"Din que a espada está en Madrí...". Esta é a mitolóxica lembranza que algúns veciños de Parada do Sil atribúen á espada de Forcas, da que xa falamos. Pero as espadas do río andan revoltas na memoria das xentes... porque a que está en Madríd, é outra.

    Era un día de Xullo do ano 1954. profundas excavacións nas paredes do canón do río Sil para encaixar unha presa na rocha.  Naquela obra descomunal o home domesticara as augas do río mediante túneles e ataguías, até  conseguir desecar o leito. De súpeto un obreiro anónimo viu algo estraño asomar nunha poza chea de acarrexos... no centro do río e a unha profundidade de case catro metros...era a punta dunha lanza.

A esquerda unha fotografía tomada de M. Almagro Basch (1954)., mostra a vista áérea das obras da presa  de Santo Estevo (Ribas de Sil9 en 1953. O achado foi nunha poza no centro do leito do río, inmediatamente augas abaixo dos bloques empregados na construcción da presa. Na fotografía da dereita de  A. Trigo Arnal vese as dúas puntas de lanza, unha espada e o colgante. A espada mide 70,5x4,8 cm. Ficha 38.243 do Museo  Arqueológico Nacional.

 

        Movilizado o capataz (Rey), avisou ó encargado (Oliden), que deu orde de escavar a modo o resto daquela poza. Saíron á luz dúas puntas de lanza, unha espada e un colgante, todos feitos en bronce. Estaban prácticamente reunidos e pouco deteriorados. Non eran "cousas de obreiros"...así que foron a parar a mans dos directores de obras, Juan Antonio Bravo (xerente da Sociedade Hidroeléctrica de los Saltos del Sil) e Santiago Castro (enxeñeiro director). Estos resolveron entregalos "generosamente" ao "Museo Arqueológico Nacional", en Madrid, dende onde os reclamara o arqueólogo Martin Almagro Basch, quen publicou o achado ese mismo ano e de onde tomamos este relato. Dende entón será coñecido como o "conjunto de San Esteban del río Sil".

Gráfico do corte da canle do río, con indicación da poza onde se atoparon as armas, sobre deseño de M. Almagro Basch (1954).

     Non é que non houbese intelectuais galegos interesados no achado. Segundo conta Cuevillas, dous ourensáns "peritísimos", Jesús Ferro Couselo e Xaquín Lorenzo (Xocas), conseguiron ver o conxunto antes de que o levaran definitivamente. Con aquela información, escribiu o seu coñecido artigo de 1955, onde expón unha interpretación no contexto simbólico do culto ás augas e sinala os diversos achados en ríos europeos.

Nesta fotografía engadida por mín pero sacada dun libro citado na bibliografía sobre a construcción do encoro, vese perfectamente onde se fixo a presa e como era o río Sil na zona onde se atopu o que se conta no texto.

Neste dibuxo sacado de Google Hearth vese un pouco a situación da que fala o traballo, dende logo o barqueiro estaba onde desemboca o río Cabe, non nas pozas onde apareceron as espadas.

Almagro tamén pensara nesto, pero pola inaccesibilidade do lugar e a relativamente boa conservación das pezas, daba unha explicación máis particular neste caso: o accidente dun guerreiro que caería o río afogado. Anos despois, Marísa Ruiz-Gálvez defende o seu caracter de afrenda e o relaciona con todos os casos de depósitos rituais de espadas en zonas vadeables dos ríos, como esta, un pouco arriba da confluencia do Cabe co Sil, por onde se facía o cruce en barca antes da construcción dá presa.

   Todos os autores concordan en colocar as pezas de San Estevo no Bronce final, por volta de mil anos antes de Cristo. Non sen certas reservas se considera un conxunto pechado dos chamados "complementarios", xa que formaría un xogo de armas ofensivas completo. Outros depósitos da época teñen so obxectos dun mesmo tipo, como os sete machados do Monte de Vide, Cabe arriba, en Distriz (Monforte) atopados en 1896 e dos que apenas sabemos nada. A espada de San Estevo é das chamadas de tipo "pistiliforme" na xerga arqueolóxica, o que alude a unha folla ancha na base, que se estreita para volver ensancharse e logo pecharse na punta. É unha arma cortante, aínda que pola forma, podería servir para ferir coa súa punta alongada. Se parece a outra dragada en 1977 no río Ulla, en Cordeiro (Valga) que da nome ó seu tipo, de dispersión eminentemente atlántica. Unha das lanzas calada na base, ten decoración de liñas paralelas no tubo, e arriba puideran proceder das Illas Británicas.

    Os magníficos traballos sobre as espadas peninsulares (Mejide 1988; Brandherm 2007) insisten que é común a toda Europa (da meridional á nórdica) a aparición de armas depositadas en medio acuático na Idade do Bronce. Na Península Ibérica máis do cincuenta por cento  das espadas proceden dos ríos, pero no resto de Europa, aínda se atopan moitas máis. Famosas son as do Ulla, pero tamén as máis de noventa espadas e outros obxectos do depósito da Ría de Huelva, no baixo Gualdalquivir...ou os depósitos do Rhin, ou do Sena ou do Támesis, por falar dalgúns exemplos. Asi que non é o máis apropiado intentar comprender achados como este cun exclusivo enfoque rexional, aínda que coñecer os seus detalles sempre é fundamental.

     Máis de 550.000 m3 de formigón  postos "a disposición de las necesidades nacionales" selan aquel lugar  no río que conta as historias doutras guerras. Pero hoxe preferimos tratar o achado de Santo Esstevo dende a súa historia recente. Non tivemos tempo de preguntar, como Chávarri (2010), sobre as incidencias da construcción dos Saltos do Sil. Pero é posible que alguén poida contar algo do relato da "espada de Madri" e de cómo se transformou  nun recordo lendario na historia da xente. Quizais podamos recuperar das augas dos lectores do Sil, calquera lembranza que poda axudarnos. E senón, deixade o río correr, ou "Let the river run"...como se escoita de fondo nos spots de Iberdrola. (sanvitordebarxacova@gmail.com)

-----------------------------------------------------------------------

*Profesora de Área de Prehistoria da Universidade de Vigo e investigadora principal do Proxecto de San Vitor de Barxacoba (Parada do Sil), dentro da liña de traballo sobre novas metodoloxías aplicadas á interpretación e comunicación social do patrimonio arqueolóxico.

Para saber máis:

 

Nota do autor da web: este artigo está sacado do  periódico O Sil, novembro do ano 2011, periódico do que son suscriptor dende fai tempo...

É un artigo que me gustou moitísimo,  e que ven a conto para enriquecer a miña páxina web sobre os ríos galegos.

Descoñecía que un lugar de valeirado deste tipo de obxectos eran os lugares onde os ríos eran vadeables. É bastante lóxico, pero non sabía nada.

Sin dúbida os ríos son moitas cousas, moitísimas, cada día unha sorpresa.

Felicitar a Beatriz Comendador, a que lle dou as gracias por permitirme publicar este artigo.

Agradecer o periodico O Sil por este e outro artigo dos que me teño aproveitado. Gracias,  e a seguir na misma liña sensacional.

                       salir.jpg (922 bytes)   Volver a "os ríos son textos".