OS RÍOS DA VIDA NA MEMORIA
Ver o texto
Xosé Benito Reza. (Enxeneiro e escritor. Un amigo.)
Dixéronme que tiña que ver, hai tempo, a película O río da vida, pero non fun capaz. En algures vira eu de pasada algunhas escenas, e aló andabamos meu pai, meu irmán e máis eu, hai trinta anos, no río da nosa vida. Proeume o corazón. Onte andei noutro río, un río de moitas outras vidas, no gran Ulla, cheo, pletórico, exuberante, vital. Un río como os de antes, un río que me arrincou do peito a lembranza amarga dun homólogo nas veigas ulteriores da cabalo da fronteira. Vai o Ulla por aquelas terras mimosas de bo viño entre corgas pechas con grande aparato de reviravoltas e pronunciadas encostas, camiño de Padrón onde dorme Rosalía. É certo, dixo don Ramón, que os ríos galegos, en contra desa común teoría davisiana, nacen vellos e mocean logo; velaí como exemplo ese prodixio de Xallas, o único río europeo que en troques de esmorecer nun suspiro de limos e meandros abafado polo océano morre como nacen os grandes ríos, como o Nilo nas fervenzas Ripon que descubriu Speke: en cachón impresionante, hoxe os dous amatados. Así lle aconteceu tamén o río Miño, no seu andar maino divagando sen présas pola gran chaira de Rábade. Ninguén podería imaxinar como logo de tanto camiño cavilativo e pousón acugularía forza suficiente para abrir aquelas buratas tan fondas, tan quentes e entremetidas, por terras de Chantada, de Belesar, de Escairón e Os Peares. Pode que os galegos, con esa filosofía innata que detectou Ramón Piñeiro, sexamos tamén un pouco "ríos" no rular vital por tantos hemiferios. Xa o dixo Jorge Manrique : "nuestras vidas son los ríos que van a dar a la mar, que es el morir". Cecais os matices da vida tal como a entendemos teñan moito de río galego: nacemos á defensiva, pescudando con milimétrica parsimonia os lombeiros das serra, as pendentes, cadencias e sombras de corgas e valgadas afeitas o noso descorrer, xa dende o mesmo inicio. E logo abrimos, cando cavilamos que xa coñecemos todo, logo de moita instrospección e filigrana, de moita cerimonia e retranca, no devalar da nosa vida; ese divagar calado e mesurado que goza de tanta aceptación fóra das nosas fronteiras, camiño dese derradeiro cachón onde precipitan con gran estrondo tódolos océanos, tódalas almas humanas, o alén Atlántico. O baixo Ulla aínda conserva aquelas paraxes de Sinde, de Couso, do Xirimbao e Ximonde, olvidando por suposto a lembranza das augas titubeantes que chegan de Portodemouros, a grandeza antiga dos magnos escenarios, a fala poderosa das augas. Hai alí, aínda tanta vida, que mesmo meu fillo ó sentila tan de preto medo lle dá. Hai de todo canto de antigo viaxaba ceibe polos ríos de Galicia: hai escalos a milleiros, anguías cimbrantes na fecunda vexetación de ribeira, un mundo de libélulas, de insectos, mil paxaros arrombados nas pólas da fraga húmida e recendosa, hai troitas e zamborcas que brilan como a prata amoreada nos remansos, e reos, a troita marisca nosa, e de vez pasa con gran pompa e circunstancias o señor das atlánticas augas, o cobizado salmón. Conta Madoz e outros antigos como en tempos tal farturencia aboiaba polas augas todas ourensáns; como o salmón, brava estirpe, remontaba o Arnoia, o Avia, o Miño, o Deva, o Arenteiro, loitando contra corrente, nesa irrefreable batalla pola supervivencia. Eu tamén tiña un río cando era neno, un río que en tempos foi Ulla, Miño, Arnoia, e todos ó mesmo tempo, e cantaba a cotío unha ladaíña serena que adormecía os fuxitivos da ribeira. Era o río da miña vida, o vello Limaia, Limia para os poucos amigos que aínda lle quedan, un río que os meus fillos non coñeceron nin coñecerán. O Limia da adolescencia primaria, dos cachóns de Valoiro e Aceredo, do murmurio do vento nos sabugueiros da herdadiña, do silencio entre as penas aloumiñadas polas augas onde se disolve o Salas. O Limia semella ter o malfado herdado do seu nome romano, agoireiros que chegaron campando coas lexións para lle dar o nome de Oblivionis; endexamais un río sufriu semellante esquecemento, agónico final para aquelas augas puras que non fixeron ningún mal; na Limia foi enxoitada a lagoa de Antela, terra de cínifes, soldados de Artús e de Antioquía; fuxiron os campos, as pontes e as cidades do imperio baixo o encoro de Franco nas Conchas ; sucumbiron os lameiros, as miñas augas doces coa súa cohorte de troitas baixo o peso imparable das augas de Lindoso; , dun Salazar inmorrente; e logo unha minicentral nas augas de Pontelinares. Requiem polo río e pola miña memoria. Augas de Galicia remata de anunciar con grande estrondo de miles de millóns obras polo ben do país. ¿ Haberá por fin un chisco de racionalidade nesta vida fanatizada dos homes por dar conta da natureza ?. ¿ Cómo conxugar a desfeita coas políticas galegas de turismo e protección da natureza ?. Esperaremos, e a Xinzo iremos para agosto, recoller a memoria esquecida do río , esquecida, pero ollo, nunca perdida. Xosé Benito Reza. ------------------------------------------------------------- Comentario do autor da web: Escrito sacado da Voz de Galicia do sábado, 7-07-2001. Cando me pusen a ler este sensacional texto, sentín, letra a letra e palabra a palabra o mesmo que o autor. O río Limia era tamén o río da miña vida ( hai algún máis, como o río Salas e o río Navea). Coñecín o tramo da Herdadiña, có meu tío Camilo, un pai para mín, nada menos que en 1964, xa choveu. Logo durante 15 anos, iba pescar co meu compañeiro e amigo Félix Valeiras o río Limia, entre a Herdadiña e Aceredo, estábamos namorados do río (inda o estamos hoxe, a memoria esquecida do río...pero nunca perdida...). Ata que chegou o encoro de Lindoso. ¡¡ Malditos !!. Inda o decimos hoxe. ¡¡ Esnafraron o río Limia, dos mellores de Ourense e de Galicia!!.) Ver algunhas fotografías e foto-montaxe daqueles tempos de pesca na Herdadiña As fotografías e o comentario das mesmas son de responsabilidade exclusiva do autor da www. Secundino Lorenzo. A música, que sona ou que sonaba, ten por título "Peace pipe" ou "A pipa da Paz", é dos The Shadows, o meu grupo preferido dos anos 1960. Unha dedicatoria especial, do autor da www, a Consellería de Medio Ambiente de Galicia, para que mire un pouco polos ríos galegos e non permita máis desfeitas. ¡Xa está ben!... Ourense 08/07/2001. Saír
Dixéronme que tiña que ver, hai tempo, a película O río da vida, pero non fun capaz. En algures vira eu de pasada algunhas escenas, e aló andabamos meu pai, meu irmán e máis eu, hai trinta anos, no río da nosa vida.
Proeume o corazón.
Onte andei noutro río, un río de moitas outras vidas, no gran Ulla, cheo, pletórico, exuberante, vital. Un río como os de antes, un río que me arrincou do peito a lembranza amarga dun homólogo nas veigas ulteriores da cabalo da fronteira. Vai o Ulla por aquelas terras mimosas de bo viño entre corgas pechas con grande aparato de reviravoltas e pronunciadas encostas, camiño de Padrón onde dorme Rosalía.
É certo, dixo don Ramón, que os ríos galegos, en contra desa común teoría davisiana, nacen vellos e mocean logo; velaí como exemplo ese prodixio de Xallas, o único río europeo que en troques de esmorecer nun suspiro de limos e meandros abafado polo océano morre como nacen os grandes ríos, como o Nilo nas fervenzas Ripon que descubriu Speke: en cachón impresionante, hoxe os dous amatados.
Así lle aconteceu tamén o río Miño, no seu andar maino divagando sen présas pola gran chaira de Rábade. Ninguén
podería imaxinar como logo de tanto camiño cavilativo e pousón acugularía forza suficiente para abrir aquelas buratas tan fondas, tan quentes e entremetidas, por terras de Chantada, de Belesar, de Escairón e Os Peares. Pode que os galegos, con esa filosofía innata que detectou Ramón Piñeiro, sexamos tamén un pouco "ríos" no rular vital por tantos hemiferios. Xa o dixo Jorge Manrique : "nuestras vidas son los ríos que van a dar a la mar, que es el morir".
Cecais os matices da vida tal como a entendemos teñan moito de río galego: nacemos á defensiva, pescudando con milimétrica parsimonia os lombeiros das serra, as pendentes, cadencias e sombras de corgas e valgadas afeitas o noso descorrer, xa dende o mesmo inicio. E logo abrimos, cando cavilamos que xa coñecemos todo, logo de moita instrospección e filigrana, de moita cerimonia e retranca, no devalar da nosa vida; ese divagar calado e mesurado que goza de tanta aceptación fóra das nosas fronteiras, camiño dese derradeiro cachón onde precipitan con gran estrondo tódolos océanos, tódalas almas humanas, o alén Atlántico.
O baixo Ulla aínda conserva aquelas paraxes de Sinde, de Couso, do Xirimbao e Ximonde, olvidando por suposto a lembranza das augas titubeantes que chegan de Portodemouros, a grandeza antiga dos magnos escenarios, a fala poderosa das augas. Hai alí, aínda tanta vida, que mesmo meu fillo ó sentila tan de preto medo lle dá. Hai de todo canto de antigo viaxaba ceibe polos ríos de Galicia: hai escalos a milleiros, anguías cimbrantes na fecunda vexetación de ribeira, un mundo de libélulas, de insectos, mil paxaros arrombados nas pólas da fraga húmida e recendosa, hai troitas e zamborcas que brilan como a prata amoreada nos remansos, e reos, a troita marisca nosa, e de vez pasa con gran pompa e circunstancias o señor das atlánticas augas, o cobizado salmón.
Conta Madoz e outros antigos como en tempos tal farturencia aboiaba polas augas todas ourensáns; como o salmón, brava estirpe, remontaba o Arnoia, o Avia, o Miño, o Deva, o Arenteiro, loitando contra corrente, nesa irrefreable batalla pola supervivencia.
Eu tamén tiña un río cando era neno, un río que en tempos foi Ulla, Miño, Arnoia, e todos ó mesmo tempo, e cantaba a cotío unha ladaíña serena que adormecía os fuxitivos da ribeira. Era o río da miña vida, o vello Limaia, Limia para os poucos amigos que aínda lle quedan, un río que os meus fillos non coñeceron nin coñecerán. O Limia da adolescencia primaria, dos cachóns de Valoiro e Aceredo,
do murmurio do vento nos sabugueiros da herdadiña, do silencio entre as penas aloumiñadas polas augas onde se disolve o Salas. O Limia semella ter o malfado herdado do seu nome romano, agoireiros que chegaron campando coas lexións para lle dar o nome de Oblivionis; endexamais un río sufriu semellante esquecemento, agónico final para aquelas augas puras que non fixeron ningún mal; na Limia foi enxoitada a lagoa de Antela, terra de cínifes, soldados de Artús e de Antioquía; fuxiron os campos, as pontes e as cidades do imperio baixo o encoro de Franco nas Conchas ; sucumbiron os lameiros, as miñas augas doces coa súa cohorte de troitas baixo o peso imparable das augas de Lindoso; , dun Salazar inmorrente; e logo unha minicentral nas augas de Pontelinares. Requiem polo río e pola miña memoria.
Augas de Galicia remata de anunciar con grande estrondo de miles de millóns obras polo ben do país. ¿ Haberá por fin un chisco de racionalidade nesta vida fanatizada dos homes por dar conta da natureza ?. ¿ Cómo conxugar a desfeita coas políticas galegas de turismo e protección da natureza ?. Esperaremos, e a Xinzo iremos para agosto, recoller a memoria esquecida do río , esquecida, pero ollo, nunca perdida.
Xosé Benito Reza.
-------------------------------------------------------------
Comentario do autor da web:
Escrito sacado da Voz de Galicia do sábado, 7-07-2001. Cando me pusen a ler este sensacional texto, sentín, letra a letra e palabra a palabra o mesmo que o autor. O río Limia era tamén o río da miña vida ( hai algún máis, como o río Salas e o río Navea). Coñecín o tramo da Herdadiña, có meu tío Camilo, un pai para mín, nada menos que en 1964, xa choveu. Logo durante 15 anos, iba pescar co meu compañeiro e amigo Félix Valeiras o río Limia, entre a Herdadiña e Aceredo, estábamos namorados do río (inda o estamos hoxe, a memoria esquecida do río...pero nunca perdida...). Ata que chegou o encoro de Lindoso.
¡¡ Malditos !!. Inda o decimos hoxe. ¡¡ Esnafraron o río Limia, dos mellores de Ourense e de Galicia!!.)
Ver algunhas fotografías e foto-montaxe daqueles tempos de pesca na Herdadiña
As fotografías e o comentario das mesmas son de responsabilidade exclusiva do autor da www. Secundino Lorenzo.
A música, que sona ou que sonaba, ten por título "Peace pipe" ou "A pipa da Paz", é dos The Shadows, o meu grupo preferido dos anos 1960. Unha dedicatoria especial, do autor da www, a Consellería de Medio Ambiente de Galicia, para que mire un pouco polos ríos galegos e non permita máis desfeitas. ¡Xa está ben!...
Ourense 08/07/2001.
Saír