. Descoñezo o autor da sensacional fotografía.

Efectivamente a ponte parece o esqueleto dunha pantasma.

Nas épocas de seca vese, como se fose o esqueleto dunha pantasma, o que queda da Ponte Pedriña no encoro das Cunchas, a vella ponte romana que houbo no concello de Bande, en Ourense, e que agora dorme baixo as augas. Por ela pasaba a Via XVIII chamada tamén Itinerario de Antonino e Vía Nova. A Ponte Pedriña foi declarada Monumento Histórico-Artístico o ano 1944 e cinco anos despois, sen atender a tal distinción, foi anegada baixo as augas.

    A historia popular é outra ben diferente. Un mozo de Santa Cruz rondaba unha moza da outra beira do río. Para ir xunta dela tiña que cruzar polas poldras pero unha enchente  de auga que arroiba impediulle atravesar. O mozo botaba xuramentos e maldicións, tantos e tan fortes que se presenteu o demo e propúxolle un trato. Do acordado resultou que o demo comprometíase a traballar toda a noite para construír unha ponte e o mozo, a cambio, tería que entregarlle a alma cando morrese.

   O mozo aceptou o trato e o demo, en vindo a noite, púxose a facer a ponte. Traballou e traballou, máis ao mencer aínda lle quedaba unha pedra por colocar. Por unha pedriña non deu rematado a obra.

   Contrariado polo contratempo o demo seica dixo:

   -Por culpa dunha pedriña

     nunca me fuches pagada!

     Vivirás sempre maldita

     e morrerás afogada!

    Aquela maldición deulle nome á ponte. O máis curioso, porén, é que sen a pedra que lle faltaba, a ponte foi de moita utilidade desde tempos romanos ata que os argalleiros do encoro cumpriron a maldición.

    El non será o demo tamén o que constrúe os encoros?.

Ponte Pedriña.

A misma retocada:

Ponte Pedriña

A Ponte Poldrado,  outra ponte que quedou debaixo das augas. A fotografía é de Lino Perdiz.

Nota: o texto anterior está sacado do libro "A flor de auga" de Xosé Miranda e Antonio Reigosa. Xerais. Un libro do 2006 no que se recopilan lendas de Galicia que teñen relación coa auga. Merece a pena.

A versión desta lenda foi feita polos autores a partir da lenda recopilada por Rosa Martínez García na freguesía de Santa Cruz, Bande (Ourense) en 2001, e publicada na revista virtual Setestrelo.

A misma fotografía anterior, vista pola parte de abaixo.

         

 galicia.gif (2685 bytes) Volver