TEMPOS DE AUGA ( Delfín Caseiro)

Río Limia en Ponte Linares. Fotografía de Xurxo Lobato.

..."Teño toda a auga da Limia nos ollos remelados da memoria." ...

                                                                      TEMPOS DE AUGA

 

A Limia é auga calma, pousada, que se deita calada e agarda a sinfonía eterna das ras na pasaxe solemne do sol á procura do horizonte. Galopar fantástico de rabaño de bestas nos herbais abertos da veiga,  fecunda chaira de fantasía e de liberdade que baixa abeberar no río morno do silencio.

Auga que acariña os dedos do cego de Buxán, cantor de romances, mentres soña paraísos luminosos. O garular da corrente suave na ponte da presa contenta a alma mancada. O asubío aguzado dos carros cargados de fartura estende amodo o toldo refrescante do solpor.

A calquera hora do día quente, o río é morada cobizada da rapazada. Afáns nenos axotan as augas por entre ouvas e rabazas para sorprender troitas descoidadas. Sons mollados de lerias e esforzos anuncian peripecias realizadas por mans brancas e habelenciosas de lavandeiras. Batuxar de corpos espidos, tímidos, no baño ledo e iniciático, que se fan líquidos, anfibios, no xogo de subaugar no ventre escuro do pozo e explorar espazos de misterio no fondo de fermosos coios esmaltados. Ollares furtivos, ás veces cómplices, perseguen a descuberta de manifestacións da adolescencia presentida e provocan os brincos explosivos do cabalo desbocado  do desexo.

No Lameiro comunal, mentres pace o gando manso, carreiras atrás da billarda voadora e  efémeros muíños brinquedos nos pequenos regos que traen a auga limpa dos mananciais do monte acuático. Rodar incesante do rodicio baixo o cano de auga clara, que desafía o equilibrio e encanta a tarde de voces suaves e distantes.

Porfía intensa de chuvia que enchoupa zapatos e roupas abre as billas de innumerábeis regueiros, que alagan touzas e prazas, mar rastreiro de centeo novo en dereitos sucos. Pozas, fosas e carreiras énchense de abundancia líquida. Pingadas de vellos tellados interpretan longo concerto hipnótico de percusión ao tempo que mans paralizadas queren apreixar a labarada da lareira amorosa que conforta.  Danza veloz de escarabanas fai tolear a enramada. Feitizo de orballo fai adormecer camiños e carballeiras. Perfume  de lama nova impregna leiras e casas. Cando chega a poderosa dama da friaxe, a auga faise carambelo branco que convida á aventura desafiante do transitar ousado, expresión da valentía da infancia.

Tempo de auga labrega, abundante e fría, amiga da terra nutricia; tempo acuático, de auga grande, de camiñar lento, tempo case sen tempo, andar de boi manso; tempo de harmonía , de sosego brando, que amortece a vida.

O vento fachendoso que entra pola porta da Feiranova non pára de rifar coas sufridas tellas afumadas.  No amparo do fogar, onde se venera o fascinante lume protector que se eleva maxestoso na pedra do lar, a palabra sabia e maternal de pais e avós, lección maxistral de lealdade ao ser, tangue as horas estáticas da invernía e vai tecendo amoroso cobertor de seda e la que envolve o celme do existir até o último alento.

Teño toda a auga da Limia nos ollos remelados da memoria.

 

DELFÍN CASEIRO.

 

Río Limia. Fotografía de Secundino Lorenzo.

 ..."Tempo de auga labrega, abundante e fría, amiga da terra nutricia; tempo acuático, de auga grande, de camiñar lento, tempo case sen tempo, andar de boi manso; tempo de harmonía , de sosego brando, que amortece a vida"...

 Delfín Caseiro na Romaría da Sainza.

         Delfín Caseiro.

 

 

Río Limia no encoro das Conchas. Fotografía de Xurxo Lobato.

"A Limia é auga calma, pousada, que se deita calada e agarda a sinfonía eterna das ras na pasaxe solemne do sol á procura do horizonte"

      galicia.gif (2685 bytes) Volver