MEMORIA DO RÍO MANSO ( Delfín Caseiro)

Río Limia en Ponte Linares. Fotografía de Secundino Lorenzo.

 

                                               O tempo corre como a auga.                                               

 

Os ollos nenos estaban no río pequeno, río de coios, río de aldea, río doméstico, que flúe escondido e ledo baixo a bóveda continuada de amieiros. O río Bidueiro, que vén da aba do monte Penamá por riba de Barracel. Ollos esculcadores dos primeiros corpos espidos no pozo da Fanteira nos baños de iniciación. Mans tímidas e atoutiñantes a procuraren entre as cañotas mergulladas o lombo de troitas acochadas.

Os ollos nenos seguen a ter emoción perenne de tarde de pesca nas augas mansas do río Limia, guiados polo señor Antonio Xeto, o máis habelencioso pescador da contorna. Home anfibio, auténtico home-peixe,  sabedor das moradas das máis desexadas donas das augas. Veciño de Aldea do Muíño (Rairiz de Veiga), fillo da tía Concepción, a parteira do lugar.  Campesiño sen terras, ten de labrar as augas para procurar con que matar a fame negra da prole abundante.

No medio da veiga fecunda,  paraíso de bestas e vacas, voar maxestoso de garzas e cegoñas na inmensidade do ar,  os ollos nenos fitan sorprendidos o río grande,  río manso,  río de lama e area, que  semella placidamente deitado e adormecido  baixo a cálida bóveda celeste. Para alén da navalla de auga que corta a terra, é territorio ignoto e   hostil, de onde chega o outro bando de rapaces dispostos para a loita, empeñados en facer valer o argumento de que os da borda de aquí son os de abaixo.

O señor Antonio elixe con rapidez o treito axeitado para as operacións, a salvo da ollada acusadora do gardarríos. Alí onde veñen confluír as augas do río pequeno, do río Bidueiro, que imitan na parte final as maneiras  das augas caladas do río da chaira, ou á altura dos fornos de Congostro onde as veigas están máis enchoupadas. O coaxar incesante das ras acompaña as ansias.

O experto pescador procede a despregar a rede varredoira, gardada con esmero en saqueta de liño, e vaina colocando con xeito nun claro que deixan as matogueiras de ouvas e espadanas. Despois, un aceno do seu brazo lévanos a uns cen metros de distancia. Hai que tanguer cara á trampa os confiados seres acuáticos, con balbordo de pés e paus a batuxaren nas plantas das augas.

Chega o momento de levantar; as cortizas que aboian anuncian carga. O corazón brinca no peito, como rapaz que agarda agasallo. O mestre de pesca vai encartando a rede, desde o medio cara á beira, sempre coa mesma habelencia, sentindo nos pulsos o peso que se acrecenta. Érguea con determinación e esforzo e déitaa amodo sobre a herba. Fartura de peixes de ouro, bogas de esmeralda e troitas de prata escintilantes, que iluminan as caras expectantes. Ras desorientadas ofrecen repertorio de acrobacias. Cobras escuras libéranse dos fíos e esvaran calmosas á procura do acubillo de auga, indiferentes aos arrepíos do rapaz. Mans afeitas desenredan deseguida troitas, bogas e peixes estremecidos, que choutan nos canistrelos da abundancia. As mesmas mans liberan con xeito as serpes que seguen atrapadas para que retornen ao seu medio natural. Trato cordial cos ofidios de auga, a pesar dos grandes padecementos sufridos por causa da picadura dunha víbora nun pé que houbo mandar o pescantín para o outro mundo.

A tarefa repítese varias veces co mesmo resultado proveitoso. Mais un acontecemento sorprendente vén romper a rutina animada, cando ninguén o contaba. Algo fai oscilar as cortizas da rede con forza inusitada, o que atrae axiña a atención do pescador arteiro, a pesar de estar ben afastado. Río e tempo semellan deterse para ollaren. O Xeto, que domina a situación coa seguranza do saber e que sempre está á espreita, alanca con axilidade de corzo por entre as espadanas e nun instante chega ao lugar onde o remuíño sinala sorpresa. Mergulla as mans e medio corpo na auga e ergue descomunal troita que se resiste a ser apreixada, con latexos violentos de cabalo desbocado. O señor Antonio, coa expresión de toda a ledicia da festa concentrada no ollar curtido, chama por todos e corre até a beira para nos ensinar tan magnífico exemplar, que ha fornecer pan e compango para a mísera economía da familia.

Coas sombras refrescantes do solpor, a volta para a casa, cos canistrelos ateigados de frescor e recendo de río, resulta percurso sosegado que anticipa o pracer de exquisitos manxares compartidos.

Río Limia. Fotografía de Secundino Lorenzo.

 Os ollos nenos retornan moitas máis veces ao río manso da veiga. Río da memoria, incorporado para sempre á paisaxe emocional, íntima. Viaxes á procura da felicidade, dos herbais extensos, da auga morna, do brillo da area, do aroma das xestas e do ceo aberto, cando a lagoa de Antela era xa lagoa sen auga.

 Acelerado rodar de bicicletas por carreiros e pistas de terra, lisos como a palma da man, en dirección ao lugar máxico: o Colchón. Plataforma de cemento, que couta a corrente do río dunha beira á outra para reter auga e area, forma amplo tobogán líquido polo que escorregan corpos en medras devotos do sol. A pouca distancia do punto de encontro coa canle que vén da lagoa, propicia espectacular cachón inesperado e pozo de fondura axeitada para o baño arriscado.

Nas cálidas tardes estivais, o Colchón congrega rapaces e mozotes das dúas ribeiras da chaira. Fachenda de destrezas e ousadías, con saltos desde as plataformas laterais, brazos e cabezas a perforaren a tona da auga. Acenos de admiración calada nos rostros que observan a exhibición. Brincadeira prolongada  no ventre morno onde os ollos nenos  contemplan fascinados a danza incesante das areas brillantes.  Harmonía de feitizos envolve de seda a paraxe, rompe as pexas do medo e acende labarada de ilusións.

 O cantar esquivo das pitas  silencia un instante as voces e os risos da rapazada. A monotonía musical do ruxidoiro arrola os pensamentos e serena o ánimo. Cando o sol baixa e a auga labrega segue coa súa moenda eterna, peixes atrevidos desafían o cachón e ascenden até o alto procurando espazos máis calmos.

 Rito gozoso do baño, vertixe excitante do salto,  proba de valor esforzado, conquista da adolescencia anunciada.

Os pastores tanguen os rabaños de vacas e cabalos para a casa. Os ollos nenos, limpos como os ventos da serra, están na auga que peneira area fina para amasar o pan da fantasía.

A tarde déitase  na  enramada delicada. O río manso dorme e soña no seu leito de area tapado con fermoso cobertor de estrelas.

 Delfín Caseiro na Romaría da Sainza.

         DELFÍN CASEIRO.

 

 

Río Limia en Ponte Linares. Fotografía de Secundino Lorenzo.

      galicia.gif (2685 bytes) Volver