A variedade galega da
xanzá (en castelán genciana), unha coñecida planta medicinal de
alta montaña, non se diferencia só pola súa coloración das que
medran no resto da Península e do continente, segundo unha
investigación que leva a cabo un equipo científico da
Universidade de Santiago. As poboacións autóctonas do noroeste
tamén presentan outras singularidades biolóxicas, que afectan á
relación da planta coa fauna e a aspectos morfolóxicos como o
tamaño das flores.
A finalidade deste proxecto de
investigación -dirixido por Javier Guitián, responsable da
Estación Científica do Courel- consiste en determinar por que as
poboacións galegas desta planta teñen unha cor diferente de
todas as demais. As flores da xanzá común (Gentiana lutea) son
amarelas, mais as colonias do noroeste peninsular presentan
outra coloración, entre vermella e laranxa, o que levou aos
botánicos a clasificalas nunha subespecie diferente, denominada
Gentiana lutea aurantiaca.
Con este obxecto, os
investigadores seleccionaron para o seu estudo unha serie de
poboacións de ambas variedades, situadas nas serras do Courel e
os Ancares e en diversos puntos da cornixa cantábrica. Os
primeiros resultados da investigación -que durará dous anos máis-
indican que a diferenza non se debe aos distintos tipos de
terreo, xa que se encontraron poboacións das dúas clases tanto
nos solos ácidos como nos calizos.
Segundo explica Javier Guitián,
«a diferenza parece ter máis relación coa interacción entre as
plantas e os animais polinizadores, porque o que estamos vendo é
que cada unha das variedades é polinizada por distintas especies
de insectos».
Os investigadores tamén
detectaron outras diferenzas entre ambas subespecies que non
foran estudadas ata agora. «A variedade occidental ten as flores
e os pétalos máis grandes, entre outros detalles morfolóxicos
diverxentes», apunta Guitián a este respecto.
Nos próximos meses, o equipo
realizará análises de laboratorio das dúas variedades para
averiguar se os seus compoñentes químicos tamén son diferentes.
Outros aspectos que serán investigados durante os próximos meses
son os mecanismos de difusión e reprodución das sementes e as
relacións destas plantas cos herbívoros, tanto os insectos como
outras clases de animais. Todas estas cuestións son aínda moi
mal coñecidas, xa que ata agora esta especie foi moi pouco
estudada no seu medio natural