OS RÍOS DE OURENSE CIDADE,

CANTADOS POLOS NOSOS ESCRITORES.

 

AS UVAS NA SOLAINA  

Marcos Valcárcel  

Ver o traballo. 

(16/03/2003)

 

                          Saír R.Miño.                                             Salir R. Miño    

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

AS UVAS NA SOLAINA.

(O traballo que sigue aparece publicado no Diario La Región o domingo 16-03-2003. Un domingo onde os ríos galegos reciben os pescadores dispostos a disfrutar deles, este día ábrese a pesca da troita en Galicia. Paréceme apropiado a publicación deste traballo, e fundamental, para demostrar que os ríos son algo máis cunhas correntes de auga e que debemos cuidar e mimar. Dar as gracias a Marcos Valcárcel polo seu marabilloso traballo).

Daquela Marcos Valcárcel vivía, Marcos morreu o 5 de decembro do 2010. Onde estés amigo Marcos gracias polo teu traballo que foi marabilloso. Ver este link co seu curriculo.

 

Río Miño. Ponte vella. Ourense. "O Miño.../cobra de prata, branco camiño/que bica a Melias e olla a Toén...", ... "proteico tren de prata/sobre un carril de seixo/e rodas sin cesar e nunca pasas..."   (Fotografía S. Lorenzo)

1. A CERNA DA MEMORIA.

A VENECIA AURIENSE  

 

               “Era un mediodía de inverno, cinsento, asolagado na brétema do Miño. A sensación da paisaxe, o sabor do aire e a textura do ceo, fixéronlle lembrar Venecia. Igual que na súa cidade, había aquí algo fantasmal, agoiro da traxedia...”: Pierre Francesco Borghese, un italiano dos anos trinta, chega a unha Auria bretemosa e fantasmal, que lle semella a súa Venecia natal enchoupada sempre en auga: “A mesma humidade, o mesmo frío que penetra no corpo encollendo o estómago, que zumega nas sabas do leito, que se prende no cabelo”. O personaxe é creación do novelista ourensán Francisco X. Fernández Naval para “O bosque das antas” (Premio Xerais, 1988), unha das grandes novelas aurienses do río, que recrea as terras de Oira e Velle, Rivela e Barra de Miño, cunha miuda riqueza descriptiva: “Por esta zona o Miño baixa encaixonado polo efecto da erosión. Trepan pola pedra os lameiros, as viñas nas que agavean os esqueletos das cepas, os bosques de piñeiros, algunhas fragas de bidos ou carballos e as hortas suspendidas nas repisas graníticas. Algunha vez os cantiles ergueitos deixan paso a bocarribeiras abertas, como pequenos vales feitos pola auga para descansar na ribeira”. O río interactúa con outros elementos da novela, en paralelo a Amador, o protagonista, que constrúe un lixeiro barco de dúas dornas para baixar as augas ata Portugal, como o río impenetrable no seu xeitos de ser: “A súa vida era o río, levando xentes de acó para acolá. O seu carácter era escuro e descoñecido como as augas que amaba, agora afable como o relanzo, logo misterioso como a redemuíña, sempre calmo. Dicían del que lía unha corrente e que nela era capaz de adivina-lo futuro. De feito todos sabían que predicira a riada do ano trinta, que alagou casas e palleiras e levou a catro homes que traballaban no ferrocarril. Pasou todo o verán agoirando a desgracia, escrita nas pucharcas da estiaxe, no debouzar da corrente contra as ponlas dos amieiros, no reflexo das nubes”.

 

 

 

 

Río Miño. Paseo das ninfas en Reza. Moito que facer e depurar. Ano 2003. Foto S. Lorenzo

 

 

2.      ARREDOR DE NÓS.

O MIÑO AFIADOR  

 

As augas dos ríos son un símbolo fundacional da literatura universal de todos os tempos. Desde Heráclito ata Jorge Manrique o río constitúese en metáfora da vida que flúe cara ao mar que significa o morrer: “Nuestras vidas son los ríos/ que van a dar a la mar”. Centos de poetas usaron esa imaxe, entre outros o Blas Otero que canta ó home solo, “ese río del tiempo hacia la muerte” ou o noso Celso Emilio que evoca a saudade da súa infancia “coma o río que pasa e sempre queda”.  A imaxinería xenerada polo Pai Miño en Ourense é inmensa. Otero Pedrayo fai casar ó río é á ponte vella nestes versos: “Ponte román, lei, latino/ Anel das bodas do Miño/ Iris de pedra o arco fino/ Camiño!”. Xerardo Álvarez Limeses deseña o seu perfil serpenteante: “e aló, no fondo, te aperta o Miño,/ cobra de prata, branco camiño/ que bica a Melias e olla a Toén”. Xavier Bóveda evoca as paisaxes vinícolas das súas beiras: “El Miño patriarcal y pertiguero/ la procesión de viñas apresura,/ y el racimo, que el pámpano perjura,/ se otorga en efusión del mosto entero”. E Euxenio Montes opta por unha imaxe vangardista nun “Miño” caligramático: “Gastou a coor o río,/ fouce a segar a lúa/ e a paisaxe/ Ourense é afiador./ Roda de pedra./ O Miño afía o azul/ e sigue a viaxe”, debuxando o quinto verso a xeito de roda de afiar.

 

 

Río Lonia (Afluente do río Miño en Ourense). Mende. Inda porco no ano 2003. Ourense. "O Loña de íntimas orelas/beixos me daba cos seus amieiros...".

(Foto S. Lorenzo)

 

3.  O ALENTO DO COTIÁN.

COMA UN  BOI  SUMISO

               Outros poetas optaron por unha voz máis intimista ó cantar a súa relación co río, como Augusto María Casas: “O meu corazón saudoso/ quér ser mar e quér ser río:/ mar para soñar estrelas,/ río a cantalas baixiño.../ Pasai caladiñas/ ondiñas do Miño”. Ou Edelmiro Vázquez Naval, que envexa a súa liberdade: “Río fluínte, eu quedo nun encoro.../ Debruzado na Ponte. Sen saída./ En Ourense, sumíndome en degoro”. En “Onde o mundo se chama Celanova”, Celso Emilio Ferreiro asinou unha fermosa “Loubanza do Pai Miño” onde canta ó “río labrego, suco ben labrado” e ó “río petrucio, fundador de castes” e inclúe unha moi fermosa imaxe do Miño como boi sumiso entrando na cidade: “Pastor dos amenceres,/ chegas a Ourense e paras,/ aquédaste nos xugos das súas pontes/ e coma un boi sumiso amansas/ o teu andar, a túa presa antiga/ de escuma apresurada,/ para ollar a cidá calmosamente/ e ser o seu espello na alborada/ cando as aves espertan”. É o vello río, vello xa cando naceu a cidade, con vocación de eternidade: “Somente ti non morres, permaneces/ -proteico tren de prata/ sobre un carril de seixo-/ e rodas sin cesar e nunca pasas”. Lembremos tamén a evocación saudosa do río antes libre, agora prisioneiro, a apodrecer nos lamazais, “escravo es dos ratos/ que amoedan os teus pulos”: era xa o tempo dos embalses en “Río Miño” de Xosé Conde (“Dorna”, 1985).  Ou o Miño “eixo da patria” de Millán Picouto, poeta que tamén se lembrou de “o Loña de íntimas orelas/ beixos me daba cos seus amieiros” (“Ourense”). E se Curros Enríquez cantou o “río dos grandes destinos”, samaritano da máquina do tren, novo “Cristo dos tempos modernos”, para outros autores é símbolo do camiño cara a emigración, así en José Rubinos (“Ourense, cidade perola do Miño”) ou en Bernardo Vázquez Gil (“Ourense é un longo río, longo, longo,/ que se verque na América, na Europa...”). Antón Tovar, pola súa banda, lembra os elementos humanos máis humildes ó carón do río: “Aquel del Puente junto al río/ y el croar de las ranas, y en invierno,/ allá en las márgenes huidizas, los gitanos/ con sus fogatas lentas, lentos/ humos que hasta las nubes ascendían”.

 

 

  

 

Río Barbaña. Inda porco no ano 2003. " O vento rizaba a auga porca da Barbaña...".

(Foto S. Lorenzo)

 

4.  PERSONAXES.

O MEDO DE SUSO.

O poeta da Terra Cha Manuel María dedicou todo un libro a cantar “O Miño canle de luz e néboa” (1996): nese volume hai unha Biografía do Miño que nace no deus Minius para logo relembrar os xugos (pontes) do Imperio romano ou o don de linguas do Camiño de Santiago: “Miño celeste: / un río de luz/ polo que, un día, habemos navegar”. Tamén Víctor Campio e Pura Vázquez cantan os remansos do río e a beleza da ponte romana: “Baruda luz oural, vela galana,/ Souril avelaíña, lavandeira/ das douradas areas. ¡Aureana!”. Falaremos noutra ocasión con máis vagar dos narradores e o noso Miño. Agora só unhas notas ó respecto: ademais de Fernández Naval, teremos que falar  das paisaxes do Barbaña ó encontro co Miño, que engaiolaron a Álvarez de Nóvoa  e ó Blanco Amor de “Os Biosbardos”: aínda anda o Toniño Cobas de “A arrasadeira” a correr por enriba de Oira, fuxindo do seu medo ... O medo que latexa en “O Suso”, o neno que vivía nunha casoupa entre os canabais da Barbaña, nun dos mellores contos de Méndez Ferrín: “O vento rizaba a auga porca da Barbaña...” E lembraremos a Xosé Fernández Ferreiro, outro ourensán que fixo a súa gran novela épico-lírica en “Morrer en Castrelo do Miño”, elexía das augas represadas e do val agrario desaparecido polo poder hidroeléctrico. Velaí aínda as suxerentes e lavandeiras da cinéfila “Memoria erótica” de Carlos Velo ou, finalmente, as novelas de Bieito Iglesias, que acode ás súas lembranzas infantís na Chabasqueira e A Ponte, cos campamentos xitanos nos coiñais cando transportaban en cabalos as pedras para facer a Ponte do Ribeiriño (“Vento de seda”). 

Subir.