Arco iris   

  

 

     O Arco iris é un fenómeno meteorolóxico consistente na aparición de arcos de cores (as sete cores do espectro) producidas pola refracción e reflexión das raiolas de sol nas pingas de chuvia.

Tamén se chama Arco da Vella e Arco das Bruxas entre outros nomes.

 

O feito de poñer esta palabra no meu dicionario fluvial débese a unha crenza popular que dice que "o arco iris baixa a beber a auga dos ríos" . Seguro que é certo...

 

Tamén se dice que onde remata o arco iris  hai un illó.

 

    

Os sete cores non son fáciles de distinguir, de esquerda a dereita deberán ser: vermello, laranxa, amarelo, verde, azul, azul oscuro (índigo) e o violeta. A fotografía está sacada en Vilasouto (O Incio -Lugo). Mellor se ven no dibuxo  da dereita.

 

 

Arco iris no encoro de Vilasouto. O Incio. Lugo. Fotografía do autor da web.

Así  escribía, de forma marabillosa,  Xerardo Álvarez Lineses , no seu poema "O arco da vella", en 1934. O poema aparece no libro "Os cen mellores poemas da Lingua Galega", escrito por X. Alonso Montero:

O Arco da Vella.

   Dende o piñeiredo de Vilanoviña

o arco da vella ergueuse a beber,

tanta sede tiña

que fixo surrindo un vó de anduriña

e foi dun esguello nun río a caer.

Ó sentir da auga a caricia leda

espallouse en néboa pola tarde mol

i enchéndose dela colgou na robleda

seu pano de cores tinguido de sol.

 

  O pasmo das xentes deulle preitesía:

xa o frescor da auga non lle apetecía

e como as gabanzas lle sentaban mal

voltou pouco a pouco, con gran señoría,

rubindo do río cara o piñeiral.

 

Arco iris doble. Mende. Ourense. Galicia

Arco Iris. De paseo polo río Loña en Mende (Ourense). Fotografía Secundino Lorenzo

As veces,  como esta,  o arco iris é doble.

Efectivamente nesta fotografía está claro que este arco iris está a beber auga do río Loña.

 

O río Lonia é un afluente do río Miño,  xusto debaixo desta pasarela,  e nun lugar marabilloso da cidade de Ourense. A fotografía é de setembro de 2012.

A dereita da fotografía anterior está unha plataforma que é onde se colle a auga para beber a cidade de Ourense. A vista marabillosa  permite ver a nova ponte colgante de Ourense que pecha un circuito-andaina único de máis de 20 km. O fondo está a central hidroeléctrica de Velle. A dereita podedes ver un muíño de acea típico do río Miño. En Ourense cidade había catro marabillosos, dous están desfeitos (o do cachón ou praia da Concha e o da Ponte Maior de Ourense que inda están as pedras, pouco costaba reconstruilo...).

Os ríos son o ouro do futuro, está claro. O río Miño non vai en boas condicións a pesares de ser o río pai de Galicia (por certo últimamente metín unha ficha, en internet,  moi completa,  e que sigue aberta,  do río Miño como "Pai dos ríos galegos", o que había e sigue habendo sobre o Miño na wikipedia paréceme un insulto.., entrades con "Pai Miño")...

 

Arco iris, ou arco da vella, bebendo no río Miño:  a dereita (pola Ponte Vella)  e  a a ezquerda (por Puga)

O día estaba un pouco feo. Febreiro de 2014 (Ourense)

 

 

 ------------------------------------------------  

  

SOBRE A CANCIÓN  "Over the rainbow..." cantada por Eva Cassidy

Eva Cassidy. Coa miña admiración por esta gran cantante...

Eva Cassidy 1963-1996. ("Over the rainbow"; do seu disco Songbird neste link tendes unha biografía)    Sorprendente Eva

Simplemente decir dúas cousas sobre esta canción que aquí está versionada por Eva Cassidy, unha cantante que tuvo moi mala sorte na vida e non pasou de ser, en vida,  unha cantante de carretera, pouco máis...Pero ¡como cantaba!...

A canción "Over the rainbow"  cantouna por primeira vez Judy Garland  na película "O mago de Oz" en 1939. Logo fixo historia, e ten moitísimas versións...Esta é para mín a mellor...

Dende logo é unha canción mítica, que seguro que xunto a "Imagine" dos Beatles son, según moita xente,  entre a que me inclúo,  das mellores letras da historia.

O ¿por qué a poño de música de fondo da fotografía do arco iris?:   é unha cuestión persoal...un soño... gustaríame que o que estou a facer con este traballo sobre os ríos e a nosa natureza sirva para algo, e que nun tempo pequeno, ¡mañán xa!,  poidésemos ter unha natureza en Galicia marabillosa, cuns ríos, todos,  limpos, sans e con vida...

Ese é o meu desexo que pido a unha estrela, sobre algún lugar do arco iris...seica os soños que se fan dende ese lugar do arco iris fanse realidade...Eu atrévome a soñar eso...

A letra da canción  dice máis ou menos así: 

Sobre algún lugar do arco iris, moi moi alto,

 hai unha terra da que escoitei contar nunha canción de cuna...

Nalgún lugar sobre o arco iris

os ceos son azuis

e os soños que te atreves a soñar fanse realidade.

Algún día pedirei un desexo a unha estrela

e despertarei moi lonxe das nubes

deixando atrás os problemas

lonxe, moi por riba das chemineas

alí é onde me atoparás.

Nalgún lugar sobre o arco iris

voan os paxaros celestes;

entón por qué eu non podería tamén voar?...

Si os paxaros voan alegremente

máis alá do arco iris,

¿por qué eu non podería?

¡Cos meus mellores desexos!  Secundino Lorenzo.

Si tendes una foto bonita sobre o arco Iris e a nosa Galicia mandala o correo anterior, poreina neste apartado ...

Fai uns días fixen esta fotografía en Vilasouto (O Incio -Lugo).

O arco iris bebe doblemente do río Mao, a esquerda no regato que forma o encoro,  e a dereita no encoro. No medio este castiñeiro marabilloso...Maio 2014

Quero facer unha dedicatoria desta fotografía, a un poeta único en Galicia que foi Manuel María. Para el vai tamén esta palabra "O arco da Vella". Un poeta que nos deixou este poema marabilloso entre outros moitos:

Escrita esta dedicatoria o día 17 de maio de 2016, un ano adicado a Manuel María co galo do Día das letras galegas.

 

 

O ARCO DA VELLA

O arco da vella

no ceo subindo

co seu colorín,

co seu colorido.

 

O arco da vella

con sete colores

que teñen, no ceo,

beleza de flores.

 

O arco da vella

no ceo chantado

co seu colorín,

co seu colorado.

 

O arco da vella

é un arco triunfal

con sete guerreiros

que a ninguén fan mal.

 

O arco da vella

de luz feito é.

Resulta un milagre

que siga de pé!

Manuel María.

 

Saír o dicionario.