O cabalo galego nas letras.

José luís Méndez Ferrín (descoñezo o fotógrafo).

 

salir.jpg (922 bytes) Saír.

Mendez Ferrín , naceu en Ourense o 7 de agosto de 1938. Foi profesor de Literatura en Vigo. Actualmente é escritor e Director da Real Academia Galega.

Ver este link con datos biográficos.

 

 

Ver o texto adicado o cabalo galego.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

      

Méndez Ferrín

"O cabalo galego nas letras"

O texto que sigue é unha copia exacta do artigo anterior, sacado dos suplementos de La Opinión, A Coruña.

 

O cabalo galego nas letras.

Fálame o equipo directivo do Instituto Terra de Turonio (Gondomar) que está a traballar nun vasto proxecto (Ceibes no Monte) cultural e educativo que ten como centro o noso cabalo. Consúltanme sobre a presenza deste na literatura. Aínda que eu non son périto no tema nin estes Espellos son máxicos, tratarei de lles decer algo apoiándome nos que saben máis ca min.
Estrabón, xeógrafo grego (63 a.C.), conta que os Kalaikoi, ou sexa nós, tiñan moitos cabalos e que soían facer holocausto deles ao seu deus da guerra (podía ser Endovelico ou Larouco). As figuras de cabalos nos petroglifos poideran ser representación de tales sacrificios.
Segundo Dion Casio (35 d.C.) na súa Historia Romana, Xulio César viaxou a Brigantion (cidade e torre actual da Coruña) no ano 61 a.C. Alí fíxose César cun cabalo extraordinario que o levaba a el con orgullo e que rexeitaba calquera outro cabaleiro. Se isto foi así, e non unha fantasía encomiástica, podemos pensar que este de que se fala é o primeiro cabalo galego individualizado que aparece na Historia, e precisamente unido a César.
Plinio (século I d.C.) refírese na súa Historia Natural aos nosos cabalos chamándolles tieldóns, do mesmo modo que lles di asturcóns a outros máis cativos. Atribúelles aos cabalos galegos a propiedade de mover simultaneamente o brazo e a pata de cada lado para se desprazar, e isto de modo innato (“mollis alterno crurum explicatu glomeratio”). Isto quer decer que para Plinio os nosos cabalos movíanse naturalmente en andadura (amblure, en francés) ou marcha. Joaquín González Troncoso (autor de Nós, andadura) sabe ben que a espontaneidade desta tendencia no cabalo galego é aínda hoxe obxecto de desputas ardentes. En todo caso Plinio é o primeiro autor que escribe sobre a andadura e a relaciona co cabalo galego. É cousa divulgada que Plinio explicaba a velocidade das eguas mediante o feito destas seren fecundadas polo vento.
O historiador romano Trogo Pompeio, coñecido a través de Xuniano Xustino (século III d.C.) refírese a un mons sacer de Gallaecia, o que nos fai acordantes do Pico Sagro. Escribe que por el se moven raudas greas de cabalos (“equorum pernices greges”) que parecen mesmamente fillas do vento.
Gracio Falisco, poeta latino menor do século I d.C., no seu Cynegeticon describe o cabalo galego como apto especialmente para a montaña e asegura que se move ben polos Pireneus pedregosos (“Callaicis lustratur equis scruposa Pyrenne”), o cal fainos supór que Gallaecia exportaba cabalos ás grandes montañas do NE peninsular. Pola súa facultade para camiñar polos penedos ou terras rochosas. Silio Itálico (ano 102 d.C.), historiador, conta como un cabalo galego, de nome Lampon, participou nunha corrida de velocidade en Hispania tirando dun carro cuxo auriga era Cyrnus, que nós imaxinamos de nación británica. Naturalmente, Lampon ía máis rápido ca o vento, pro gañou o carro tirado por un cabalo asturiano de nome Panchates e gobernado polo auriga Hiberus. Escipión en persoa lle entregou os trofeos a Cyrnus e a Hiberus. Non sabemos se lle puxo unhas escarapelas a Panchates e a Lampon.
Estes datos que lles ofrezo foron colixidos, analisados e ordenados por Manuel Cabada Vázquez na súa obra A rapa das Bestas de Sabucedo (Vigo, Ir Indo, 1992). Resta moito por investigar sobre a presenza do cabalo galego na literatura. Só vou mencionar que esta alta valoración que vemos no mundo clásico non é tan evidente na literatura moderna. Xa temos comentado aquí como o cabalo galego, ou faco galiciano, constitúe a única raza equina identificada claramente no Quixote por Cervantes. Pro o P. Sarmiento comenta no Coloquio de Rústicos (1745) deste xeito a presenza de cabalos galegos no traslado dos restos de Filipe V de Madril (Madrid) a La Granja: “Outros en cabalos/ con ricos arreos/ iban tan garridos/ como Gerineldo./ Mais outros en bestas/ ou facos galegos/ non iban tan postos/ como os cabaleiros”. Sarmiento, tan patriota, despreza o cabalo que Estrabon e Plinio admiraban.
Un souril poeta da Terra de Nemancos, Pérez Paralle, canta así o cabalo de noso no poema Curro da Capelada, na segunda metade do século XX: “Dende a Cabana teixida/ manda o vento un aubío./ Xurde da Pena Toxosa/ un rincho longo e bravío./ Unha potra branca/ e un potro pedrés/ xuntos fan camiño/ para San Andrés./ A moza Lúa pastora/ polos camiños pedreños/ leva beber á fontela/ os seus cabalos luceiros./ O mozo sol dilingueiro,/ no cimo da madrugada,/ acurra cabalos verdes/ na Serra da Capelada”.
Cabalos verdes, os de Pérez Pallaré, tan imposibeis coma os de Franz Marc.

Saír