As tres edades do Lor (Eduardo Moreiras)

       Dende o Cebreiro, o Lor, baixa namorando os ceos da montaña.

      A Águia, cansa de curvas puras, fica inmóvil no ár, bébeda de espacio azul. Lonxe, as neves dos cumios recortan en negro a forma do cabaleiro en besta loira que pasa sin ollar atrás, pois ísta é terra para homes rexos, homes bariles avezados aos camiños infindos da serra famenta de eternidade.

O río Lor discurre entre esas  montañas que se ven o lonxe..."o misterio da montaña"...Fotografía do autor da web.

       Baixa a modo o Lor as terras do Caurel, saltando as pedras para soñar no relanzo. Laxes afiadas coma coitelos , roseiras silvestres enfoscadas no mato, pradiños con ringleiras de choplos onde pacen as vacas, casoupas pra gardar a palla e pra se recoller na chubascada...E, sobor de todo. o misterio da montaña.

          Si fixéramos unha personificación do Lor, coma fixeron antergos dos ríos clásicos -un vello de longa barba verdescente-, poderíamos axeitála asín:

 

Río Lor antes de chegar a Seoane. Fotografía do autor da web.

          O Lor-neno  é un picariño probe, fermoso, de zocos enrugadiños no inverno, descalzo no vrán, cheo de música interior, isa música que aloumiña as entrañas duras da terra e as cobre de fermosura.

O río Lor por riba de Barxa de Lor. Acostumado a "dormir coas estrelas na man...". Fotografía do autor da web.

          O Lor-mozo prende no peito a roseira dun corazón, e durme todas as noites cunha morea de estrelas na mau.

O río Lor na Labrada, preto de onde encontra o Sil..."ainda é mozo...". Fotografía do autor da web.

          O Lor-home, cando encontra o Sil ao pé de Auga Levada, onde se cumpre a fusión suprema, non sabe o que é isa forza asoballante que tanto ten de morte coma de xénesis, pois aínda é mozo e os choplos do Freixeiro cantan as primicias do amor na primaveira. Xurde, entón, dos cumes ispidos, unha labarada de paixón e pureza.

Anaquiño de "prosa poética" do libro de Eduardo Moreiras "Primaveira no Lor". Galaxia  1974.

Eduardo Moreiras,  naceu en Quiroga 1914, e morreu en Vigo no ano 1991.

O libro "Primaveira no Lor" , é,  en realidade,un poema de profundo  contido simbólico escrito nunha prosa  nidia, viva, sutil, cálidamente suxestiva. Un dos mellores libro de prosa  galega (según decía a contraportada do libro).

Descubrín o libro gracias a outro libro dá miña compañeira Celia Díaz Núñez,  "Voces da Terra. Quiroga e os seus escritores" , xa que dedica un capítulo a analizar a obra de Eduardo Moreiras, relacionada co Caurel. Celia chama a Eduardo Moreiras "o camiñante na procura de cumes", e dende logo é certo.

Posteriormente atopei o libro "Primaveira no Lor" que para mín é unha auténtica xoia.

O libro describe unha viaxe que fixo Eduardo Moreiras pola beira do río Lor dende Vilamor ata a súa confluencia có río Sil.

Dice Celia Díaz,..."trátase, no seu conxunto, dunha viaxe pracenteira, liberadora que, coma unha peregrinaxe, permite o reencontro con un mesmo e posibilita a propia liberación, pois a montaña  "é manantío de ascesis que purifica e fai homes íntegros que ollan a vida con fe"...

Un libro básico para todos os amantes dos ríos e da nosa paisaxe.

      galicia.gif (2685 bytes) Volver