A lenda do Pedregal de Irimia.

Pedregal de Irimia a tres kms. de Meira, na Serra de Meira, aquí nace o río Miño. Fotografía de Secundino Lorenzo, o que escribe,  que pisou por riba das pedras e escoitou a auga como manda a tradición. Setembro do 2013.

Onde agora se chama Pedregal de Irimia, en Meira, onde nace o río Miño, hai abundantes pedras de diferentes tamaños. Pisar aquelas pedras, choutando dunha a outra, mentres se atende ao ruxir da auga que fai camiño entre elas é un dos grandes praceres que todo bo galego debe experimentar, polo menos, unha vez na vida.

     Quen puso aquelas pedras?. Para algúns foron os paxaros ao servizo da vella bruxa segundo unha versión que aparece no libro "A flor da auga"; para outros foi o mismísimo demo quen as deixou alí segundo estoutra narración.

      En tempos moi antigos houbo naquel lugar un pequeno cenobio ocupado por frades cistercienses. O demo tíñalles envexa e dáballe voltas á maneira de destruírlles o edificio.

    Unha tarde de verán o ceo comenzou a escurecer anunciando unha treboada que se presentou decontado. Debeu ser horrible. No medio de aquel caos presentouse o demo cos seus secuaces, todos cangados con enormes pedras coa intención de chimpalas sobre o cenobio e derrubalo de vez.

       Mais cando os frades comenzaron a rezar, a treboada retirouse e no ceo apareceron grandes claros. Disque incluso se puido ver a figura de Bernardo de Claraval, e que esta presencia sería a que fixo recuar aos demos, quen, coas présas da fuxida abondonaron as pedras amoreadas no que hoxe chamamos o Pedregal.

       No antigo coro do Mosteiro de Meira había unha cadeira decorada cunha representación deste milagre.

Igrexa do Mosteiro Cisterciense de Meira a tres km. do Pedregal de Irimia. Fotografía Secundino Lorenzo

 

 

Nota 1: o texto anterior está sacado do libro "A flor de auga" de Xosé Miranda e Antonio Reigosa. Xerais. Un libro do 2006 no que se recopilan lendas de Galicia que teñen relación coa auga. Merece a pena.

 

Nota 2: recentemente, 2015, vense de reeditar o libro de Manuel María "Cando o mar foi polo río", unha auténtica gozada de libro...

Pois ben un dos capítulos é:

Crónica na que se relata a auténtica historia do nacemento do río Miño".

Unha xoia auténtica.

Non descarto en poñer o texto completo xa que nel Manuel María pon en boca, nada menos que de Manuel Paderna , a crónica real do nacemento do Pai Miño.

 

     galicia.gif (2685 bytes) Volver  lendas Miño.

   galicia.gif (2685 bytes) Volver lendas ríos