"O país dos dez mil ríos"

"Para certos vagos espíritus, un río é coma un amado fogar". (Alvaro Cunqueiro)
Un dos elementos fundamentais da configuración da paisaxe galega é a existencia dunha ampla e densa rede fluvial formada por miles de ríos e regueiros que recollen as augas das abundantes choivas e das fontes. Non hai aldea, lugar, vila ou cidade que non teña o seu río.
A pouco que nos afastamos dos núcleos de poboación e das estradas, que enchen de ruído os milleiros de automóbiles que os transitan, chega ao noso ouvido un constante e variado son procedente de entre os árbores e a vexetación. É a música dos dez mil ríos e regatos, que en forma de veas de auga, conforman e vivifican este vello país irmanado coa chuvia.
Os cursos de auga en Galiza, desde o illó ou poza onde agroma unha fonte, até o maxestuoso Miño, estiveron sempre unidos ao diario vivir dos galegos. Con eles apagaron a sede, lavaron a r roupa, regaron os prados, moveron os muíños, batáns, mazos, serradeiros e dinamos para producir enerxía eléctrica. Moldearon a variada paisaxe do país e foron xeradores de lendas e tradicións que forman parte do noso patrimonio natural.
Todos os galegos gardamos na memoria o río da nosa infancia. Evocamos as primeiras aventuras e xogos que tiveron escenario as súas orelas, sinaladas polos amieiros e bidueiros nas estremas das leiras e dos prados. Bañámonos nas súas frescas e transparentes augas, fixemos navegar improvisados barcos e tentamos pillar fuxidías troitas e outros peixes.
Hoxe dóenos a situación na que se atopan moitos deles por mor das presas, centrais hidroeléctricas, contaminación das súas augas, alteración dos seus ecosistemas, invasión das súas marxes e outras agresións. Por iso queremos dar a coñecer todos os seus aspectos e demandamos a urxente protección e recuperación do noso patrimonio natural fluvial, con toda a súa biodiversidade de flora e fauna e o seu riquísimo patrimonio etnógráfico e histórico-cultural.
O río O río sabe o camiño
-peleriño
bon-
No rosario de xeixos do seu niño
a i-auga reza unha orazón.
O río é dende o monte
anguía a nadar
ao mar.
Ficóu preso na fisga da ponte
i-endexamais ha de chegar.
Xosé Mª Álvarez Blázquez.

O texto está copiado, o pé da letra, do prólogo "Os ríos de Galiza" de Manuel Núñez Pérez, Adela Leiro Lois e Mon Daporta Padín. Texto que suscribo plenamente e que penso que describe perfectamente a importancia que teñen os ríos e regueiros da nosa comunidade.
O libro está editado pola Editorial A Nosa Terra no ano 2007.
As fotografías son do autor da web e están sacadas en Ourense, a primeira no río Navea en Chandrexa de Queixa e a segunda e terceira no río Arnoia en Allariz e Pontegrande, tamén en Ourense.
Agradecerlle, pola miña banda, os autores que tuveran a deferencia de poñer a miña páxina como bibliografía do seu traballo. Moitas gracias.
Secundino Lorenzo Fernández. Ourense
![]()