COMUNICADO FINAL: AS XORNADAS DIDÁCTICAS  EN FRIEIRA.

A presa da Frieira, cunha altura de 33 metros, entre os concellos de Padrenda (Ourense) e Crecente (Pontevedra), é, dende o 1970 en que foi inaugurada (e agardemos que a amenaza do encoro do Sela nunca chegue a materializarse), a primeira barreira imposíbel de superar para as espécies que, -como a anguia, a lamprea, ou o salmón-, volven dende ao mar ao rio para completar o seu ciclo de vida.  E todos os anos, polo meses de Xullo e Agosto, toneladas de alevíns de anguias (cada ano menos) seguen agolpándose ante as suas comportas nun esforzo inútil por superar unha barreira que, -con prepotente desprécio pola natureza-, todos consentimos en construir para gratuito benefício das empresas eléctricas. Os salmóns xa non chegan: cansos de, ano tras ano, suicidarense a golpes contra os muros da presa nos seus inúteis esforzos por superala, hai tempo que parece ter desistido de subir rio arriba; e as lampreas, -que noutrora, pola sua abundáncia, foron manxar de servos e criados do mosteiro de San Clódio-, teñen hoxe que conformarse co pouco rio que aínda lles queda abaixo do encoro.

            Hoxe, 30 anos despóis de inaugurada a presa, -a pesar da lexislación que obriga á construción de escadas para peixes e das reiteradas resolucións do Parlamento Galego solicitándoas-, seguen quedando nas comportas deste encoro, non só o futuro de vida de todas estas espécies, senón tamén o importante recurso económico que, en toda a cunca do Miño, tén sido, até non hai moito tempo, a pesca da lamprea, do salmón ou da anguia.  A memória de moitos dos caneiros aínda sabe hoxe dos carros cargados de peixe que subian do rio nas noites de crecida.

Nada millor, pois, que observar o inútil esforzo das anguias ante as comportas do encoro para visualizar de forma gráfica o que estas barreiras sinifican para todo o ecosistema fluvial. Foi por esta razón pola que, -contando coa asociación Coto de Frade de Ribadávia e ante avalancha de solicitudes para a construción de novas presas que se públican diáriamente nas páxinas do DOG-, convocamos aos afectados por estes proxectos a unha xornada didáctica na mesma presa da Frieira.

Veciños do Umia, do Ulla, do Lérez, do Návia, etc, e asociacións ecoloxistas comparecemos na presa co ánimo de sermos testemuñas dunha loita pola vida que UNIÓN-FENOSA e Conselleria de Meio-Ambiente consinten en que sega sendo desigual e inútil: a prepoténcia do formigón fronte ao milenário instinto do anguieiro. A xornada, dado o inesperado interesese dos axentes de Meio Ambiente por retirar as anguias das comportas antes de que chegarmos todos os convocados, non pudo realizarse dacordo ao guión previsto, máis serviu para saber dos graves impactos dos encoros; para facer história dos incumplimentos da Lei (en canto a caudais mínimos e a escadas de peixes); para expresarmos a solidariedade de todos cos afectados do Umia, do Návia, do Ulla, do Lérez e de todos os demáis rios; para facer un chamamento á conciéncia social para que non se consinta que o negócio das eléctricas poda prevalecer sobre a necesidade de conservar, para nós e para o futuro, toda a diversidade e calidade do noso património natural.

A xornada acabou coa aceptación por parte de todos e de todas de, no próximo ano, facer desta xornada didáctica un acto reivindicativo de maior difusión, dende o que demandar que non se lle poñan máis barreiras aos nosos rios.

Río Miño en Frieira.

Fotografías de Secundino Lorenzo.

Texto de Daniel L. Vispo. Adega de Lugo

Saír