![]()
Hai moitas lendas sobre os ríos galegos, de momento poño estas sete que son as que máis me gustan.
A lenda das pintas vermellas das troitas.
As feiticeiras do río Sil.
O sexo dos ríos galegos. Antonio Fraguas.
Lenda dos ríos galegos. Chao Rego.
A troita moura. Xoan Xosé Teijeiro.
A lenda da Virxen e o Neno en Portomarin. Xexús Mato.
A lenda da Ponte Pedriña. (Recopilada por Rosa Martínez)
A lenda dos sete santos do Miño. (Eliseo Alonso)
Chao Rego: A lenda dos tres ríos.
UN PAÍS DE RÍOS
Naceron tres fontes e puxéronse a camiñar, e o mar prometeulles que lles entregaría unha persoa ó ano en sacrificio á primeira delas que chegase onda el. Eran as fontes do río Eume, do Sor e do Landro, segundo lenda que Bouza Brey nos conta coma recollida da comarca ferrolá. Botáronse a camiñar. Con rivalidade, que rival vén da palabra latina rivus, que significa río, como xa dixemos. Pero, cansas, adormeceron, non sen antes establecer un pacto de que a primeira que acordase había de avisar ás outras dúas. Pero venceu a rivalidade.
A primeira que espertou traizoou ás outras dúas, e púxose a camiñar, silandeira, por mor de que non se desatasen as competidoras. Axiña acordou a segunda que, furiosa porque non a chamaran, púxose a correr, pero coidadosa de non espertar a terceira. Esta, cando se ergueu do sono e se atopou soa, alporizouse e deu en correr, brincando por riba dos montes e penedos, acadando o mar antes cás outras. É o río Eume, que pasa polas Pontes de García Rodríguez e desemboca en Pontedeume; disque tódolos anos cobra o prezo dunha persoa, que o mar lle paga. Un río que mete medo e resulta falso.
Se principiamos por unha lenda é porque o réxime fluvial galego é literalmente lendario. Álvaro Cunqueiro afirmou, en fase enfática, que Galicia e o país dos dez mil ríos. Non constitúe unha afirmación matemática, senón contundentemente simbólica. O profesor Augusto Pérez Alberti dío de xeito máis científico, que non prosaico: «Galicia é unha terra de ríos». Pero a lenda pode dar xogo, porque os ríos galegos son atípicos, como de contado imos dicir: primeiro dormen e logo teñen que bulir por chegaren.
Se alguén olla o mapa fluvial galego percibirá axiña, coma imaxe húmida e gratificante, un mesto urdido de raias sobre a tea de fondo da nosa xeografía que delata que estamos perante un país de ríos. Díaz-Fierros, xunto con Núñez Delgado e López Periago dínnolo: «Se a paisaxe de Galicia ten algo propio e ben diferenciado é, sen ningunha dúbida, este urdido de vales fluviais que, dentro dunha aparente anarquía, agachan un claro ordenamento e xerarquización, determinados polo artello da rede hidrográfica».
¿Por que sucede así na nosa xeografía? O ceo e maila terra xúntanse para fornecérenno-la explicación. Os dous grandes factores que determinan a nosa condición fluvial son, por unha parte, o clima, en particular o réxime de chuvias. Isto en canto ó ceo, que na terra son responsables as características tectónicas e morfolóxicas; é dicir, a forma dos solos, a orografía.
O profesor Río Barja coa colaboración de Rodríguez Lestegás, nun minucioso estudio sobre os ríos galegos, advírtennos: «A disposición das unidades orográficas, cunha orla montañosa setentrional e occidental discorrendo próxima ó litoral dende a Serra do Xistral ata a do Faro de Avión, e un máis destacado conxunto oriental e sudoriental, dende a Serra de Meira ata a do Xurés, facilita a configuración de abundantes centros dispersores de augas, que envían en tódalas direccións multitude de cursos fluviais, aínda que de curto percorrido, coa coñecida excepción do pai Miño».
![]()
As troitas eran considerados en Galicia animais máxicos. Conta Xoan Xosé Teijeiro, no libro Seres galegos das augas que no río Mao, afluente do Cabe pola zona de Vilasouto, en Lugo, que había unhas troitas con pintas vermellas, que se creían mortos encantados dunha batalla entre mouros e cristiáns. Sin dúbida hoxe estarán máis mortos xa que no lugar fixeron un encoro. Coñezo ben a zona. Por certo preciosa en tempos e cunha chea de troitas, entre Vilasouto e Go.
Son moitos os pozos galegos nos que se atopa unha troita como reina do pozo, así a "Isabel" en Grixó, no río Arnoia, en Ourense, por poñer un, dos moitos exemplos.
As troitas e salmóns eran concebidos como peixes de sabedoría e sagros, pois vivian nas augas limpas, o que demostraba a súa xebra. Coñecían ademais os ciclos e percorridos dos ríos, remontando fervenzas, salvando remuiños e correntes. Toda unha metáfora de sabiduría da vida.
En terras escocesas chaman caesg, a unha serea ou muller feérica que posúe medio corpo de troita. Atópase en augas frescas, entre outros. Seguro que en Galicia hai moitas CAESG si non rematan con elas os minicentraleiros e outros explotadores dos ríos galegos...
A lenda da Virxen e o neno en Portomarín.

|